Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
RESOLUCIÓN POLÍTICA

O PSdeG preséntase no seu congreso como "transformador da sociedade"

Os socialistas galegos abren este venres o seu conclave cun texto exento de autocrítica que propón combinar "experiencia" e "renovación".

Redacción - 19:10 23/04/2009

"O PSdeG precisa dun cambio de rumbo que aposte realmente pola transformación da sociedade para que os valores humanos prevalezan sobre os intereses económicos e o poder". A resolución política que os socialistas galegos debaterán a partir deste venres en Pontevedra no congreso extraordinario do partido aposta polos valores progresistas, incide nas medidas de protección social e sorprende pola ausencia de autocrítica ou de análise das razóns que levaron ao PP de volta ao goberno da Xunta.

De feito, o documento redactado por responsábel de Organización da Comisión Xestora, Mar Barcón, o voceiro parlamentario, Xaquín Fernández Leiceaga, e os deputados Abel Losada, Laura Seara e Beatriz Sestayo, apenas fai unha breve referencia aos comicios, e faino para dicir que "probabelmente os efectos da crise foron unha das principais causas que levaron á cidadanía galega a decidir que non seguíramos no goberno". De feito o texto reclama que a formación é "a forza política que máis e mellor vertebra a Galiza e a que máis ten contribuído ao seu progreso" e que "canto máis forte estea o PSdeG" mellor estará Galiza.

A resolución é ambigua tanto nas súas propostas programáticas, como nas liñas que deben marcar a celebración do congreso e a elección do novo equipo dirixente do partido. Di que do conclave debe saír "un equipo que combine experiencia e renovación, xuventude e veteranía" e que o encontro "debe servir para reforzar a unidade e a cohesión do PSdeG, e para que o noso traballo e as nosas ideas cheguen máis nitidamente a toda a sociedade galega".

É algo máis concreta cando se refire á crise económica "froito das políticas neoconservadoras que consagraron un modelo rexido polas leis do mercado máis voraz e menos regulado" e afirma que "os socialdemócratas temos un proxecto para axudar a saír da crise, executando políticas de investimento público, programas de modernización a través das infraestruturas e un importante esforzo nas políticas de protección social".

Así mesmo, o texto introduce o tema do aborto, sobre o que di que "poucas veces foi tan visíbel o abismo existente entre unha lei e a realidade social, coma neste caso". E ao referirse á protección do medio ambiente, afirma o "compromiso" dos socialistas "co desenvolvemento sostible, coa protección dos recursos naturais e do noso litoral".


Ligazóns

5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: