Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Pídelle que rompa os pactos municipais co BNG

Rueda chámalle a Vázquez "difamador profesional e tafur da política"

O secretario xeral do PPdeG criticou o seu homólogo do PSdeG, dicindo del que "fai gala dun fariseísmo infinito". O PSdeG contesta chamándolle "hooligan".

Redacción /EP - 08:00 04/05/2009
O secretario xeral do PPdeG, Alfonso Rueda

O secretario xeral do PPdeG, Alfonso Rueda

O secretario xeral do PPdeG, Alfonso Rueda, pediu hoxe ao seu homólogo do PSdeG, Manuel Vázquez, que rompa as súas "ataduras" cos nacionalistas e ordene "de inmediato" a suspensión dos pactos municipais.

Así, Rueda trasladou nun comunicado de prensa a súa "perplexidade" ante o feito de que Vázquez insista en que a súa intención é a de gobernar prescindindo do BNG "pero dicíndoo á calor das numerosas alcaldías que o PSOE ostenta grazas ao apoio do Bloque e avalando que os seus voceiros municipais regalan varios alcaldes nacionalistas que non foron a primeira forza política nas eleccións de 2007". Nesta liña, o secretario xeral do PPdeG considerou que Vázquez "fai gala dun fariseísmo infinito", posto que "entre o que di e o que fai hai grandes diferenzas". "Non engana a ninguén coas súas palabras e será o mellor amigo dos nacionalistas dende a oposición, como o foi dende o Goberno", sostivo.

"Vázquez foi cómplice de imposición lingüística do BNG"
Así mesmo, Rueda dixo que o novo líder do PSdeG "foi cómplice da imposición lingüística que impulsou o anterior Goberno, permitiu chantaxes do BNG na negociación do Estatuto, e convalidou no Consello de la Xunta as facturas da escandalosa viaxe á Habana organizada pola conselleira nacionalista de Cultura". Neste sentido, aseverou que Vázquez "é presa do seu pasado" e "os seus anos de noivado co nacionalismo galego non se esquecerán doadamente en Galiza, por moito que agora queira culpar o BNG do desastre sufrido polo bipartito o 1 de marzo". Nesta liña, recalcou que as palabras do líder dos socialistas galegos "dicindo que non quere gobernar co BNG", de ser, ao seu xuízo, "sinceras" serían "de facto unha moción de censura virtual a todas as coalicións municipais que forma o seu partido cos nacionalistas galegos".

Con todo, Rueda insistiu en que o PSOE perdeu "unha grande oportunidade" de renovar o seu partido e "poñer á fronte a dirixentes novos e non amortizados como Vázquez". "Os socialistas saberán: se o que queren é a un difamador profesional e a un tafur da política como aspirante á Presidencia da Xunta, con Vázquez acertaron de pleno", concluíu.

O PSdeG critica que o PPdeG "mesture intereses partidistas e persoais"
A voceira e secretaria de Coordinación, Acción Electoral e Política Municipal do PSdeG, Mar Barcón, considerou este domingo "sorprendente" que o conselleiro de Presidencia e secretario xeral do PPdeG, Alfonso Rueda, "siga actuando como un hooligan" e "esqueza o posto que ocupa".

Así, tras as críticas realizadas polo PPdeG, Barcón replicou que "o único tafur que hai en Galicia é el, que continuaba como asesor da Deputación de Pontevedra mentres tomaba posesión do cargo como conselleiro". "En vez de falar dos demais podía empezar a explicar a súa dobre situación como asesor da Deputación de Pontevedra e conselleiro de Presidencia", dixo. "E tamén o que pensa facer co expediente aberto ao tamén conselleiro Agustín Hernández", engadiu. Así mesmo, nun comunicado de prensa, Barcón recalcou que "foi Rueda" o "inventor da gran mentira e difamación da pasada campaña electoral". Nesta liña, manifestou que "o PPdeG, Feijóo e Rueda son exemplo de manter mesturados os intereses partidistas e os persoais, e de utilizar a Administración pública, o diñeiro público e os postos da administración en beneficio propio exclusivamente".

En canto aos pactos municipais, dixo que o PPdeG "pode falar pouco" porque "converteu en algo habitual a utilización dos tránsfugas e de persoas de dubidoso calado moral para acceder ao poder". "Mos e Abegondo non son máis que os exemplos máis recentes de que ao PP non lle interesa manter o pacto antitransfuguismo", concluíu Barcón.


3.4/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: