Máis de trescentos teólogos e teólogas así como animadores e responsables de comunidades de base do estado español fixeron público este documento. Resulta revelador do momento que vivimos e tivo certo impacto nos medios, aínda que en poucos se reproduciu na súa integridade.
Somos conscientes de que este escrito é un procedemento extraordinario, pero parécenos que tamén é extraordinaria a causa que o motiva: a perda de credibilidade da institución católica que, en boa parte, é xustificada e que os medios de comunicación converteron xa en oficial, está alcanzando cotas preocupantes. Este descrédito pode servir de escusa a moitos que non queren crer, pero é tamén causa de dor e desconcerto para moitos crentes.
A eles dirixímonos principalmente.
1.- A Igrexa foi definida desde antigo como santa e pecadora, “casta prostituta”. Crises graves non faltaron nunca na súa historia e a actual pode doernos, pero non sorprendernos. Toda crise é sempre unha oportunidade de crecemento, se sabemos nestes momentos “non avergoñarnos do Evanxeo” e amar á nosa nai. Sabendo que o amor a unha nai enferma non consiste en negar ou disimular a súa enfermidade, senón en sufrir con ela e por ela. Se desexamos unha Igrexa mellor non é para militar no club dos mellores, senón porque o evanxeo de Deus en Xesús Cristo merécea.
2.- Non hai aquí espazo para longas análises, pero parece claro que a causa principal da crise é a infidelidade ao Vaticano II e o medo ante as reformas que esixía á Igrexa. Xa durante o Concilio fixéronse durísimas críticas á curia romana. Máis tarde Paulo VI intentou pór en marcha unha reforma desa curia, que esta mesma bloqueou. É moi fácil despois converter un papa concreto na cabeza de turco dos fallos da Curia. Por iso preferimos expresar desde aquí a nosa solidariedade con Bieito XVI, a nivel persoal, e a pesar das diferenzas que poidan existir en aspectos ideolóxicos: porque sabemos que os papas non son máis que pobres homes coma todos nós, que non deben ser divinizados. E que se algún erro grave se cometeu en todos os pontificados anteriores foi precisamente o de deixar bloqueada esa urxente reforma da contorna papal.
3.- Unha das consecuencias dese bloqueo é o inxusto poder da curia romana sobre o colexio episcopal, que deriva nunha serie de nomeamentos de bispos á marxe das igrexas locais, e que busca non os pastores que cada igrexa necesita, senón peóns fieis que defendan os intereses do poder central e non os do pobo de Deus.
Iso ten dúas consecuencias cada vez máis perceptibles: unha é a dobre actitude de man tendida cara a posturas lindantes coa extrema dereita autoritaria (aínda que sexan infieis ao evanxeo e mesmo ateas), e de golpes inmisericordes contra todas as posturas afíns á liberdade evanxélica, á fraternidade cristiá e á igualdade entre todos os fillos e fillas de Deus, tan clamorosamente negada hoxe. Outra consecuencia é a incapacidade para escoitar, que fai que a institución estea cometendo ridículos maiores que os do caso Galileo (pois este, aínda que tiña razón na súa intuición sobre o movemento dos astros, non a tiña nos seus argumentos; mentres que hoxe a ciencia parece fornecer datos que a Curia prefire descoñecer: por exemplo en problemas referentes ao comezo e ao fin da vida). A proclamada síntese entre fe e razón vese, así, posta en dúbida.
4.- Pero máis aló dos diagnósticos, quixeramos axudar a actitudes de fe animosa e paciente para estas horas negras do catolicismo romano. Deus é máis grande que a institución eclesial, e a alegría que brota do Evanxeo capacita ata para cargar con eses pesos mortos. Non imos romper coa Igrexa, aínda que teñamos que aturar as iras de parte da súa xerarquía. Pero tememos a lección que nos deixou a historia: as dúas veces en que o clamor por unha reforma da Igrexa foi universal e desoído por Roma, están relacionadas coas dúas grandes rupturas do cristianismo: a de Focio e a de Lutero. Iso non significa que a ruptura fose lexítima: só queremos dicir que non poden tensarse as cordas demasiado. Tampouco imos romper, porque a Igrexa á que amamos é moito máis que a curia romana: sabemos ben que apenas hai infernos nesta terra onde non destaque a presenza calada de misioneiros ou de cristiáns que dan ao mundo o verdadeiro rostro da Igrexa.
5.- Durante gran parte da súa historia, a Igrexa foi unha plataforma de palabra libre. Hoxe ninguén crerá que un santo tan amable como Antonio de Padua puidese predicar publicamente que, así como Cristo dixera “apacenta as miñas ovellas”, os bispos da súa época se dedicasen a muxilas ou tosquialas. Nin que o místico san Bernardo escribise ao papa que non parecía sucesor de Pedro senón de Constantino, para seguir peguntando: “facían iso san Pedro ou San Pablo? Pero xa ves como se pon a ferver o celo dos eclesiásticos para defender a súa dignidade”. E rematar dicindo: “indígnanse contra min e mándanme pechar a boca dicindo que un monxe non ten por que xulgar os bispos. Máis preferiría pechar os ollos para non ver o que vexo...” Precisamente comentando este tipo de palabras, escribía en 1962 o papa actual (nun artigo titulado “liberdade de espírito e obediencia”): “É sinal de que melloraron os tempos se os teólogos de hoxe non se atreven a falar desa forma? Ou é un sinal de que diminuíu o amor, que se volveu apático e xa non se atreve a correr o risco da dor pola amada e para ela?”
Así quixeramos falar: non nos sentimos superiores, pois coñecemos ben, en nós mesmos, cal é a fondura do pecado humano. A Escritura, falando dos grandes profetas, ensina que o seu destino non é o protagonismo senón a incomprensión; e ante iso obrígannos as palabras do apóstolo Pablo: “se nos aldraxan bendiciremos, se nos perseguen aguantaremos, se nos difaman rogaremos”. Pero sentímonos chamados a berrar porque tamén hai alí unha imprecación impresionante que tememos teña aplicación ao noso momento actual: “pola vosa causa é blasfemado o nome de Deus entre as xentes!”.
Fixos os ollos en Xesús, autor e consumador da fe, sabemos que podemos superar estes momentos duros sen perder a paciencia nin o bo humor nin o amor cara a todos, incluídos aqueles cuxo goberno pastoral sentímonos obrigados a criticar. Este é o testemuño que quixeramos dar con estas liñas.