Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
GALEGOZ

"En realidade montamos o grupo para meternos coa Igrexa e co PP"

Publican o seu segundo álbum 'Viñeron da Galiza Interior', que viu a luz o día da investidura de Núñez Feijoo. Vídeo no interior.

Marcos S. Pérez (texto) / Isabel G. Couso (vídeo) - 08:00 14/05/2009
Tags: galegoz

Galegoz pensaron o seu segundo disco en clave apocalíptica; eis a temática: zombies, mutantes, necrofaxia, Prestige e a fin do mundo albiscándose tras do monte Gaiás. E no medio do proceso de gravación a apocalipse chegou en forma de maioría absoluta do PP, o que lles obrigou a modificar en algo a temática do álbum e algunhas das letras: '39 zombies controlados por Madrid'. Galegoz publicou o seu disco (en descarga gratuíta na Regueifa Plataforma) coincidindo coa investidura de Núñez Feijoo. Estes catro anos van dar guerra. Así e todo a mensaxe é optimista: 'Quixeron emporcarnos os mares, pecharnos os bares, non poden con nós! Mandaron a Galicia Pilingui, Jesulín de Ubrique, non poden con nós!'. Festa e loita: 'Galiza zombie, poder nuclear'.

Van xa para dous anos que o grupo virtual que se dera a coñecer en 2006 con Galician Chimpanzee decidiu corporeizarse e comezar a tocar polos escenarios do país. No verán de 2007 o seu Revolution Dance arrasou nos principais festivais do país, coma o Cultura Quente de Caldas. Denís Mutante (voz), Pulpiño Viascón (batería, percusións e voz), Marcos Payno (programacións e voz), Manuel Payno (trompeta e coros), Alex Salgueiro (frauta e teclado), Tomas Ruido (Técnico de son e produción técnica), Matías Olazábal (guitarra) e Chou (Samplers, video-dj e son) regresan (con colaboracións, coma a de García de Dios ke te Crew) con cinco novas cancións, repetindo a fórmula de ritmos bailábeis e letras retranqueiras e incómodas, aínda que se nota un avance na produción, un son máis redondo.

Son un dos expoñentes máis claros da revolución que se produciu nos últimos anos da música. Cada vez hai menos diferenza entre os discos producidos na casa e nos grandes estudios; e a rede posibilitou que calquera poida distribuíra a súa música sen intermediarios. E que vai pasar agora? Deterase co cambio de goberno o crecemento experimentado pola música galega? (do que por exemplo dá boa conta a web Komunikando.net, na que os Galegoz teñen moito que ver) "Quizais todo o contrario -din- Creo que os grupos galego imos tocar máis a partir de agora; creo que este goberno vai recurtar tanto as axudas en cultura que os festivais que estes anos estiveron traendo grupos de fóra, van ter que apostar polos grupos galegos. De feito nós estamos tocando máis que o ano pasado", engaden.

Si salientan o traballo realizado nestes últimos anos pola Radio Galega: "hai que destacar o labor de Xurxo Souto, que o fixo marabillosamante". Polo de agora teñen concertos programados en Burela (16 de maio), A Estrada (22 de maio), nas festas de San Pedro de Compostela (26 de xuño), A Coruña (27 de xuño) e Porto do Son (25 de xullo). A festa para quen a traballa.

E o Gaiás, que protagoniza unha das cancións do disco? "A Cidade da Cultura está en todas as vilas de Galiza, son as persoas e os colectivos que traballan día a día. Fíxate neste edificio -din- no último andar estase acabando de mesturar o novo disco de Ataque Escampe, e na parte de abaixo está o Avante, que é toda unha factoría cultural". Rouco Varela repite no disco, "nós montamos o grupo para meternos coa Igrexa e co PP", din. "Pero que é peor", preguntámoslles, "unha resaca de licor café, Rouco Varela ou Galicia Bilingüe?" "Galicia Pilingui", din sen dubidalo. Viñeron da Galiza interior.

Non poden con nós

Apocalipse agora


Ligazóns

4.77/5 (22 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Vídeo: Falamos con algúns dos membros de Galegoz (A festa para quen a traballa)