Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Prestige

A Fiscalía apoia a decisión de exculpar a López-Sors

O único ex alto cargo implicado no xuízo da catástrofe foi absolto pola xuíza de Corcubión, grazas a un informe pericial, feito por un enxeñeiro que colaborou co goberno Aznar.

Redacción - 08:30 01/04/2009
O que se deu en chamar 'galletas' de fuel, na praia / Flickr: surfercosmovision

O que se deu en chamar 'galletas' de fuel, na praia / Flickr: surfercosmovision

A Fiscalía de Galiza apoiou a decisión tomada pola xuíza de Corcubión, Carmen Veiras, de non imputar o ex director xeral da Mariña Mercante española, José Luis López-Sors, na causa do Prestige. Alén disto, este órgano xudicial tamén pediu que se paralice o proceso de presentación dos escritos da acusación mentres non se resolvan os recursos presentados contra esta decisión.

López-Sors era, até a pasada semana, o único ex alto cargo imputado pola súa decisión de afastar o barco da costa. Porén, a semana pasada sóubose que a xuíza de Corcubión decidira exculpalo, baseándose nun informe que elaborou o enxeñeiro Santiago Martín Criado, e mesma persoa que o 19 de novembro de 2002 asinaba, xunto ao ex director xeral da Mariña Mercante española, un documento no que tomaban a decisión de afastar o Prestige da costa galega. Contra a decisión de exculpar a López-Sors hai varios recursos interpostos no mesmo xulgado de Corcubión e na Audiencia Provincial da Coruña.

A Fiscalía ve "coherente" a decisión da xuíza de Corcubión
O fiscal responsábel de Medio Ambiente, Álvaro García Ortiz, sinalou, ao dar a súa visión do caso, que aínda que a actuación de López-Sors podería levalo a xuízo oral, "hai datos dabondo na causa para, dende a obxectividade, valorar a non imputación" do ex director xeral da Mariña Mercante, e, polo tanto, "arquivar o caso contra el". García Ortiz tamén sinalou a "coherencia" do momento escollido pola xuíza para exculpar a López-Sors, e considerou "o suficientemente motivada", de acordo co "recolleita do material dos autos".

Alén disto, a Fiscalía criticou o recurso de forma presentado por Esquerda Unida (EU), por "simplificar de xeito evidente" as probas dos peritos.

A implicación de Martín Criado no caso
Foron moitas as partes que puxeron recursos á decisión de exculpar a López-Sors, porque o informe pericial no que se baseou o xulgado de Corcubión para facelo foi elaborado polo enxeñeiro naval Santiago Martín Criado, quen tamén asesorara ao ex director xeral da Mariña Mercante mentres o Prestige afundía.

Alén do presentado por EU, tamén o capitán do barco, Apostolos Mangouras; o xefe de máquinas, Argyropoulos Nikolaos, o primeiro oficial, Irineo Maloto; a Plataforma Nunca Máis e a Coordinadora de Confrarías Afectadas polo Prestige, oito prexudicados e un concello presentaron cadanseu recurso solicitando a nulidade desta proba pericial. Porén, agora a Fiscalía rexeita esta cuestión, afirmando "descoñecer o dereito fundamental que violou ou violentou" este Martín Criado. Nesta liña, consideran que a asistencia de Martín Criada á xuntanza na que, en novembro de 2002, se decidiu a afastar o Prestige da costa, "pese ao ruído que xerou, non supón legalmente motivo de recusación ou tacha do perito, canto menos alegación algunha de nulidade das actuacións".


Ligazóns

1,5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: