Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Non está na axenda

Juárez non ve prioritaria a mediación da Xunta en favor dun grupo lácteo galego

O responsábel de Medio Rural sostén que o proxecto tería o mesmo apoio que o de calquera outro sector e di non querer impulsar un "intervencionismo".

Redacción / Europa Press - 12:00 03/05/2009

O conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez, explicou esta fin de semana en entrevista con Europa Press que a crise do sector lácteo é unha das súas preocupacións fundamentais e falou a prol do deseño de liñas de axuda para os gandeiros "sen transgredir a normativa comunitaria". Así e todo, sobre o tema, entende o conselleiro que a marxe de actuación da Xunta "non é moita". "A solución non se pode arbitrar porque a orixe do problema é o mercado", explicou.

Con todo, Samuel Juárez contesta ao respecto da posíbel oportunidade de creación dun gran grupo leiteiro no país que se trata dunha iniciativa que a Xunta apoiaría "ao igual" que calquera outra industria interesada en introducirse en Galiza. Ao fío, Juárez di non ser partidario do "intervencionismo" que semella ver nunha hipotética mediación da Xunta neste proceso, un xeito de actuar que considera "non conveniente", subliñando que a tarefa de "organizar grupos empresariais" é cousa da "iniciativa privada". Do mesmo xeito, lembrou que unha aposta dese tipo "fracasou no pasado". "Se xorde esa iniciativa sen incorrer en competencia desleal con outras empresas que tamén están implantadas en Galiza e, sexan ou non de capital galego están a crear riqueza e emprego, a administración veríao con bos ollos", concede de todas formas.

Xuntanza co sector
Por outro lado, Juárez expresou a súa disposición a "sentar" cos sindicatos agrarios, aos que xa recibiu esta semana, industrias e a distribución -- "mesmo sabendo que para que realmente sexa eficaz ten que facerse no ámbito de todo o Estado", matizou -- . Non obstante, dixo estar sorprendido polo feito de que, na súa opinión, "non se fixera absolutamente nada" neste sentido por parte do bipartito.

"Esta situación vénse deteriorando dende hai meses e, dalgunha forma, recibímola xa nun estado moi moi difícil", considerou, despois de asegurar que "comprende" a coincidencia coa época electoral --"que foi pouco propicia", recoñeceu-- e o traspaso de poderes --"que é demasiado longo", xulgou-- . Non obstante, lamentou que "todos estes contactos e directrices" non se adoptaran "hai tempo, ao soster que, agora, os produtores leiteiros están "para moi poucas esperas". "Hai unha marxe de tempo que necesitamos", advertiu en relación ás medidas de axuda urxente que reclaman os gandeiros, para engadir que o novo equipo de Medio Rural leva "apenas unha semana no cargo" e está a "estudar as alternativas".

O problema da importación
Respecto á importación de leite, o titular da administración agraria ve "importante" incrementar o "control" da calidade e trazabilidade da materia prima, así como velar polo cumprimento das normativas existentes. Así, admitiu que os labores de inspección corresponden ás comunidades autónomas pero demandou "un pouco máis de liderado" ao Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Marino (MARM) "e non soamente descargar o problema nos que o sofren directamente". "Os que temos o problema enriba, como somos toda a cornixa cantábrica, estamos sensibilizados, pero hai que sensibilizar tamén ao resto", afirmou apelando ao ministerio.

Juárez cre que "a clave" para facer fronte ás importacións de leite radica en que "o sector se organice", de igual modo que acontece en Francia, e busque "puntos de encontro" entre produtores, industrias e distribución para alcanzar "algún tipo de sistema de xestión razoábel". Ao seu xuízo, a administración debe axudar neste sentido ao recoñecer que as importacións "non se poden parar". "Facer entender á distribución que non pode facer a súa guerra comercial de costas a un sector moi vulnerábel como o do leite, é posíbel", defendeu, tras apuntar de novo ao caso francés. "Nós dedicámonos a facernos a guerra uns a outros", reprobou.

Continuidade no sistema anti-incendios
En materia de incendios forestais, o titular de Medio Rural cualificou de "temeridade" que o Executivo anterior "prescindira de todo o dispositivo que existía e dependía dos concellos", ao soster a necesidade de "implicar" os gobernos locais no "coidado" do "seu territorio".

juárez sinalou, non obstante, que este ano se manterá o actual operativo "porque non hai tempo de cambiar nada", aínda que recoñeceu a súa "tendencia a pensar que o vello sistema funcionaba en xeral mellor". Así e todo, indicou que o presente exercicio se "probará" a eficacia do dispositivo da Xunta, dado que, como precisou, as condicións dos dous últimos veráns en Galiza non permitiron facelo. "Espero que non sexa un verán difícil para que non o pasemos moi mal, aínda que se presenta complicado porque está toda a madeira no chan do ciclón Klaus e hai algunha que está en condicións moi complicadas", recoñeceu.

En relación ao futuro da empresa pública Servizos Agrarios Galegos (Seaga), Juárez avogou por avaliar o seu funcionamento "dende unha perspectiva de eficacia e custo", aínda que aclarou que "de entrada, non hai unha predisposición a cargarse o que hai feito", senón a "aproveitar o que sexa aproveitábel" e manter "o que estea ben". "Non hai prexuízos", engadiu. Non obstante, cuestionou a existencia dunha empresa que se dedique exclusivamente a labores vinculados ao medio rural e preguntouse "se convén unha Tragsa galega". "Claramente, se vai dar máis problemas que beneficios, mellor non tela", dixo. "Se vai funcionar ben e nos vai permitir aforrar custos, manterémola, pero se realmente non aforramos diñeiro e nos vai dar problemas é mellor utilizar a que teñen os demais – en referencia a Tragsa--", manifestou.

Mantemento do Banco de Terras
O titular de Medio Rural mostrouse partidario de favorecer o arrendamento de terras, unha actuación que prevé impulsar tras unha mellora do Banco de Terras de Galicia (Bantegal), instrumento do que indicou que "ten aínda algúns lastres que lle impiden ser unha ferramenta eficaz".

Entre eles, referiuse ás garantías dos propietarios de recuperar as súas terras tras o prazo acordado, dado que, malia indicar que a administración renunciou ao dereito de tenteo e retracto de forma automática, "asusta moito". Por iso, defendeu revisar algúns deses requisitos "e eliminar todos os que están a frear un funcionamento o máis eficaz posíbel". "É mellor dar un pouco de liberdade ás partes", apuntou en referencia aos acordos entre propietario e arrendatario, respecto ao período de cesión da terra. Así mesmo, asegurou preferir os "incentivos positivos" fronte á "política do pau", que, ao seu xuízo, orientou a formulación do Bantegal. "Ou fas isto ou che castigo ou te sanciono porque non tes a terra mantida", exemplificou.


1/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: