Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
ANTÓN BAAMONDE, ENSAÍSTA

"Moitos toman a Piñeiro como chibo expiatorio das impotencias do nacionalismo galego"

O profesor de filosofía e articulista revisa as relacións entre Piñeiro e o nacionalismo. Vídeo no interior.

Marcos S. Pérez (texto) / Isabel G. Couso (vídeo) - 18:50 13/05/2009

Cal é a pegada de Piñeiro na sociedade galega actual?
"Podo responder, á galega, con outra pregunta: como se mide a influencia dun home na vida dun país? É difícil sabelo; el significou durante o franquismo a lexitimidade do galeguismo anterior á guerra civil, e despois mantivo certas posturas moi discutidas que non podo valorar se foron acertadas. O que si sei é que el fixo o que cría que tiña que facer, e nun país como este no que a xente fai non o que cre que ten facer, senón o que pensa que quedará mellor para o seu status futuro, de Piñeiro podemos dicir que foi moi fiel a si mesmo".

Para Beramendi, Piñeiro representa a interiorización da derrota do nacionalismo

"Pode ser. Eu penso que no nacionalismo actual atopamos fenómenos moi parecidos: a posta en práctica de certo radicalismo ás veces quere dicir que pensas que non hai ningunha posibilidade de que as túas opcións sexan sostidas polo común, pola gran corrente central da sociedade galega. Piñeiro en calquera caso non era escapista. Cando eu militaba na UPG, con 16 ou 17 anos, cría que Beiras era un españolista, e despois dixéronme mil veces que Camilo Nogueira o era. E en realidade dende os criterios que tiña o nacionalismo popular galego naquela época o BNG de hoxe é españolista do A ao Z.

Hai moita xente que toma a Piñeiro como chibo expiatorio para explicar todas as impotencias do nacionalismo galego contemporáneo. Que o PSG non fose ben non é culpa só de Piñeiro, é culpa de toda esa xeración; e que o BNPG non quixera protagonizar a autonomía, e iso foi un erro bastante grave naquel momento, pois iso non é responsabilidade de Ramón Piñeiro. Piñeiro acertou ou equivocouse, pero non é o deus ex machina que explica toda a Galicia contemporánea. Sobre os acertos e os erros talvez deberiamos ser máis modestos sobre as responsabilidades de cada un. Hai que entender que o galeguismo e o nacionalismo son o que son, e non poden transformar a sociedade por un acto máxico."

Podemos enteder a actual deriva do PP como un fracaso de Piñeiro ou como un ataque en contra del?
"Talvez é un fracaso e talvez é un ataque. Sen dúbida, o que fixo Piñeiro foi construír un consenso lingüístico compartido polas tres forzas políticas que operan hoxe. E dende logo vivimos unha situación distinta dende que o PP rompeu o consenso lingüístico levado da man de Galicia Bilingüe. A pregunta que debemos facernos é se hai na sociedade galega elementos de fondo que levan a unha castelanización irreversible, sabemos que hai unha perda grave de falantes. Dígoo porque hai un universo que parece querer negar a realidade. Esta actitude última do PP, na medida en que tivo éxito, que non o sabemos se un só voto do PP estivo condicionado pola lingua. Non se debe fuxir do problemas: hai que preguntarse até que punto hoxendía as clases medias asumen este discurso. Cómpre crear un marco argumentativo que faga que non gañen a batalla discursivo, porque iso si que o gañaron. En Cataluña e Euskadi nos últimos trinta anos incrementouse a cifra de falantes, en Galiza diminuiu. Hai que facer preguntas e non todo pode ser culpa de Piñeiro".


4,71/5 (14 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: