Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Cruce de acusacións

O PSOE teima coas sombras de Hernández e o PPdeG recupera a polémica do Barbanza

Os socialistas consideran "indefendíbel" que o conselleiro siga na Xunta. Os populares tiran de acta xudicial para denunciar "irregularidades" na adxudicación da autovía.

Redacción - 10:00 03/05/2009

Valoran os socialistas que o actual conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, realizase o que consideran que é un recoñecemento "expreso" da súa "culpabilidade", asumindo o pagamento das obras dunha estrada antes da súa execución. Así o avaliou este sábado o voceiro parlamentario do PSdeG, Xaquín Fernández Leiceaga, quen subliñou que se trata dunha obra que non está "nin empezada" e recordou a relación laboral do conselleiro coa empresa beneficiaria.

Tal situación, segundo comentou ao fío o voceiro en materia Institucional do PSdeG, Xosé Manuel Lage Tuñas , é abondo para insistir na solicitude de dimisión ou cesamento para o conselleiro. Lage Tuñas considerou "indefendíbel" tal certificación, realizada cando Hernández era responsábel de Infraestruturas da Deputación de Pontevedra. Na opinión dos socialistas, de non actuar ao respecto e dar explicacións, o presidente da Xunta estará converténdose en "cómplice" do caso.

O PP recupera o auto xudicial da autovía do Barbanza
De xeito paralelo, o PPdeG aproveitaba este sábado para contraatacar botando man do auto xudicial correspondente á polémica sobre a autovía do Barbanza. Así, e malia que os socialistas defenderan esta semana que os tribunais absolveran de responsabilidade o bipartito e pediron que o PP ofrecese "desculpas", os populares non o ven así. Deste xeito, o voceiro parlamentario do PPdeG, Manuel Ruíz Rivas, interpretaba este sábado que o documento "demostra que o bipartito xestionou dun modo irregular e reprobábel o diñeiro de todos".

Ruíz Rivas salientou o feito de que o xuíz que instruíu a causa cualificase de "chocante e sorprendente" as actuacións da Xunta que, denuncia o PP, "provocaron un sobrecusto no prezo final da vía superior a 30 millóns de euros". Na opinión de Rivas, a consellaría daquela xestionada pola agora deputada María Xosé Caride permitiu "incumprimentos flagrantes do prego de condicións da obra, prazos de finalización e calidade dos trazados provisionais". "Iso demostra que sempre estivo ao lado da empresa e non do interese xeral", critica o voceiro do PP.


2/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: