Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
O CEMMA xestionou a súa devolución ao mar

'Teimoso', o lobo mariño que chegou da Figueira da Foz

Logo de dous meses de recuperación, o espécime viaxa no barco Ferreira Martínez de volta ao Gran Sol.

Redacción - 19:00 30/03/2009
'Teimoso' / Fotos: CEMMA

'Teimoso' / Fotos: CEMMA

Os lobos mariños cincentos (Halichoerus grypus) nacen entre setembro e outubro nas costas de Irlanda e chegan até as galegas e portuguesas a partir de principios de ano. Teimoso é un espécime rescatado dun temporal na Figueira da Foz, que despois de se recuperar en Portugal partiu este luns dende Marín de volta ao Gran Sol.

O 30 de xaneiro, a Rede de Varamentos de Portugal foi alertada da presenza do animal, que se debatía entre as ondas do mar. Pouco despois rescatárono e trasladárono ás instalacións de recuperación que a Sociedade Portuguesa para a Vida Salvagem (SPVS) xestiona en Quiaios, tamén na Figueira da Foz. Logo de dous meses, xa recuperado, chegou o momento de volver ao mar.

É cando a asociación portuguesa bota man do Centro de Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA), especializado neste tipo de operacións. Para os devolver ao océano, o CEMMA colabora cos pescadores galegos, que a diferenza dos portugueses, faenan no Gran Sol. Segundo Alfredo López, presidente da ONG, antes optaban por liberalos na propia costa mais en ocasións as focas preferían non marchar debido a que a xente lles daba de comer.

Este luns, Teimoso -que leva o nome da praia da que foi rescatado- embarcou no Ferreira Martínez, en Marín en perfectas condicións de saúde. Voluntarios da SPVS trouxérono nun furgón dende Quiaios, previa información á Xunta. A tripulación, que colabora desinteresadamente coa iniciativa, recibiu as recomendacións sobre o seu mantemento. Está previsto que sexa ceibado o martes á tarde. Neste senso, Alfredo López salienta que o operativo serve para concienciar ambientalmente os mariñeiros, que habitualmente ven nas focas e lobos mariños un competidor.  

O lobo mariño Barda, en recuperación

Por outra banda, o CEMMA tamén informou de que na actualidade mantén en recuperación o lobo mariño Barda nas instalacións do Acuario do Grove. A súa evolución, din, é favorábel e cóntase con liberalo dentro duns quince días, unha vez regrese o Ferreira Martínez.


4.43/5 (7 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: