Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
MENTRES QUE O "QUINTANISMO" APOIA A AYMERICH

A UPG confirma a súa aposta por Guillerme Vázquez e os críticos ultiman candidatura

Os de Francisco Rodríguez anuncian que o pontevedrés é o seu candidato a portavoz nacional, os sectores críticos preparan unha candidatura unitaria na que estarán Beiras, Nogueira e Esquerda Nacionalista.

Redacción - 18:40 08/04/2009

A Unión do Povo Galego anunciou formalmente este mércores que ten o seu propio candidato para a Asemblea Nacional que se vai celebrar o vindeiro 10 de maio. A UPG, canda militantes independentes do BNG, vai propoñer ao concelleiro pontevedrés Guillermo Vázquez para a portavocía nacional. Nun comunicado, o partido que lidera Francisco Rodríguez sinala que as candidaturas para eleccións de delegados nas comarcas presentaranse baixo o nome de Alternativa pola Unidade.

A UPG aposta de cheo por un médico pontevedrés de 56 anos de idade.  Subliñan a súa experiencia organizativa (foi responsábel comarcal) e institucional: foi deputado no Parlamento de Galiza, no Congreso español e agora continúa como concelleiro do goberno local de Pontevedra. Aínda que sen carné da Unión do Povo, Vázquez sempre foi considerado un home próximo a este partido.

Dende a Alternativa pola Unidade sinalan que “no actual contexto, é preciso que a persoa que encabece a Portavocía Nacional do BNG teña nesta a súa única tarefa política, sen compatibilizar outra función institucional, nin executiva nin parlamentar (en clara referencia a Carlos Aymerich). Só deste xeito esa persoa estará en condicións de dar ao BNG o impulso que o nacionalismo precisa para enfrontar con garantías de éxito este novo tempo político”.

Nesta candidatura consideran que o BNG ten que erguerse como forza política que lidere a oposición ao Partido Popular “en defensa das clases traballadoras e das pemes vinculadas á economía produtiva, así como non fuxir de dar batalla ideolóxica en cuestións centrais para o nacionalismo galego como o Novo Estatuto de Nación ou a normalización da lingua galega”.

Os promotores afirman que, unha vez elixidos os 2.500 delegados, están dispostos a chegar a acordos con outras candidaturas “que compartan os criterios de unidade e lealdade aos acordos democráticos adoptados polos órganos do BNG”.

Xosé Manuel Beiras, Camilo Nogueira e Esquerda Nacionalista únense nunha candidatura (19.30 horas)

Na loita polos 2.500 delegados que participarán na Asemblea Nacional de maio, tamén entran os sectores críticos. Segundo puido saber este diario, O Encontro Irmandiño, liderado por Xosé Manuel Beiras, chegou a un acordo con Esquerda Nacionalista e con ex militantes de Unidade Galega, como é o caso de Camilo Nogueira, para presentar “candidaturas abertas” nas comarcas.

Esta terceira forza pretende ser a alternativa á candidatura que promove a UPG e á que lidera Carlos Aymerich. Os críticos, que pretenden nuclear á militancia descontenta co rumbo que tomou nos últimos anos o BNG, consideran que poden dar un golpe de man na Asemblea Nacional extraordinaria.

Espazo Socialista Galego e Inzar apoian a Carlos Aymerich

O chamado “quintanismo” apoia en bloque a Carlos Aymerich para liderar o Bloque. Formacións achegadas a este movemento, como Espazo Socialista ou Inzar, van participar nas candidaturas comarcais. Os de Aymerich consideran que teñen forza para ser a candidatura con máis apoios a nivel comarcal, o que posicionaría ao actual voceiro parlamentario como candidato idóneo á portavocía nacional.


3.44/5 (18 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: