Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
REACCIÓNS DO PSDEG E DO BNG

Socialistas e nacionalistas ven ilegal as 'oposicións bilingües' de Feijoo

Francisco Cerviño define o anuncio do presidente da Xunta de "bilingüismo crispado", mentres Bieito Lobeira critica os seus "prexuízos" coa lingua.

Redacción - 19:30 28/04/2009
Francisco Cerviño (e) e Bieito Lobeira (d)

Francisco Cerviño (e) e Bieito Lobeira (d)

Os dous grupos da oposición reaccionaron ao anuncio de Núñez Feijoo de que as oposicións serían "bilingües". Así, o voceiro de Lingua do Grupo Socialista, Francisco Cerviño, acusou o presidente da Xunta de "meter o dedo na ferida que el mesmo abril sobre a lingua". Pola súa banda, o nacionalista Bieito Lobeira afirmou que o obxectivo do PPdeG de "eliminación da lingua galega e a anulación do dereito democrático do pobo galego ao uso do seu idioma".

Cerviño cualificou de "bilingüismo crispado" as declaracións de Alberto Núñez Feijoo e lembrou que "os opositores xa poden optar por facer o exame en calquera das dúas linguas". Acusou o mandatario de exercer unha "actitude irresponsábel que segue atizando un conflito até o de agora inexistente" e de "esquecerse dos cidadáns que teñen que ser atendidos no seu propio idioma". Por iso, apelou á Lei de Normalización Lingüística e á necesidade de que os servidores públicos atendan ese dereito da cidadanía.

Con respecto á situación actual, Francisco Cerviño dixo que "neste momento este dereito só se lles garante aos cidadáns castelán-falantes" e acusou o presidente de "gobernar só para unha minoría chea de prexuízos sobre a lingua galega". Porén, ofreceu a disposición do seu grupo parlamentario para "buscar o consenso nesta cuestión", dende a base "do respecto dos dereitos lingüísticos dos falantes dos dous idiomas e do apoio á lingua galega".

Intepelación do BNG
Pola súa banda, Bieito Lobeira, voceiro do BNG en materia lingüística, presentou unha interpelación sobre a intención de Alberto Núñez Feijoo de "suprimir as cativas condicións de capacitación lingüística en galego nas probas e oposicións que se realicen no noso país". Fixo referencia ao artigo 33 da Lei de Función Pública de Galiza, que estabelece que se garanta "o dereito dos administrados ao uso da lingua propia de Galiza nas relacións coa administración pública no ámbito da comunidade autónoma", polo que "unha ou máis das probas de proceso selectivo se deberán realizar exclusivamente en lingua galega".

No que se refire á "amabilidade lingüística", Lobeira dixo que se facía cada vez "máis evidente que o obxectivo real da política lingüística que pretende implementar o Partido Popular é a eliminación da lingua galega", e apuntou que "non é posíbel respectar o dereito a usar a lingua galega na administración se o funcionariado non é quen de poder prestar atención oral ou escrita nese mesmo idioma". Bieito Lobeira insistiu na necesidade de realizar unha proba en galego, que "non é imposición de ningún tipo, senón unha garantía mínima".

O parlamentario nacionalista acusou a Núñez Feijoo de perpetrar a "exclusión do galego, prexuízos, españolización da administración, vulneración da normativa, conculcación de dereitos da poboación" como mostra do anunciado "bilingüismo cordial". Por iso, pediulle ao Goberno que responda se ten previsto anular a proba de galego nas oposicións "conculcando a legalidade".


4.67/5 (18 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: