Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
CARREIRAS A PROL DO GALEGO

Até 45 mil nenas e nenos participarán nunha nova edición do 'Correlingua'

Entre os días 5 e 15 de maio celebraranse 14 carreiras polo país adiante coa intención de "avanzar na defensa do galego".

Redacción - 18:19 27/04/2009
Logo do 'Correlingua'

Logo do 'Correlingua'

Este luns presentouse o 'Correlingua', que dende o ano 2000 leva utilizando as carreiras pedestres como un vehículo para espallar polo país adiante a defensa da lingua galega. Nesta edición está prevista a participación duns 45 mil nenos e nenas adscritos a 500 centros, nas carreiras que se realizarán en 14 puntos da nosa xeografía.

As carreiras comezarán simultaneamente en Vigo e Pontevedra o día 5 de maio. Despois será o turno de Ourense -día 6-, Compostela -día 7-, Ribeira Sacra e Monterrei -día 8-, A Mariña e O Barbanza -día 12-, Baixo Miño e Ferrolterra -día 13-, O Salnés e A Estrada -día 14-, e A Coruña, o día 15. Ademais, as carreiras rodearanse de festas nas que abondarán actividades como o teatro ou a música. En sete das vilas actuará o grupo Chámalle Xis, na súa condición de gañadores do último certame 'A polo ghit Correlingua', organizado de forma conxunta por esta organización, Vieiros e a Radio Galega.

Na presentación do acto falou Carlos Callón, o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, quen destacou o  éxito dunha iniciativa coa que recoñece "que se pode seguir avanzando día a día na defensa do galego". Nesta liña, animou aos mozos e ás mozas a defender o que considera "a columna vertebral dos galegos". O evento é organizado conxuntamente pola Mesa, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega, a CIG-Ensino, e os concellos de Lugo, Pontevedra, Santiago e Vigo.

Entrega de premios
Coincidindo co acto de presentación entregáronse os premios aos gañadores dos certames que van asociados ao 'Correlingua', nos que participa alumnado de máis de 500 colexios baixo o lema 'En Galego! Pásao'. Os gañadores foron os mozos e as mozas de 3º de Primaria do CEIP O Piñeiriño, de Vilagarcía de Arousa, na modalidade 'banda deseñada'; e as alumnas e os alumnos de 4º de ESO do CPI Panxón, en Nigrán, na modalidade 'manifesto'.


5/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: