Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
'A REVOLTA DAS LETRAS' EN COMPOSTELA

A poesía toma as rúas na véspera do 17

Antón Lopo, Oriana Méndez, Estevo Creus ou Xiana Arias recitarán pola mañá en prazas e centros comerciais. Pola noite, concerto de Current 93.

Redacción - 09:15 16/05/2009

A revolta comezará pola mañá, con Antón Lopo e Oriana Méndez, que recitarán no Zara da praza de Galicia ás 12; a seguir Ana Romaní, Claudia Pato e Pilar Beiro estarán no estanque dos patos da Alameda ás 12.30 horas; Estevo Creus, entrará no Froiz da praza do Toural á unha do mediodía; e Xiana Arias e O Leo recitarán na Praza de Cervantes a partir das 13.30 horas.

Pola tarde, na Quintana, haberá actividades dirixidas a todos os públicos que se han desenvolver de 16.30 ás 21.00 horas; na mesma praza montarase un set de gravación audiovisual para a realización dun Cadáver exquisito, que comezará cun verso de Chus Pato. Ao final da xornada veremos a cadea completa na propia Quintana e a partir do día seguinte na web da Revolta das Letras. De 16 a 21 horas, na praza do Toural, desenvolverase a Arte na rúa, unha actividade dirixida polos artistas Antón Caamaño e Edita Rodríguez, que realizarán unha acción-intervención. Ao tempo, no paseo central da Alameda, os grafiteiros Osiris, Talos e Meös traballarán ao longo da tarde. Así mesmo, na caravana de Caixa de mistos, os máis cativos poderán ver curtas de animación en galego, con varios pases.

Unha das actividades centrais da Revolta das Letras leva por nome Turismo mental por Santiago de Compostela, unha visita guiada polos ecos e a cidade, unha cata sonora, un labirinto cheo de indicios e elocuentes e discretas revelacións como as que conducen a resolver un crime. Guiados por Quico Cadaval o paseo irá do xardín das estatuas da Ferradura até a sombriza necrópole de San Domingos de Bonaval. Nesta conxura participarán algunhas voces senlleira das letras e a cultura galega como os Monicreques de Kukas, músicos, Paulina Ceremuzynska, Paco Macías, Lois Rodríguez, Charo Barba, Víctor Ferreira, Antón Dobao e Margarita Ledo. A partir das dez e media da noite, na praza de Abastos, Curtocircuíto proxectará algunhas das curtametraxes máis salientábeis do cinema galego contemporáneo.

Tagen Ata latexa
Toméi do bolso a miña pistola. Con coidado, para non espertar a Ulm Roan, carguéina, montéina. Sin sentir nada apuntéi, dende moi perto, á caluga do traidor Ulm Roan. Abandóu un tiro: apenas un estremecemento, non se alteróu a posición do seu corpo. O disparo repercutíume -foi curioso-, cunha door aguda e súpeta, na zona do himen... Outra das propostas da Revolta das Letras é que os lectores da súa páxina web introduzan derivas nalgúns fragmentos do Retorno a Tagen Ata de Méndez Ferrin.

Concerto de Current93
Current93 presentan un programa dobre en Compostela na fin de semana das Letras, da man do Festival Sinsal. Polo colectivo formado por David Tibet, John Balance de Coil e Fritz Haaman en 1982 pasaron nos seus máis de 25 anos de historia artistas como Bjork ou Nick Cave. É a súa segunda visita ao Estado Español; en Compostela James Blackshaw, Baby Dee, Andrew Liles, Keith Wood e Alex Neilson presentarán o seu último traballo: Aleph at hallucinatory mountain. Será no Salón Teatro, o sábado e o domingo a partir das dez da noite.

Actividades da Gentalha do Pichel
A festa do 17 (que se fai o 16) comezará ao mediodía na Praza do Toural cunha concentración baixo o lema 'A RAG é um fraude, por um dia das letras popular'. Entre o resto dos actos programados para este día destacan os concertos que a partir das oito da tarde comezarán na Alameda, coa actuación de Magnifique Band de Homes sen Medo, Quempalhou, The Royalties e Projecto Mourente.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: