Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Irimia

Xestionado pola Asociación Irimia
RSS de Irimia
O TRASNO

Esquerda nova

Hai algo que non deberían esquecer os que andan a participar no treboento deseño do futuro BNG: só un proxecto –alguén- que represente algo novo pode cambiar a tendencia á marxinalidade política do nacionalismo en Galicia. 

Daniel López Muñoz - 19:14 30/04/2009

E non é unha novidade calquera a que se precisa. As liortas entre faccións, o escurantismo, certas manobras de grupos –e de individuos- , reforzan a imaxe deformada e interesada de que o que se busca é pisar moqueta como sexa, e vivir da política con coche oficial mentres non se poida vivir da xubilación. Así de duro. 

Hai quen pensa que o que fai falla é máis esquerdismo. Pero non, o que cómpre é menos pose, menos consigna baleira, menos obsesión pola imaxe e máis enxebreza nese “ser de esquerda”.

O esquerdismo, no seu rexeitamento visceral de calquera posición que defenda a importancia decisiva da dimensión moral –xa non digamos espiritual- da persoa, bótalle a culpa de todo “ao sistema”, “ás forzas reaccionarias”,  “á manipulación dos medios” e a “Rouco Varela”. O esquerdismo non fai introspección, nin exame de conciencia, non se pregunta polas actitudes profundas, polos valores que realmente se viven e incorporan interiormente, pola autenticidade entre o que se predica “para a sociedade” e o que un vive, pola diferenza entre o ser e o aparentar. O esquerdismo non pensa na ecoloxía interior, porque está dogmaticamente convencido de que todo iso é cristianismo reseso ou despreciable “new age”. E así locen certos pelos.  

Cando é nacionalista, o esquerdismo de pose e slogan, ademais, tende a notarse na fala. Será outro tema, vale, pero que inauténtico soa ese uso desleixado do galego, esa falta de cariño pola enxebreza da fala, ese desprezo sintáctico, cocido de tempos compostos, pronomes mal postos e modismos alleos, iso si, trufados de indispensables Galizas e equipas!  

A novidade estaría aí. Non nos documentos, proclamas, titulares. Si no convencemento de que non se pode facer algo novo con estilos vellos, por exemplo o de “todo vale, que tamén o fan os outros”.  

A novidade sería ser de esquerda. Con menos retórica e máis fibra moral.


4,67/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: