Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
DÍA DAS LETRAS

Grial alimenta o debate ao redor de Ramón Piñeiro

A revista presenta o seu último número, centrada no seu fundador, con artigos de Miguel Barros, Xusto Beramendi, Damián Villalaín ou Torres Queiruga.

M.S.P. - 09:00 30/04/2009

O último número de Grial está dedicado, na súa meirande parte, a Ramón Piñeiro. Non podía ser doutro xeito a tres semanas da celebración do Día das Letras dedicado ao de Láncara que foi, ademais, o fundador da revista en 1963. Neste especial ofrécense traballos de Miguel Barros (Ramón Piñeiro e a revisión do nacionalismo), Víctor F. Freixanes (A estratexia do editor), Andrés Torres Queiruga (Filosofía da saudade), Xusto Beramendi (A interiorización da derrota), Damián Villalaín (Triunfo e fracaso de Ramón Piñeiro) e Carlos Fernández (Na tradición galeguista), que coordina o número.

Con todas estas achegas procúrase amosar todos os ángulos da personalidade poliédrica de Piñeiro, da súa actividade política, editorial, filosófica, e sobre todo da súa capacidade de influencia e da prédica galeguista que era quen de interiorizar en quen o escoitaba. Piñeiro non deixou unha grande obra escrita, mais si unha indubidábel pegada persoal en ducias de persoas de enorme peso en todos os ámbitos de sociedade, e unha clara influencia na política galega dos anos setenta e oitenta. Ben pode dicirse que, a falta dun extenso corpus teórico (que si poderían conter, en conxunto, os milleiros de cartas que durante anos escribiu e se conservan), a obra de Piñeiro chámase Galiza.

Debemos recoñecerlle a Piñeiro o impulso e redacción de boa parte da Lei de Normalización Lingüística de 1983, moi semellante ao texto equivalente catalán. Esa lei, da que derivan as políticas de introdución do galego no ensino aplicadas no noso país dende entón, e o propio decreto vixente, xerou ao seu redor un consenso que atinxía a todos os partidos con representación parlamentaria, dende o nacionalismo, até o PSdeG-PSOE e o PP. É dicir, a estratexia de Piñeiro de galeguizar todos os partidos que actúan no noso país, de que asumisen a defensa da lingua e cultura galegas, pareceu ter éxito durante anos. Porén, a saída dos populares do consenso lingüístico nos últimos tempos, así como a crecente influencia exercida por Galicia Bilingüe, fan agromar a pregunta de até que punto o éxito de Piñeiro pode comezar a ser discutíbel.

Para Carlos Fernández, coordinador do especial sobre Piñeiro en Grial, a posición adoptada polo PP sobre a lingua non implica un fracaso de Piñeiro, porque van precisamente contra a política que sempre promoveu o de Láncara: "Debemos volver ao consenso lingüístico que el sempre promoveu, e rexeitar as posicións que enfrontan ao país". Carlos Fernández defende que Piñeiro mantivo, a través do diálogo e da procura de consensos, "unha posición extraordinariamente forte e firme".

Debate sobre a posición política de Piñeiro na presentación da revista
A presentación da revista xerou un interesante debate no que non só participaron os autores dos artigos publicados neste número, senón destacadas voces da política e da cultura galega das últimas décadas, como Camilo Nogueira, Xerardo Fernández Albor, Ceferino Díaz, Ramón Villares ou Salvador García Bodaño. Boa parte das reflexións xiraron ao redor dos posicionamentos políticos de Piñeiro ao longo da súa vida. Damián Villalaín defendeu o mérito de Piñeiro de dotar "a unha autonomía que nacía moi débil" dunha "ideoloxía de facto: o galeguismo" e salientou que o derradeiro éxito de Piñeiro fora "a inserción do nacionalismo galego na estrutura xurídico-política do Estado das Autonomías".

Pola contra, Xusto Beramendi manifestou que aínda que liquidación do Partido Galeguista fora "intelixente e inevitábel", a decisión de Piñeiro de presentarse nas listas do PSdeG nas primeiras eleccións galegas resulta "incomprensíbel". Ceferino Díaz, compañeiro do intelectual nesas listas, respondeulle que Piñeiro "non podía deixar que caese a autonomía sen mollarse". Camilo Nogueira apuntou que a idea de Piñeiro de prescindir da condición nacional de Galiza é "absurda", pois "negar a nación é negar a Galiza como ente", pois sen unha estrutura estatal non é posíbel defender, por exemplo, a lingua, dixo Nogueira, en referencia aos actuais ataques que recibe o galego. Finalmente, Ramón Villares sinalou que "non vale facer historia contrafactual" e que se Piñeiro tomou esa decisión foi, precisamente, por non ter un "exército de seu"; Villares concluíu a súa intervención cunha pregunta: "de quen é a culpa? de quen non ten exército ou do exército?".

O proxecto político de Piñeiro
Piñeiro foi un político, de igual xeito que Galaxia "foi un partido político". É o que defende Miguel Barros na súa tese de doutoramento, defendida en decembro, e que está a piques de saír do prelo na editorial. Fronte ás críticas que sempre se xe fixeron ao de Láncara de liquidar o Partido Galeguista e de seguir unha 'estratexia culturalista', Barros percorre o seu pensamento político dende o comezo da ditadura, salientando o xeito en que revisou o 'principio das nacionalidades' e inventou unha nova praxe de galeguismo político non nacionalista.

No traballo que publica en Grial analiza o intento de Piñeiro de, antes de facer política, crear un suxeito político, que xulgaba desaparecido despois da guerra: "para Ramón Piñeiro o problema ontolóxico precede ao problema político, porque o seu pensamento apunta a que non hai acción se non existe suxeito e a que non hai historia se non hai pobo". Barros afirma que no pensamento de Piñeiro "a memoria tiña que ocupar a función da historia na nosa sociedade de perdedores. Había que aplicarse a mobilizar as vontades individuais ata lograr na densidade da vontade comunitaria a forza precisa para a execución dese imperativo político".

Piñeiro desbota o 'principio das nacionalidades' (polo que unha nación debe camiñar cara á consecución dun Estado de seu) porque "pretende explicar a realidade a partir do apriorismo do axioma", algo que Piñeiro rexeita. Barros cita mesmo o primeiro escrito político de Piñeiro (publicado en Yunque en 1931, con só 16 anos), no que o galeguista xa aposta por unha solución federal para o Estado: "hai, na propaganda política que se anda a facer, sobra de formalismo (...) o federalismo, axeitada estrutura política á realidade española".

Barros baséase, sobre todo, no texto Apuntes para un novo galeguismo, escrito por Piñeiro en 1956 para a conmemoración do centenario do Banquete de Conxo, e na que repasa a historia do nacionalismo galego e aposta pola súa revisión. Barros pecha o seu artigo lembrando unha cita de Castelao, recollida por Luís Soto, na que o de Rianxo concordaría con Piñeiro afirmando que "eu quero que tódolos partidos de Galicia sexan partidos galeguistas, pero pra atinguir este fito é preciso que se constrúa un partido comunista galego, un partido socialista galego, un partido republicán galego, etc (...) Deste xeito non faría falla o Partido Galeguista en especial, porque as ideas e as accións galeguistas ficarían proxectadas en tódalas organizacións do país, partidos e sindicatos".

"Ramón Piñeiro e a revisión do nacionalismo", Miguel Barros (.pdf)

"O BNG dá acollida a persoas dunha fasquía ideolóxica moi semellante á de Piñeiro" (Entrevista con Miguel Barros)


4,89/5 (35 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Presentación da revista, este mércores en Compostela: X. Beramendi, C. Fernández, V. Freixanes, H. Monteagudo e A. Torres Queiruga
Presentación da revista, este mércores en Compostela: X. Beramendi, C. Fernández, V. Freixanes, H. Monteagudo e A. Torres Queiruga
Capa de Grial
Capa de Grial
Caricatura de Piñeiro realizada por Seoane
Caricatura de Piñeiro realizada por Seoane
Grupo de galeguistas en Trasalba en 1958
Grupo de galeguistas en Trasalba en 1958