Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Segunda xornada de investidura

"Chega vostede ao Goberno montado nun cabalo de mentiras", resume Aymerich

"Toca mollarse", insistiu o voceiro parlamentario do BNG, Carlos Aymerich, criticando a falta de iniciativas concretas no discurso que o martes realizou o líder do PPdeG.

Redacción - 15:45 16/04/2009

"Para vostedes señor Feijoo a política non é un servizo público, senón pagamento de favores, non é o interese xeral, senón o interese particular de certas empresas o que guía a acción de goberno". Así o sentenciaba Carlos Aymerich, voceiro parlamentario do Bloque, despois de instar o líder do PPdeG a pedirlle a Agustín Hernández, deputado do seu partido implicado nun presunto incumprimento da lei de incompatibilidades, a que abandone o seu escano no Parlamento. Desafiou o voceiro nacionalista a Feijoo a dar ese paso se quere responder ao seu compromiso de "respecto pola verdade", censurando que esqueza agora o argumentario usado no momento da campaña electoral en que botara ao cabeza de lista do PP por Ourense pola súa relación cunha suposta fraude fiscal.

"Vostede ten pasado, e ten ideoloxía", apuxéralle anteriormente ao candidato á presidencia, ironizando coa suposta pretensión do líder popular de "aparecer" diante da sociedade como "un técnico obxectivo ou xestor neutral". Nesa liña, definiu Aymerich o líder da maioría parlamentaria como "un fiel cumpridor das ordes de Madrid", achacándolle o desenvolvemento no PpdeG dunha "doma e castración" deseñada nos despachos da dirección do PP. "De aí vén a súa teima contra a lingua e a desconfianza co autogoberno", avaliou.

A sombra da "ortodoxia neoliberal"
Logo de recordar a satisfacción da Confederación de Empresarios de Galicia e en particular do seu presidente, Antonio Fontenla, de quen lembrou Feijoo que foi beneficiario de "substanciosas concesións" enerxéticas por parte do anterior executivo do PP, denunciou o voceiro do BNG a presunta intención de Núñez Feijoo de "pór o país aos pés dos intereses especulativos que el e vostede representan". Foi así como acusou o candidato de expoñer un discurso baseado na "ortodoxia neoliberal que sacraliza o mercado".

Entrou así Aymerich a debullar a proposta económica do candidato presidencial, referíndose en primeiro lugar á reforma das caixas de aforro. O deputado nacionalista recriminoulle a Feijoo falta de ambición para a reforma e insistiu na necesidade de que as entidades se insiran con maior efectividade na creación de emprego e economía produtiva en Galiza e actúen en coordinación co Goberno.

Ao tempo, pasou o voceiro dos nacionalistas a facer repaso dos distintos sectores mencionados o pasado martes polo líder do PP, desafiándoo a achegar nesta xornada propostas concretas. Falou así da automoción ou do sector naval, recordando por exemplo o bloqueo á construción de buques civís nos estaleiros de Ferrolterra. "E cales son as súas propostas para o téxtil? Silencio", censurou Aymerich. "Toca mollarse", insistiu, reclamando iniciativas concretas do líder da maioría parlamentaria ao respecto dos diversos sectores produtivos do país.

Doutra banda, cualificou as propostas de recorte tributario esquematizadas por Feijoo de "regalos fiscais". "De que maneira os pensa compensar? quizais elevando os impostos indirectos?", preguntou, advertindo ao fío que os servizos públicos en Galiza "non poden soportar os regalos tributarios anunciados por vostede".


4.83/5 (23 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: