Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Isabelle Fougère, xornalista

"Máis da metade da poboación mundial non ten liberdade de expresión e nin sequera existe para os medios"

A Asociación de Xornalistas de Compostela organizou unha conferencia coa xornalista freelance francesa, na que se falou da pequena presenza da muller nos medios e na información.

A. Rodríguez - 17:00 04/05/2009
A xornalista freelance francesa Isabelle Fougère

A xornalista freelance francesa Isabelle Fougère

A Asociación de Xornalistas de Santiago de Compostela (APSC) organizou, con motivo do Día Internacional da Liberdade de Expresión, unha conferencia impartida pola xornalista freelance francesa Isabelle Fougère, presidenta da Asociación de Mulleres Xornalistas do seu país (Association des Femmes Journalistes, en francés) e fundadora da Rede de Mulleres Xornalistas do Mediterráneo. Fougère tamén traballou para medios de referencia como a Axencia France Presse; Le Figaro Magazine; La Vanguardia; a revista GEO -da que é xefa de servizo-; a revista internacional Francia Csirocco -da que é editora-; e voluntariamente coa ONG Médicos do Mundo.

Sentados no salón de actos do Club Internacional de Prensa, en Compostela, baixo un exemplar dun xornal de 1882 no que, ademais do nome, viña o curioso subtítulo "diario político e comercial", unha ducia de persoas escoitaron a conferencia de Fougère, que versou sobre a liberdade de expresión no xornalismo desenvolvido polas mulleres.

"Sen información, a xente non pode comprender ou decidir"
"Hai que lembrar que o xornalismo cada vez é unha profesión de mulleres", dixo a presidente da Asociación de Mulleres Xornalistas de Santiago de Compostela, Xulia Campos, ao presentar a convidada, sinalando, ao tempo, que os termos "liberdade de expresión e mulleres" poucas veces se ligaron na historia, xa que sempre estiveron afastadas deste dereito. Porén, para Campos "a xustiza cósmica ou a evolución da profesión fixeron que o xornalismo se enchese de mulleres, mais só a pé de rúa, porque nos postos de mando, na dirección, segue a haber só homes". Nesta liña, Campos tamén quixo salientar que, moitas veces, "somos as mulleres as que guindamos pedras contra o noso propio tellado", sendo as responsábeis "de repetir os estereotipos masculinos".

Así, atinando no punto certo encetouse a conversa, na que entrou a xornalista francesa destacando que, ao seu ver, os xornalistas "teñen a chave da liberdade de expresión", e tamén da democracia: "Sen información, a xente non pode decidir, mais esta non debe ser un produto, unha cousa que se compre ou se venda, senón un ben que se lle dea á xente para educala, axudala a comprender", subliñou Isabelle Fougère.

"As mulleres somos as máis pobres dos xornalistas"
Nesta liña, parafraseou as palabras de Xulia Campos, sinalando que, a través de análises realizadas pola Asociación de Mulleres Xornalistas que preside, constataron que "o acceso aos postos nos que se decide, dentro dos medios" está vetado ás mulleres, mais tamén está distorsionada "a imaxe das mulleres na información". Nesta liña, contou que na asociación que preside fan estudos cada cinco anos, sobre a presenza das mulleres nos medios de comunicación, dos que se desprende que só están presentes no 18% da información. "É dicir, as mulleres non acostuman ser obxecto da información, falan pouco e as súas experiencias apenas contan", destacou Fougère. "Disto despréndese que máis da metade da poboación non ten completa liberdade de expresión, porque ademais de dicir o que se pensa, está o existir, e se as mulleres non aparecen, é coma se non existisen". "Se desenvolvo un proxecto interesante, a xente ten dereito a sabelo, e eu, ademais, teño dereito a facelo saber". Nesta liña, tamén se falou da precariedade laboral, que afecta máis ás profesionais femininas.

Fougère contou, a seguir, un bocado da súa experiencia na Rede de Mulleres Xornalistas do Mediterráneo, da que é vicepresidenta, lembrando que internet resulta un instrumento máis que útil, para poñer en común as experiencias das mulleres do mundo. "Moitas veces atopámonos con que vivimos iguais situacións, a pesar de estar separadas por moitos quilómetros, e que podemos mudalas, polo que trocar experiencias é moi importante", contou a xornalista francesa. Nesta liña, fixo unha forte defensa do traballo de rúa, afastado da oficina, o teléfono e os buscadores de internet, e apelou a darlle a oportunidade, ás xornalistas, de saír fóra, investigar, moverse, oír, cheirar e coñecer a noticia de primeira man, lembrando que para isto é necesario "tempo e financiamento". Para isto, para conseguir o necesario apoio económico, segundo contou, existe o prestixioso premio Prix Canon de la Femme Photojournaliste, do que é creadora, que lle outorga oito mil euros á xornalista gañadora para desenvolver o seu proxecto.

"O xornalismo moitas veces convértese nun instrumento ao servizo da política"
Na quenda de preguntas, artellouse un debate sobre unha información aparecida en todos os xornais madrileños e estatais sobre a visita de Nicolas Sarkozy, na que se destacaba, en case todas as primeiras capas, unha imaxe da primeira dama francesa, Carla Bruni, e a princesa da monarquía española, Letizia Ortiz, de costas, subindo unhas escadas. A fotografía foi criticada, tamén por ser destacada no canto da información do que se tratou na cimeira franco-española. "Vendo esta primeira capa, como cidadá, eu non sei o que se falou na xuntanza, pero si que vestido levaba a primeira dama, que non é o que me interesa. Eu quero saber que se di, e que deciden para o meu futuro os políticos aos que pago para representarme", dixo ao respecto Fougère. Nesta liña, falouse da "responsabilidade dos xornalistas" ao escoller unhas imaxes e unhas informacións que "non contan nada", e que serven para agochar o realmente importante. "Un xornalismo deste xeito é un instrumento ao servizo da política", dixo Fougère. A seguir Xulia Campos sinalou que "se ve que unha imaxe así foi tomada por un home, e que foron unhas mans de home as que a distribuíron". Ámbalas dúas xornalistas amosaron a súa ledicia "a que haxa unha reacción por parte do público" que non quere consumir esta información, e tamén por parte dos xornalistas, segundo contou Fougère, como está a acontecer en Francia.

Isabelle Fougère tamén contou a súa experiencia como xornalista freelance, algo que lle permite, segundo dixo, "facer o que quero nunha profesión de amo", fuxindo do medo a non ter traballo nin apoio económico para "ir ao terreo", onde se atopa a noticia. "Pero estou viva, todo ben... E cumpro a miña responsabilidade como cidadá, de poder ver o que a xente non pode ver, e contalo", concluíu.


4.5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



'Odyssée Moderne', traballo que elaborou Fougère tras pasar cinco meses no Sáhara
'Odyssée Moderne', traballo que elaborou Fougère tras pasar cinco meses no Sáhara
Imaxes galardonadas co Prix Canon de la Femme Photojournaliste en 2006, de Véronique de Viguerie
Imaxes galardonadas co Prix Canon de la Femme Photojournaliste en 2006, de Véronique de Viguerie
Imaxes de Axelle De Russé, gañadora deste premio en 2007
Imaxes de Axelle De Russé, gañadora deste premio en 2007