Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Consecuencias da desaceleración económica

Irlanda suspende a axuda para o desenvolvemento dos países pobres

A economista Dambisa Moyo considera que as doazóns de Occidente son as que lles eivan o progreso, e cre que a crise é unha oportunidade para África.

Redacción - 11:45 09/04/2009

O Goberno de Irlanda anunciou esta semana unha suspensión na axuda para o desenvolvemento dos países máis pobres do planeta, argumentando a grave necesidade de facer unha pausa para se recuperar economicamente.

Nun comunicado conxunto, o ministro de Exteriores e o secretario de Estado para o Desenvolvemento, Micheál Martin e Peter Power, respectivamente informaron de que o orzamento destinado a este fin en 2009 será de 696 millóns de euros, o 0,48% do Produto Nacional Bruto.

"Lamentamos profundamente que fose necesario o recorte de fondos ao programa para 2009. A redución anunciada hoxe é unha das medidas que se requiren para recuperar as finanzas públicas e estabelecer unha base sólida de cara a un novo crecemento económico", sinalaron.  

Medidas anti-crise

O anuncio, que chega despois de presentar o ministro de Economía, Brian Lenihan, uns orzamentos de emerxencia este martes, recolle no entanto o compromiso do Goberno en retomar a súa implicación económica progresiva na axuda ao desenvolvemento "tan pronto como se restabeleza o crecemento económico".

En 2008, Irlanda figuraba como o sexto maior doador en ingresos per capita do mundo. "O compromiso de Irlanda é chegar á meta do 0,7% en 2012. Isto contrasta coa maior parte dos membros da Unión Europea que procuran o obxectivo do 0,7% para 2015", engadiron no comunicado.

'A axuda que mata'
No entanto, algúns expertos económicos consideran que son as axudas de Occidente as que lastran a posibilidade de progresar dos países máis pobres. Por exemplo, a economista africana Dambisa Moyo, autora de Dead Aid (A axuda que mata), avoga por deter as doazóns económicas aos países subdesenvolvidos, no seu caso aos de África, agás en caso de catástrofes puntuais.

O seu principal argumento é que a maioría de gobernantes africanos seguen nos seus postos porque o diñeiro segue a chegar, e non teñen responsabilidade ningunha sobre a efectividade dos investimentos.

"Durante os últimos 60 anos, transferíronse dende os países ricos a África miles de millóns de dólares en axuda ao desenvolvemento. Porén, a renda per capita hoxe é menor ca a dos anos 70, e máis do 50% da poboación (350 millóns de persoas) vive con menos dun dólar diario, unha cifra que case se duplicou en dúas décadas", afirma Moyo.

Como exemplo fala da China, da que di, "hai corenta anos era máis pobre que moitos países africanos", mais que "traballaron arreo para crear unha situación en que non dependen da axuda humanitaria". Neste senso, nun artigo publicado no xornal inglés The Independent, defende que a actual crise pode ser "a cura á cegueira que provoca a axuda humanitaria a África".


5/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: