Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Marco legal do país

"Se pretenden equiparar Galiza con Andalucía, que non conten co BNG"

Aymerich, ao igual que os voceiros de PPdeG e PSdeG, aplaude a idea de Rojo de reformar o Estatuto, mais a postura dos tres grupos non mudou en catro anos.

Redacción - 18:35 06/04/2009

Os tres grupos parlamentarios mostráronse a favor de reformar o Estatuto de Autonomía despois de que a presidenta da Cámara, Pilar Rojo, avanzou o domingo que ha ser unha "prioridade" para ela.

Con todo, o BNG avisou de que "non permitirá" que sexa de "segunda", mentres que o PSdeG propuxo aproveitar o traballo avanzado na anterior lexislatura. O PPdeG, que considerou "positivo" que Galiza poida contar cun novo marco estatutario, sinalou que deberá chegar a través dun "novo consenso", porque se non, "xa temos o que temos", declarou o seu voceiro, Manuel Ruíz Rivas.

Ruíz Rivas (PPdeG): "Fracaso colectivo"
O popular evocou o "fracaso colectivo" da pasada lexislatura, para concluír que "un novo Estatuto é positivo para Galiza e que non se vai mirar atrás". "Seguimos pensando que estamos onde hai catro anos, hai unha serie de condicionantes que hai que levar adiante en todo ese proceso de reforma", explicou, e recordou que existe un marco que "mostrou as súas bondades en moitos anos".

En segundo lugar, Ruíz Rivas avisou de que o Estatuto debe de encaixar na constitución española e, por último, apostou por que un hipotético proceso de competencias "se faga pensando en beneficio dos que van ter que ser os destinatarios das novas transferencias".

Fernández Leiceaga (PSdeG): "Hai un 85% de texto acordado"

Pola súa banda, o seu homólogo socialista, Xaquín Fernández Leiceaga, afirmou que os socialistas "sen dúbida, intentarano", e remitiuse ao traballo da lexislatura anterior para salientar que "hai un traballo feito", que propuxo aproveitar.

"Creo que hai un 85% de texto acordado entre os grupos", manifestou Fernández Leiceaga, e advertiu de que "se se quere volver atrás e pór o contador a cero, vai ser moito máis complicado".

Aymerich (BNG): "Non permitiremos un Estatuto de segunda"

Ao portavoz nacionalista, Carlos Aymerich, pareceulle "ben" a proposta de Rojo, mais recordou que require un "esforzo de consenso". "É sabido que buscamos consenso (na pasada lexislatura) e foi o PP o que cunha postura obstinada de veto" impediu a reforma.

Agora como consecuencia, para o parlamentario do BNG, "en cuestións tan importantes como o financiamento autónomo, Galiza está en peor posición de forza". "O propio documento do Ministerio de Economía recolle como un dos referentes os novos estatutos, que teñen regulacións específicas", incidiu, polo que destacou que o noso país ten un "hándicap de partida" que non teñen outras comunidades.

"Vaise abordar de novo?", dixo retoricamente Aymerich e avisou: "Veremos, mais non imos permitir, na medida das nosas posibilidades, que Galiza conte cun Estatuto de segunda". "Temos un estatus de nacionalidade histórica e iso tense que reflectir no ámbito de competencias", explicou. "Se hai quen pretende equiparar Galiza a Andalucía e Murcia, está no seu dereito, mais que non conten para iso co BNG", advertiu.

Feijoo, proposto para a Presidencia

As declaracións dos tres voceiros parlamentarios producíronse logo de se reuniren este luns coa presidenta da Cámara, que tal e como se esperaba propuxo o candidato do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, para presidente da Xunta. O PSdeG e o BNG non achegaron ningún nome, e adiantaron que votaran en contra da investidura de Feijoo.


3,67/5 (9 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: