Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
"Onde está o diñeiro?"

Probada a fraude, presión para o cesamento do delegado da Xunta en Ourense

PSdeG e BNG coinciden en esixir a saída de Roxelio Martínez do seu cargo á luz da sentenza sobre o uso fraudulento de fondos públicos.

Redacción - 18:25 12/05/2009
Roxelio Martínez, ex alcalde de Arnoia, agora delegado da Xunta en Ourense

Roxelio Martínez, ex alcalde de Arnoia, agora delegado da Xunta en Ourense

"Se o presidente fixo do seu discurso de investidura unha épica da legalidade, agora debe estar á altura das circunstancias, porque do contrario fará do seu compromiso coa ética un conto chino", argumentaba este martes Mar Barcón, vicevoceira do grupo parlamentario do PSdeG.

Barcón compareceu este martes diante dos medios e acompañada dos deputados ourensáns do PSdeG para recordar a sentenza "firme" da Audiencia Nacional onde se sinala o "uso fraudulento" de cartos públicos no que incorreu o anterior alcalde de Arnoia, e agora delegado territorial da Xunta na provincia de Ourense, Roxelio Martínez. Segundo a sentenza, Martínez certificou obras inexistentes no grupo de acción local Ceivam, motivo polo cal as devanditas cantidades deben ser devolvidas. O documento xudicial recorda que o daquela rexedor cobrou os cartos da Unión Europea como presidente do grupo Ceivam e reclama a súa devolución.

A voceira socialista aproveitou tamén para lembrar as acusacións que pesan sobre o actual Goberno nas persoas de Agustín Hernández, actual conselleiro de Infraestruturas, de quen opinan que "debe dimitir antes de que teña unha sentenza condenatoria" por certificación de obras desde a Deputación de Pontevedra antes de teren sido realizadas. Tamén recordaron os socialistas a denuncia sobre o conselleiro de Presidencia, Afonso Rueda, acusado de "falsear" un nomeamento como alto cargo da deputación pontevedresa para manter unha excedencia no Consello de Cambados mentres traballaba para o PP.

O BNG pide que Feijoo "actúe en consecuencia"
A mesma polémica ao respecto do delegado ourensán da Xunta foi obxecto este martes dunha batería de iniciativas parlamentares do BNG. Os deputados nacionalistas Tereixa Paz e Alfredo Suárez Canal, solicitaron do Goberno as explicacións pertinentes. Subliñan os deputados do Bloque que Martínez, como máis alto cargo de representación política e institucional na provincia de Ourense, aparece agora como persoa "involucrada por sentenza xudicial firme de defraudación de fondos públicos".

Na opinión do Bloque, o presidente da Xunta debería explicar porque nesta situación considera que pode seguir ocupando o seu cargo de delegado territorial. Segundo expuxo este martes a deputada Tereixa Paz, Alberto Núñez Feijoo debera adoptar "medidas políticas inmediatas e contundentes contra o delegado que el nomeou", toda vez que a Audiencia confirmou a súa involucración nun asunto de fraude con cartos públicos.


5/5 (7 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: