Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
QUINTA EDICIÓN

Rosa María Calaf recibe o Xosé Couso nun momento de "loita" pola liberdade de prensa

A xornalista catalá, recentemente prexubilada de RTVE, recolleu o galardón nun momento de crise económica que tamén lle afecta ao xornalismo.

Redacción - 09:30 01/05/2009
Rosa María Calaf, na súa etapa en TVE

Rosa María Calaf, na súa etapa en TVE

A xornalista catalá Rosa María Calaf recibiu este xoves en Ferrol o V Premio Xosé Couso de Liberdade de Prensa. O galardón está organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e o Club de Prensa de Ferrol, en colaboración con Caixanova.

Calaf lembrou o resto dos candidatos e afirmou que non cría que tivera máis méritos ca eles para o galardón. "Este premio", manifestou, "é un agasallo de benvida a esta nova situación", referíndose á súa recente prexubilación en RTVE. Tamén destacou o valor do premio Xosé Couso como un xeito de lembrar que o acontecido en Bagdad segue presente e que hai que "levar o debate á rúa e loitar" pola liberdade de prensa. "Hónrame ser o vehículo para acercar o problema", afirmou. De feito, o premio entregouse tres días antes da conmemoración do Día Internacional da Liberdade de Prensa.

No acto institucional tamén estiveron o alcalde de Ferrol, Vicente Irisarri, e Xan Morales, presidente do Club de Prensa de Ferrol, que fixo fincapé en que a actual situación económica tamén recorta as liberdades do xornalismo e dificulta o seu labor como servizo público.

Pola súa banda, o decano do Colexio de Xornalistas, Xosé Manuel Pereiro, dixo que Rosa María Calaf é "unha icona tanto para os xornalistas como para a audiencia". Ademais, denunciou que "a crise está servindo para que as empresas xornalísticas recurten persoal" e baixen así a calidade da información á que teñen dereito os cidadáns.

Anteriormente foron galardoados con este premio o xornalista marroquí Ali Lmrabet, o xornal francés Le Monde Diplomatique, o estadounidense Jon Lee Anderson ou o valenciano José Vidal-Beneyto.


4.5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: