Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Investido presidente da Xunta

Feijoo asegura que chega cun "programa realista" e inspirado no "galeguismo cívico"

O líder do PPdeG é investido presidente do Goberno logo dun axitado debate no que rexeitou as críticas á "inconcreción" das súas propostas e convidou a oposición a media ducia de pactos. 

Redacción - 18:45 16/04/2009



"Na unión dos bos galegos está da patria o porvir". Con esta cita de Curros Enríquez finalizaba este xoves Alberto Núñez Feijoo a súa contestación á análise que os voceiros dos grupos parlamentarios fixeron do discurso co que o pasado martes solicitaba a confianza do Parlamento para converterse no novo presidente da Xunta.

Insistiu o líder do PPdeG en que a súa chamada ao pacto entre as forzas parlamentarias "non ten data de caducidade" e dixo esperar que "cando menos nos grandes temas" sexa posíbel o diálogo e o acordo entre os tres grupos. "Os nosos militantes traballan xuntos todos os días en todo o país, sexan mariñeiros ou funcionarios", afirmou, ao tempo que aludía á posibilidade de atopar puntos comúns na loita fronte á crise económica e no uso das "ferramentas do autogoberno" para paliar os problemas dos cidadáns. "Na Galiza real non hai motivos para esa resistencia", argumentou logo de escoitar os reproches da oposición, insinuando de paso que "esa resistencia está baseada na provisionalidade dos seus liderados".

Xa na quenda de tarde, pecharía Núñez Feijoo a dúplica previa á votación da súa investidura, reiterando a media ducia de acordos cos que convida á oposición nos eidos da economía, o benestar e o autogoberno. O Plan Estratéxico Económico para a Lexislatura é o primeiro dos eixos nos que afirma tender a man. Á beira, subliñou a necesidade de consenso na proposta para a reforma do financiamento autonómico. Ofreceu tamén un "pacto pola Educación", ámbito no que incluíu a lingua e as universidades. Convidou ademais á reforma dos medios públicos "para que non sexan simple voceiro do goberno de quenda" e finalmente propuxo un acordo para a reforma do Estatuto.

Ao respecto dos reproches recibidos pola falta de concreción na súa intervención, retrucou Feijoo botando man do Pacto pola Competitividade, proxecto do anterior executivo que prometeu recuperar e sobre o que desafiou a oposición a exporlle "que prazos ou iniciativas específicas" impulsará o PP. "Nós imos sentar cos axentes sociais para encher de contido ese acordo", prometeu Feijoo.

Belixerante intervención na mañá, recordo para Touriño e Quintana pola tarde

Elixiu Feijoo no peche desta sesión de investidura responderlles conxuntamente aos tres voceiros parlamentarios no canto de un por un. Así, e logo dunha durísima e agresiva intervención do voceiro do seu propio partido, Manuel Ruíz Rivas, quen completou un discurso cheo de reproches e censuras ao goberno saínte e cruzou numerosos enfrontamentos coas bancadas de socialistas e nacionalistas durante o tempo de que dispuxo, mantivo tamén Feijoo un ton nomeadamente belicoso.

"Déixannos un país moito peor do que estaba en 2005", acusou Feijoo a PSOE e Bloque, pasando a continuación a zoupar especialmente contra o proxecto de Orzamentos para 2009 deseñado polo goberno saínte. "Temos un orzamento que non vale", laiouse, asegurando que o Executivo deseñou unhas contas baseadas nunha "irreal" previsión de crecemento, ingresos e emprego.

Cara ao final do seu discurso anterior á votación que o investiu como presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo quixo ter un "agradecemento especial a dous deputados", afirmando que "discrepancias aparte", Emilio Pérez Touriño e Anxo Quintana son "dous políticos que xa forman parte do patrimonio de Galiza". De seguido, pasou Feijoo a agradecer os representantes "da sociedade civil" que esta semana o felicitaron. Entre outros, referiuse aos rexedores locais, incluído o de Pontevedra, quen ofreceu cooperación no compromiso de levar a planta de Ence fóra da ría, e tamén aos sindicatos e os representantes empresariais dos que afirmou ter recibido vontade expresa de "colaboración". "Esa é a actitude que necesitamos", subliñou.




18h45: Intensidade elevada este xoves na máxima institución de representación do país coa segunda xornada do debate de investidura na que Alberto Núñez Feijoo foi investido presidente da Xunta de Galicia co voto dos 38 deputados do grupo parlamentario do PPdeG, a maioría absoluta exacta da Cámara.

Durante a mañá, o Parlamento de Galicia foi escenario da réplica dos voceiros dos grupos parlamentarios da oposición, o socialista Xaquín Fernández Leiceaga e o nacionalista Carlos Aymerich, e da contrarréplica do candidato do PPdeG á presidencia da Xunta, Alberto Núñez Feijoo. Aymerich primeiro e Leiceaga despois centráronse en espir a anterior intervención de Feijoo o pasado martes. Coincidiron ambos os dous en criticar a "ausencia de iniciativas concretas" e reprocharlle ao candidato a renuncia a valorar os "éxitos" da herdanza que deixa o Goberno saínte. Pola súa banda, insistiu Feijoo na chamada ao pacto, concretado en media ducia de asuntos específicos, incluídos un plan estratéxico para a economía e a reforma estatutaria.

15H45: Despois da quenda de 45 minutos de cada un dos voceiros parlamentarios e a contrarréplica do candidato, os voceiros terán desde as 17h unha nova intervención, dun cuarto de hora por cabeza. Se o desexa, Núñez Feijoo poderá intervir outra vez. A continuación suspenderase a sesión até o momento da votación, momento no cal o candidato do PPdeG será investido presidente coa maioría absoluta dos votos do seu grupo.

O propio tempo de intervención foi obxecto de polémica durante os discursos na mañá deste xoves. Así, o voceiro do BNG asistiu visiblemente enfadado ao peche de micrófono que lle impoñía a presidenta do Parlamento, a popular Pilar Rojo, inmediatamente despois de ter consumido os 45 minutos. É tradición durante as anteriores lexislaturas que os presidentes da Cámara outorguen flexibilidade nas citas máis importantes, como é o caso da investidura, permitindo un tempo adicional aos voceiros. Cando abandonaba o estrado, Aymerich dixo ver na inflexibilidade de Rojo "unha declaración de intencións" para a lexislatura entrante. Posteriormente, a presidenta do Parlamento sería un chisco máis flexíbel coas intervencións do socialista Fernández Leiceaga, a quen concedeu un par de minutos extra, e co seu compañeiro de partido, Manuel Ruíz Rivas, quen puido estender o seu discurso un minuto máis do estabelecido.
 


1,77/5 (13 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: