Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Doenzas de miseria

As outras epidemias que matan ás caladas e das que ninguén fala

A meninxite no Chad, o dengue en Arxentina... exemplo de doenzas que afectan centos de persoas no mundo mentres o foco de atención segue fixado na gripe H1N1.

Redacción - 13:00 06/05/2009
Vacinando contra a meninxite / Imaxe: MSF

Vacinando contra a meninxite / Imaxe: MSF

A industria farmacéutica enche as súas arcas vendendo antivirais e deixando uns minutos para calcular os cartos que lles vai reportar a mediática gripe do porco. Os gobernos tranquilizan a poboación publicando as cantidades destes medicamentos que posúen, e os laboratorios Roche aforran millóns en publicidade do tamiflú, que lles chega de balde dende a OMS, a través dos seus comunicados, e dende os medios de comunicación de todo o mundo. Xa informabamos a pasada semana de que os beneficios deste laboratorio -que estaba, por outro lado, a atravesar unha difícil situación económica- aumentaron considerabelmente na bolsa.

E mentres, nos recunchos máis pobres do planeta, a xente segue a morrer doutras epidemias que non saen nas primeiras capas dos xornais, en silencio e silenciados. Entre elas a fame, mais tamén diversas doenzas derivadas das condicións insalubres do seu hábitat, da falta dun sistema sanitario regulado e accesíbel, da carencia de auga potábel e, sobre todo, da pobreza extrema como causa primeira e última.

O dengue: dous millóns de mortes ao ano
Na actualidade hai máis de 23 mil casos de persoas doentes por causa do dengue en Arxentina. Dende o primeiro do mes de abril pasado, os contaxios desta doenza, producida polo mosquito Aedes aegypti aumentaron un 322% no país latinoamericano. No Estado brasileiro de Bahia morreron 49 persoas no último mes, aínda que se rexistraron outras 100 mortes máis que poderían estar relacionadas con esta doenza.

O dengue mata ao ano, segundo Médicos Sen Fronteiras (MSF) a dous millóns de persoas en América Latina, Asia e África. A enfermidade, que causa febres moi altas, é causado por catro virus distintos transmitidos por un mosquito bastante doado de controlar.

A malaria: un millón de persoas ao ano
MSF asegura que cada 30 segundos morre un neno de malaria no mundo: máis de un millón de persoas ao ano. Aínda que esta doenza é un problema global, máis do 86% dos casos rexístranse en África.

A malaria ou paludismo, enfermidade producida por un parasito, pódese prever e curar a un baixo custo, empregando mosquiteiras tratadas con insecticidas, fumigando os fogares e desenvolver tratamentos eficaces 24 horas despois de apareceren os síntomas. Porén, para isto é necesario estabelecer un completo e público sistema de acceso á sanidade.

A meninxite: 56 mil casos no oeste africano
Mentres, en África, sobre todo en Chad, Níxer e Nixeria, medra unha gran epidemia de meninxite que fixo que MSF puxese en marcha unha das maiores campañas de vacinación da historia. Os brotes deste doenza son moeda corrente nos países do oeste africano, situados no denominado "cinto da meninxite". Porén, a epidemia actual é a máis grave dos últimos anos, xa que, segundo cifras dos Ministerios de Saúde de Chad, Níxer e Nixeria, a comezos de ano case chegaban ás dúas mil as persoas falecidas por causa da meninxite, e, de momento declaráronse 56 mil casos nas zonas onde traballa esta ONG internacional.

A meninxite é unha infección das meninxes, é dicir, as membranas que recobren o sistema nervioso central -o cerebro e a médula espiñal-. Mentres que a meninxite viral -que representa o 80% das formas de meninxite-, é xeralmente leve, a bacteriana termina coa vida de até o 50% dos pacientes afectados, se non se trata. Mesmo cando esta enfermidade é diagnosticada ben cedo, e é tratada de inmediato, entre un 5% e un 10% dos paciente morren durante as primeiras 48 horas, após apareceren os primeiros síntomas. Ademais, unha de cada cinco persoas afectadas experimentará efectos secundarios neurolóxicos como xordeira, hemiplexía, parálise facial e outras discapacidades.

A sida, a tuberculose e o xarampelo
A sida causa a morte de máis de dous millóns de persoas ao ano, e no mundo rexístranse máis de 33 millóns de portadores do VIH. Polo seu lado, a tuberculose mata a millón e medio de persoas ao ano, e dos 9,27 millóns de casos que se detectan, máis de medio millón son casos resistentes aos antibióticos. O sarampelo, outra das doenzas máis mortíferas, provoca 900 mil mortes ano ano.

Porén, entre as doenzas mais preocupantes a nivel internacional, segue a situarse a chamada gripe estacional, que afecta mundialmente a entre 57 mil e 96 mil persoas á semana -de entre estes, de 4.800 a 9.690 casos son letais-, segundo cifras da OMS.


5/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: