Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
VÍCTOR FREIXANES, DIRECTOR DE GALAXIA

"Segue sendo necesario crear espazos de encontro e de consenso para consolidar a lingua"

Dirixe a editorial que fundou Piñeiro e que ao longo deste ano está reeditando os escritos do intelectual, así como unha parte da súa correspondencia.

Marcos S. Pérez (texto) / Isabel G. Couso (vídeo) - 14:39 14/05/2009

Piñeiro, fonte para un debate fondo sobre o país
"Ramón Piñeiro é unha personalidade moi rica, tamén cos seus claroscuros. E para valorala ben hai que coñecer os seus textos e o seu discurso. O discurso publicado de Piñeiro é breve, pero intenso, son eses tres libros de ensaios: Sobre a Saudade, Olladas no Futuro e A Linguaxe e as Linguas, o que máis me interesa a min, persoalmente. Despois hai milleiros de cartas, algunhas das cales publicamos ou imos publicar este ano en Galaxia, como a correspondencia con Basilio Losada, Franco Grande ou Fernández del Riego. Son ensaios, porque non son cartas improvisadas; el corríxeas, pásaas a limpo, garda unha copia. E todo está na Fundación Penzol, que é un tesouro para coñecer todo este tempo".

A pegada que deixou

"Para entender aquel grupo que o 25 de xullo se reúne nos baixos do Hotel Compostela para constituír unha plataforma de expresión cultural como unha forma de facer política, hai que entender como era aquel momento e aquela sociedade. Nesas circunstancias Piñeiro, Xaime Isla, Fernández del Riego, Peinador, Gómez Román, Otero Pedrayo..., intentan compoñer o galeguismo, para defender o prestixio da lingua nun contexto europeo e para conectar coas novas xeracións. E o papel de Piñeiro é o que o propio Piñeiro lle di a Basilio Losada en 1962 nunha carta: 'eu son o animador para que os demais se expresen, intento ser o catalizador'. Deixou unha pegada de sementeira intelectual e de conciencia de Galicia nas novas xeracións; logo moitas desas novas xeracións discrepan con el e mesmo se enfrontan a el politicamente, pero sempre a partir desa sementeira que deixou neles. E logo un labor de organización política e institucional: na transición tenta, xunto coas persoas da súa xeración, apuntalar unhas institucións que recuperen a idea da autonomía de Galicia, empatando con 1936. Aí está a súa presenza no Parlamento, a creación do Consello da Cultura, a Lei de Normalización, a CRTVG, Piñeiro está detrás. Se o vemos con perspectiva histórica, unha parte moi importante da realidade galega actual é o resultado da sementeira daquela xeración".

A necesidade de recuperar o consenso sobre a lingua
"O labor de consenso que se leva a cabo ao redor dos galeguistas históricos, que lle aportan lexitimidade histórica á nova autonomía. AP, UCD e PSOE incorpóranse ao galeguismo histórico e á súa lexitimidade a través de Piñeiro; iso permite espazos de consenso e de acordo moi importantes para estabilizar a vida política galega. A realidade política que temos hoxe é en gran medida o resultado dese consenso que se logra ao redor da figura de Ramón Piñeiro. Inda segue sendo bastante necesario crear espazos de encontro e de consenso para consolidar a lingua, a educación, ou a organización do territorio".


4,2/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: