Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
DIVERSIDADE CULTURAL

A ICANN admitirá dominios noutros alfabetos en 2010

Segundo Paul Twomey, presidente do organismo, que deixará de depender do goberno dos EUA en setembro, iso non vai supoñer a fragmentación da rede.

Redacción - 08:00 12/05/2009

A ICANN, organismo sen ánimo de lucro encargado de coordinar o sistema de enderezos da internet, está a piques de se independizar definitivamente do goberno estadounidense. Recentemente, a comisaria europea para a Sociedade da Información, Viviane Reding, pediulle a Barack Obama que rompese a conexión entre a ICANN e o Departamento de Comercio dos EUA o vindeiro 30 de setembro, cando remata o contrato entre as dúas partes.

O presidente da ICANN, o australiano Paul Twomey coincide, nunha entrevista ao San Francisco Chronicle, en que o organismo debe ser independente do goberno dos EUA, aínda que non comparte a idea de Reding de convertela nun 'G12 da internet'.

Os enderezos de internet deixarán de estar exclusivamente en alfabeto latino
Twomey tamén anunciou que no primeiro trimestre de 2010, cando se abra a concesión de novos dominios de primeiro nivel -convocatoria á que concorre o .gal- tamén haberá unha novidade moi importante: os enderezos de internet deixarán de estar exclusivamente no alfabeto latino. Deste xeito, o árabe, o chinés, o xaponés, o cirílico ou o grego poderán formar parte dos dominios da rede. Pero unha das prioridades, segundo Twomey, será a India, onde hai 22 linguas oficiais e 11 alfabetos.

Ao seu xuízo, iso non vai supoñer unha 'balcanización' da rede, onde o global se constrúe a partir do local. Ademais, as entidades son libres de elixir un dominio no seu alfabeto xunto a outros equivalentes para os usuarios internacionais, ou ben cinguirse á súa propia lingua e área de influencia.

Xa existen, dende 2007, unha serie de dominios en diversos alfabetos distintos do latino a xeito de proba de compatibilidade.


5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: