Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
NO PRIMEIRO TRIMESTRE

Mentres o futuro dos traballadores está no aire, Fenosa gaña 506 millóns

A eléctrica incrementou o seu beneficio un 11,4% con respecto ao ano pasado. Os sindicatos denuncian que os directivos venderon sen asegurar o futuro laboral.

Redacción - 11:00 06/05/2009

Péchase o primeiro trimestre do ano e é tempo de facer balance. A Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) informa da rendabilidade acadada por Unión Fenosa, en pleno proceso de absorción por Gas Natural, que rexistrou un beneficio neto de 506 millóns de euros, o que supón un incremento do 11,4% respecto ao mesmo período do exercicio anterior.

Pola súa banda, a compañía que está inmersa no proceso de adquisición, Gas Natural, rexistrou do mesmo xeito, un beneficio neto de 353 millóns de euros neste primeiro trimestre, o que, no seu caso, supón un 5,1% máis que en igual período de 2008.

"Blindaron os seus contratos, pero non os nosos"
Coñecemos estes datos xusto o día despois de que se escenificase a unidade sindical dos representantes dos traballadores. A CIG, CCOO, UXT e USO expresaron conxuntamente o seu rexeitamento á venda da central térmica de Sabón (A Coruña) e anunciaron que farán "todo o que sexa necesario" para evitalo.

"Tomaremos as nosas decisións dependendo da resposta de Gas Natural", dixeron os representantes sindicais, quen atribuíron a venda da central a un intento de "facer caixa" por parte da compañía. Todos subliñaron que a Comisión da competencia non obrigou á Gas Natural a desprenderse de toda a central, se ben si do ciclo combinado.

Un 50% do persoal, que está formado por 87 traballadores e uns 20 subcontratados, podería verse afectado por este peche, xa que ninguén está contratado especificamente para o ciclo combinado, senón que esa é unha decisión posterior e interna. Así, criticaron a actitude dos directivos de Fenosa "por ter asinado este documento, porque nos fallaron, porque eles van marchar moi ben, con contratos blindados e un paquete de accións, mentres nós non sabemos que será do noso futuro". Finalmente demandaron que a Xunta "non permaneza calada ante as intencións de Fenosa porque a central de Sabón é para Galiza o seu buque insignia".


Ligazóns

4.2/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: