Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
'O galego é útil'

O galego tamén é útil fóra de Galiza

Esa é a idea que un grupo de galegos asentados en Londres está a promover na internet a través dun manifesto interactivo.

Redacción - 10:40 08/04/2009

Un grupo de galegos asentados en Londres está a promover a idea de que a nosa lingua tamén é útil fóra do país, segundo informan nun comunicado enviado aos medios. A través do manifesto O galego é útil, pendurado na internet os asinantes pretenden "desmentir", dende a súa experiencia no estranxeiro, o mito de que "o galego non vale para nada" ou "serve só dentro de Galiza".

Entre as vantaxes de falar o idioma propio do noso país, o manifesto salienta que o galego "axuda a aprender outras linguas, permite a comunicación en portugués e engade unha vantaxe competitiva no mundo laboral internacional". O manifesto, que se define como "libre de ideoloxía e afiliación política", pode ser "asinado" na internet.

Os impulsores desta iniciativa, Xesús Magariños e Inma Gil, agardan atraer sinaturas e comentarios de usuarios galegos de todo o mundo e contribuír así "construtivamente" ao debate sociopolítico en Galiza. Varios bloggers, usuarios de redes sociais e medios de comunicación recolleron a publicación do manifesto, que está a ter unha boa aceptación.

Debate necesario
Algúns comentaristas cuestionan que sexa axeitado falar da utilidade da lingua en termos tan prácticos, outros pregúntanse se acaso hai algunha lingua que non sexa útil. Mais os creadores do manifesto aseguran que o debate é necesario.

Se ben "é unha obviedade dicir que unha lingua é útil, porque todas o son", afirman, "lamentabelmente no debate lingüístico en Galiza óense con demasiada frecuencia comentarios que descualifican o estudo do idioma galego argumentando que é unha lingua que non serve para nada fóra da nosa terra". "Quizais non é mala idea gritar obviedades por internet", conclúen.


Ligazóns

4.5/5 (36 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: