Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Logo do recurso no Constitucional

Táboas pregúntalle á Xunta se defenderá a Lei de Vivenda fronte ao goberno español

O BNG critica a "rabecha" do executivo estatal e acúsao de "descoñecemento" do país, ao tempo que insta o novo Goberno a defender a norma.

Redacción - 09:00 21/04/2009

Na primeira sesión plenaria do Parlamento chegará unha interpelación do grupo do BNG ao novo conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, onde lle instarán a demostrar o seu compromiso coa defensa dos intereses do país apoiando "os milleiros de galegos" afectados polo enfrontamento neste punto co goberno español.

Unha petición que chega a raíz da aprobación, o venres pasado, no Consello de Ministros do goberno español, da decisión de interpoñer un recurso de inconstitucionalidade contra a Disposición Adicional Segunda da Lei de Vivenda de Galicia. Un apartado que, recordan os nacionalistas, contou co acordo das tres formacións políticas con representación no Parlamento, e pola que se legalizaban núcleos de poboación situados na franxa litoral afectados polo deslinde da lei estatal de Costas, que estipula unha zona de servidume de 100 metros.

Ao fío, critican desde o Bloque que o goberno español ataque "competencias exclusivas e excluíntes" da Xunta. En comparecencia diante dos medios de comunicación este luns, os deputados Teresa Táboas e Bieito Lobeira, explicaron que a situación evidencia "un profundo descoñecemento" das características específicas da costa galega e a forma de asentamentos poboacionais na "tradición secular" de Galiza. Recordan ao respecto que estes núcleos "existen dende hai séculos e até que houbo un goberno nacionalista na Xunta nunca foran recoñecidos legalmente". Na opinión do BNG, sería "surrealista" botar abaixo tal logro que, ademais, foi aprobado por unanimidade no Parlamento.


4.5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: