Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Asegura que respectou a lei

Sercoysa argumenta que Hernández é un dos enxeñeiros "máis recoñecidos" no sector en Galiza

A empresa recorda que, paradoxalmente, tamén estivo no primeiro plano da lea política cando contratou un cuñado do actual presidente da Xunta en funcións.

Redacción - 17:45 08/04/2009
Sede da empresa Sercoysa no Parque Empresarial O Campiño, en Pontevedra

Sede da empresa Sercoysa no Parque Empresarial O Campiño, en Pontevedra

Sercoysa, a empresa que estes días aparece no centro da polémica mediática por verse beneficiada de adxudicacións por parte de quen, despois de deixar o goberno de Manuel Fraga, pasou a integrar o seu equipo directivo, enviou na tarde deste mércores un comunicado onde argumentan que é "lóxico" que construtoras e Xunta se disputen "os servizos profesionais de Agustín Hernández". Indican desde a empresa que a fichaxe foi "absolutamente escrupulosa" coa normativa vixente no seu momento en que "respondeu unicamente á lóxica do funcionamento empresarial que debe guiar toda sociedade mercantil que, obviamente, tentará contar cos mellores no seu cadro de persoal".

A empresa admite que gañou con regularidade concursos e poxas de obra pública convocados pola Xunta, pero recorda que isto aconteceu tanto cos executivos do PP como do actual departamento liderado polo PSOE. Así e todo, defende que o seu negocio co Goberno é mínimo en comparación ao volume de actividade total. Máis aínda, afirman considerar que a compañía "desde sempre recibiu moito menos volume de adxudicacións desde Santiago do que lle correspondería pola súa envergadura, que abrangue uns douscentos empregos directos e outros tantos indirectos".

Non é a primeira vez que se ve implicada na lea política
Do mesmo xeito, a propia empresa recoñece que ás portas do peche da última campaña electoral estivo tamén de actualidade no escenario político, malia que daquela os dardos non ían contra o PP, senón contra o PSOE. "Naquela ocasión, a información relacionaba a adxudicación de contratos a Sercoysa pola Xunta nestes últimos anos coa presenza no cadro de persoal da empresa de Camilo Cid, un profesional tamén de recoñecida valía que foi fichado pola empresa hai anos para o posto de director financeiro e que é cuñado do devandito presidente en funcións da Xunta", sosteñen.


1/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: