Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Pregúntanlle a Feijoo se o "avala"

O PSdeG quere que a Fiscalía investigue se Baltar cambiou o voto de dúas persoas

Os socialistas tamén solicitan a renuncia de Agustín Hernández logo de coñecerse que traballou para a empresa á que desde a Xunta lle adxudicou obras por valor de máis de 30 millóns.

Redacción - 09:00 07/04/2009

"No que a el lle parece unha simpática anécdota, debe estar a esencia do que o PP entende como democracia", reprocháballe este luns Mar Barcón, responsábel de Organización da Comisión Xestora do PSdeG, ao líder ourensán do PP, Xosé Luís Baltar. Barcón acusou o barón provincial do PP de pensar que "todo vale". En opinión da socialista, aos populares seica lles vale "cambiar votos, vale facer campaña electoral o día das eleccións, vale vulnerar o segredo do voto e vale presumir diso".

As queixas dos socialistas chegan ao fío dunha entrevista con Baltar, publicada este domingo no diario coruñés Xornal, onde o popular admite que lle pediu a unha parella que lle prometera o voto e dos que lle causou "dúbidas" os seus sobres. Así, relatou Baltar, cambioulles as papeletas "por unhas do PP". "Acompañeinos ata a mesa e logo comprobei que lle ían votar ao PSOE", contou Baltar.

Os socialistas van pedirlle este martes formalmente á Fiscalía que investigue as afirmacións de Xosé Luís Baltar, determinando se o presidente da Deputación de Ourense cometeu un delito o pasado 1 de marzo. De paso, Barcón instou o líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo a aclarar se "avala este xeito de entender a política" e se é iso "o que entende por transparencia e respecto ás urnas".

Acusacións ao deputado Agustín Hernández
Tamén se referiu Mar Barcón a outra información publicada, neste caso o luns e en El País, onde se debulla a adxudicación realizada desde o último goberno de Manuel Fraga ao grupo construtor Puentes y Calzadas por valor de máis de 30 millóns de euros. Segundo recolle a reportaxe, un ano máis tarde, o agora deputado Agustín Hernández, xustamente un dos nomes que soa agora como candidatos a pilotar a Consellaría de Política Territorial, pasou a traballar apenas un ano máis tarde na empresa adxudicataria.

Esta situación, en opinión dos socialistas, "debería ter como consecuencia que renunciase á súa acta de deputado ou que Feijoo o esixise". Mar Barcón analizou ao respecto que, malia non ser ilegal, expresa "unha falta de ética política e persoal". "A legalidade varía segundo as leis, pero falamos de ética, de boas prácticas e de como estar en política", afirma a deputada coruñesa. Recorda ademais que o Goberno saínte aprobou en 2008 un decreto que lle obriga aos altos cargos a agardar cando menos dous anos para incorporárense a empresas do mesmo sector no que traballaron na Xunta.


4.71/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: