Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
En San Cibrao, na Mariña

Como destruír, ás caladas, un xacemento castrexo e pórlle unha urbanización por riba

Os veciños loitan por parar a construción de tres edificios de cen vivendas por riba dun castro. Vídeo no interior.

Texto: A. Rodríguez / Vídeo: Isabel G. Couso - 09:00 15/04/2009
A península da Atalaia entrando no mar, na vila de San Cibrao (clique para ampliar)

A península da Atalaia entrando no mar, na vila de San Cibrao (clique para ampliar)

San Cibrao é unha pequena península que entra de cheo no Cantábrico, abaneada polo vento do nordeste día si, e día tamén. Na Atalaia, a carón do Faro, unha zona aberta pegada ao mar e as rochas, só hai pequenas casas brancas, situadas nas rúas tortas do vello barrio mariñeiro, e, ben pegadas, as chamadas "casas baratas", vivendas de protección oficial de máis de 20 anos, centos de fendas e cores pastel. Son predios altos de máis que, porén, son superados por un enorme edificio irregular: unha mole grisalla que nunca se chegou a habitar por non ter as licenzas en regra, e que leva en pé máis dunha vintena de anos.

A carón deste coloso do feísmo, un construtor mariñán, pinchado nas cachas polo boom inmobiliario que acugulou A Mariña de ferros, ladrillo e piscinas sen auga, decidiu erguer tres edificios de cen vivendas. O peor disto non é que vaian erguer estes tres predios a poucos metros da costa, nunha zona ben fermosa, senón que a construción vai por riba dun castro.

Tres edificios que ameazan un importante xacemento arqueolóxico
A promoción 'Faro de San Ciprián' -non sei que pasa na vila, que non hai quen lle chame San Cibrao, aínda que é o nome oficial-, anúnciase nas inmobiliarias madrileñas como unha inmellorábel situación "en primeira liña de praia". E é xusto onde estará, se as obras que comezaron en 2007 continúan, pegada aos cantís que baixan da Atalaia cara o mar. Cunha altura que superará o predio nunca habitado a carón da que medran, estes tres edificios ameazan un dos xacementos castrexos máis importantes de Lugo: o Castro da Atalaia.

A importancia non é que a supoñamos, é que o seu tamaño; a peculiaridade e morfoloxía das súas construcións; as pezas que se acharon nas prospeccións; e os gravados e o cuncheiro atopados a poucos metros xa falan por si sós da magnitude deste castro.

Porén, aínda ninguén, agás uns poucos veciños, se moveu para poñelo en valor. Detrás do silencio dos delegados da Consellaría de Cultura, do lanzamento de acusacións do Concello de Cervo e do esbandallamento, á calada, do construtor, están intereses pequeneiros e mesquiños, do tamaño dun pequeno cuarto nun edificio, ou dunha partida ao tute nun bar da vila; un deses sitios onde, por veces, se decide, nunha man, soterrar a historia e o patrimonio por baixo de toneladas de ferro, cemento e ladrillo.

O que aconteceu co castro de San Cibrao é que todas aquelas Administracións que tiñan que velar pola herdanza de todos -a Xunta, dende Cultura, e o propio Concello de Cervo- deshinibíronse das súas obrigas, e as arelas individuais, as dos veciños -que foron os únicos que se preocuparon pola preservación do xacemento-, quedaron esquecidas e apartadas das axendas diarias. Uns contestaron que hai moitos xacementos desta época na costa lucense, tentando xustificarse, cando ter moito non te exime de abandonar o que tes. Outros non souberon valorar o patrimonio que se ergue por baixo do seu solo, e obviaron por completo a sensibilidade dos seus cidadáns. E logo está o construtor, que non tivo sensibilidade ningunha, e viu só un enclave marabilloso no que poñer a vivir a xente do século XXI por riba dos alicerces prehistóricos.

Un castro do que todo o mundo sabía a existencia
Da existencia do castro todo o mundo tiña noticia, dende hai moitos anos. Mais, coma antes apenas se furaba na terra para introducir nela os bicudos ferros dos alicerces, non aparecían os vestixios do pasado, en forma de muros de pedras ou pezas de cobre. Nos poucos movementos de terra que houbo en décadas acháronse anacos de barro de olas e cuncas, ferros e moedas da Idade Media. No 1974 apareceu, a poucos metros do xacemento agora inventariado, o que parece ser unha sauna castrexa, mais aínda non está comprobado. Trátase dun edificio subterráneo que aínda segue sepultado, mais no caso de ser unha sauna, sería unha das poucas coñecidas nos castros de Galiza, Asturias e Portugal.

No ano 2005 (vexan, aquí, o seguimento cronolóxico da destrución do castro) o Concello elaborou o informe do PXOM no que se sinalaba que na zona había un xacemento castrexo que cumpría preservar. Envioullo á Consellaría de Cultura, e a delegación provincial mandou técnicos inspeccionar a zona, que constataron, "fundamentalmente", a "existencia de muíños circulares de tipoloxía castrexa ou romana, en diversas fachadas dedicadas a horta situadas na área das Rúas do Chope, Travesa da Rúa Chope e Rúa dos Mixillóns, ao suroeste da Atalaia". Este é o argumento no que se basea o alcalde cervense, Alfonso Villares (PPdeG), para tirar o morto de enriba: que en Cultura sabían da existencia do xacemento, e que son eles os que tiñan que preservalo, e non a Administración local que el dirixe.

En 2006 e 2007, o Concello concedeulle as licenzas pertinentes á construtora para que comezasen a erguer os tres edificios de cen vivendas na zona. No verán de hai dous anos as pas entraron, meteron os seus dentes na area e esbandallaron unha parte importante do castro.

O boom inmobiliario que esbandalla a cultura e a historia
Non se afondou de abondo na idiosincrasia de certos galegos para poder saber que lle fai á xente pensar que un petróglifo queda ben a carón dun aeroxerador de varios metros e varias toneladas, zumbando, e que un castro queda de marabilla arrodeado de columnas sobre as que se ergue un edificio de 40 vivendas "en primeira liña de praia". Algo parecido deben pensar os actores desta historia. O construtor pensou en vender as vivendas; a agrupación municipal algúns intereses tería para posicionarse a favor do construtor, e esquecer as súas obrigas de protexer o patrimonio que se atopa no seu solo; e a Xunta, e, nomeadamente, a Consellaría de Cultura, pouco se implicou na defensa dun ben que debera ter salvado da destrución. Porén, cando souberon do que acontecía era tarde, porque as licenzas de construción estaban concedidas, por parte do goberno municipal, e habería que indemnizar o construtor cunhas cantidades desorbitadas para calquera peto.

Arestora, hai unha causa aberta nos Xulgados de Viveiro contra o alcalde de Cervo, por non dar a tempo a orde de paralizar as obras; e hai un requerimento da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística ao Concello de Cervo no que se lle pide información sobre as obras que se realizan na zona da Atalaia, en San Cibrao. Esta última petición foi motivada polos veciños, que presentaron 527 sinaturas e unha denuncia ante a Dirección Xeral de Urbanismo, sinalando que as licenzas de obra foron outorgadas "con manifesto incumprimento da lexislación urbanística e lexislación do patrimonio". Ademais, segundo lle contaron a Vieiros dende a asociación Mariña Patrimonio, as obras poderían carecer dun estudo de detalle, preciso neste tipo de construcións. O mesmo construtor xa erguera uns edificios na zona de Lodeiro, en Viveiro (A Mariña), que carecían deste estudo, sobre os que agora, após un procedemento xudicial, pesa unha orde de derrubo, precisamente por este motivo. Os veciños e Mariña Patrimonio confían en que o caso dos predios de Lodeiro sente un precedente xurídico que poida empregarse para paralizar e botar abaixo o que xa se construíu por riba do castro en San Cibrao, mais eles carecen dun apoio económico para seguir adiante pola vía xudicial.

A historia dun castro destapado, esbandallado, cuberto e descuberto no mesmo ano
Cando comezaron as obras de construción do primeiro dos tres edificios, na zona da Atalaia, en San Cibrao -no verán de 2007-, a construtora pechou toda a zona con paneis de plástico opaco, a través dos que non se podía ver. Porén, os veciños xa avisaran o Concello e a Cultura do que alí había, e foron á zona tentar parar as obras e ver o que xa fora estragado. Cultura enviara, así soubo da entrada das máquinas no predio, unha orde de paralización das obras ao Concello de Cervo, que o a corporación municipal tardou catro días en tramitar.

O tempo que os operarios estiveron movendo a pa retroescavadora, sen que o Concello de Cervo lles mandase a orde de parar as obras, a zona foi quedando desfeita. Os camións ían sacando area e pedras, que logo foron deitar nunha entulleira na vila de Xove. Até alí se tiveron que desprazar os técnicos da Delegación Provincial de Cultura para inventariar o que xa fora estragado. Pedras das murallas, pedras de muíño e outros restos arqueolóxicos apareceron no vertedoiro. A obra mantívose parada, así chegou a orde, un tempo, mentres un arqueólogo, contratado polo construtor, facía prospeccións na zona. Mais logo volveu comezar nunha primeira parcela na que entraran as pas.

Cómpre salientar que no informe do mentado arqueólogo sinálase, en todo momento, que as escavacións foron feitas con "medios manuais", cando nas imaxes (véxaas na Galería de MP) se aprecia como foron entrando as pas retroescavadoras. Alén diso, nalgunhas zonas obsérvase como as pas entraron a unha profundidade considerábel, arrasando a zona arqueoloxicamente fértil -area escura. Máis tarde, cando se fixeron as prospeccións, apréciase que algunhas delas foron feitas en zonas que xa foran escavadas polas pas, e recubertas con area branca. Nas zonas que se cubriron con area branca, os dentes das pás quedaron marcados nalgunhas rochas, que volveron saír á luz días despois, cando se fixeron as catas, como unha mostra da desfeita que produciron as máquinas, e que se quixo ocultar. Estes feitos tamén foron denunciados pola asociación Mariña Patrimonio, que sinala que só é preciso ollar algúns documentos gráficos para constatar como foron desfacendo os muros do castro. Mesmo nunha imaxe na que se ve a rampla feita polos operarios para que saísen os camións con terra, pode apreciarse como as alturas do muro do castro van mudando: na zona alta da rampla son altos, na zona baixa, máis ben baixos. Unha proba coa que se constata que os muros foron estragados nas primeiras incursións das máquinas.

Nas primeiras escavacións, feitas polos operarios cando aínda non chegara a orde de paralizar as obras, dos 1.600 metros cadrados que ocupaba o predio mercado pola construtora, escaváronse 1.000, co que só quedaron a salvo 600 metros cadrados. Porén, estes tamén foron afectados en obras posteriores, segundo denunciaron dende Mariña Patrimonio.

Cancelas metálicas para obrar ocultos, paseniño
Cando os arqueólogos chegaron á zona, os operarios, mandados pola construtora, sabedora do interese dos veciños por parar as obras, colocaron, por diante da malla de plástico, unha cancela metálica de máis de dous metros de altura, que, agora si, impedía ver totalmente o que pasaba dentro. Porén, coa chegada do Klaus, que zoou con forza na Mariña, as cancelas metálicas quedaron deitadas e esparexidas por toda a zona do Faro.

No tempo que as cancelas estiveron postas, seguiuse sacando terra e pedras da zona, e construíndo á calada. As denuncias que chegaban dende Mariña Patrimonio foron constantes, e falaban da afectación das dúas parcelas que aínda non foran tocadas na primeira incursión das pas. A asociación ecoloxista Adega tamén fixo unha súa denuncia, cando comprobou que había unha outra entulleira, a carón da gasolineira de Cervo, na que se deitaran refugallos das obras da Atalaia, entre as que se atoparon, por baixo de moreas doutra terra, muíños de pedra e pezas de cerámica.

Arestora, as obras do primeiro edificio, erguido na primeira parcela, continúan, mentres a protección do castro está nun estraño limbo. Aínda non se coñece a resolución final da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, pero o futuro do xacemento pasaría porque a Consellaría de Cultura, o Concello de Cervo e mesmo o Ministerio de Medio Ambiente, a través da Dirección Xeral de Costas, chegasen a un acordo, no que se resolvería se se van ampliar as escavacións e as prospeccións arqueolóxicas; se se integran os dous edificios que aínda se han construír no proxecto arqueolóxico -erguéndoos sobre piares-; ou se se lle expropia ao construtor o predio, pagándolle unha indemnización. Daquela, a solución pasaría por un acordo entre Administracións, nun período de cambio político no Goberno galego. Aínda fica por saber que medidas ha tomar a nova administración Feijoo en materia de preservación do patrimonio cultural.



Ligazóns

4.79/5 (19 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Os veciños de San Cibrao falan do xacemento

Na Atalaia, a carón do Faro, sinalada cunha seta a zona na que se atopou o xacemento, e cunha estrela laranxa o edificio que nunca foi habitado
Na Atalaia, a carón do Faro, sinalada cunha seta a zona na que se atopou o xacemento, e cunha estrela laranxa o edificio que nunca foi habitado
A península, de novo, e marcados con tres círculos negros os deseños dos edificios que se proxectan construír
A península, de novo, e marcados con tres círculos negros os deseños dos edificios que se proxectan construír
Deseño no que se pode apreciar como quedaría, ao estar terminado, o residencial 'Faro de San Ciprián'
Deseño no que se pode apreciar como quedaría, ao estar terminado, o residencial 'Faro de San Ciprián'
Os alicerces do primeiro edificio que se está a construír na zona (imaxe tirada o verán pasado)
Os alicerces do primeiro edificio que se está a construír na zona (imaxe tirada o verán pasado)
As primeiras catas feitas na zona e, a carón, a pa retroescavadora
As primeiras catas feitas na zona e, a carón, a pa retroescavadora
Os dentes da pa marcados nas rochas, descubertas cando se foron facendo as catas
Os dentes da pa marcados nas rochas, descubertas cando se foron facendo as catas
Cando comezaban a colocarse os alicerces do primeiro edificio. Na imaxe apréciase a profundidade das escavacións
Cando comezaban a colocarse os alicerces do primeiro edificio. Na imaxe apréciase a profundidade das escavacións
Unha imaxe dos posíbeis petróglifos atopados a carón do castro
Unha imaxe dos posíbeis petróglifos atopados a carón do castro
O primeiro edificio xa asoma, e, diante del, as murallas do xacemento
O primeiro edificio xa asoma, e, diante del, as murallas do xacemento
Detalle do xacemento
Detalle do xacemento