Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Fusións inevitábeis segundo Zapatero

Andalucía estuda para as caixas o modelo de fusión parcial aplicado en Castela e León

O presidente andaluz insinuou un proceso que manteña as marcas actuais das entidades baixo un eixo xurídico común, como reforzo fronte ao "darwinismo" no sector.

Redacción - 14:30 15/05/2009

"Hoxe quedan cinco caixas en Andalucía, avanzouse moitísimo, e pode ser que no futuro queden menos", afirmou esta semana no Parlamento andaluz o novo presidente da Junta de Andalucía, José Antonio Griñán. Nunha resposta parlamentaria ao voceiro de Izquierda Unida, Diego Valderas, o mandatario andaluz opinou que se non se dan pasos axiña "córrese o risco de chegar á situación que eu defino como darwinismo financeiro: que o pez grande come o pequeno, e non estou de acordo en absoluto".

Fronte a esa situación, Griñán falou da súa intención de favorecer desde a administración o despregue de estratexias de fusión innovadoras. O presidente da Junta remitiuse á oferta ás caixas de aforro a unha alianza que lles permita manter as súas marcas comerciais así como obras sociais circunscritas preferentemente aos seus actuais marcos de actuación provincial. Respectando esa dinámica, as caixas estabelecerían unha base xurídica e unidade financeira común.

O exemplo recente sobre esta posibilidade chega de Castela e León, onde no canto dun proceso completo de fusión, o goberno autonómico favoreceu unha idea alternativa cualificada como fusión "virtual". Coa premisa de reforzar o sistema financeiro do territorio, impulsouse o chamado "Grupo de Cajas de Castilla y León", que envolve seis caixas (Caja Burgos, Caja España, Caja Círculo, Caja Duero, Caja Segovia e Caja Ávila). Malia manteren os seus nomes comerciais, responderán a un órgano xestor común que defina as liñas estratéxicas xerais das entidades e controlará os recursos e participacións industriais conxuntos de todas elas.

Fusións para "salvar todo o que se poida", exponlle Zapatero a Jorquera
"Non hai ningún obxectivo de reestruturar ou fusionar", aseguraba o presidente do goberno español, José Luís Rodríguez Zapatero, durante a resposta no Congreso á interpelación de Francisco Jorquera, deputado do BNG. O nacionalista instárao a aclarar sobre a presunta intención do executivo español de reformar a lexislación sobre caixas de aforros afectando a marxe de manobra dos gobernos autonómicos.

Zapatero evitou responder a ese asunto concreto, pero engadiu que a reestruturación ou acordos posíbeis entre as caixas non son obxectivo en si mesmo senón consecuencia da vontade de garantir competitividade e "salvar todo aquilo que se poida" no actual contexto de crise financeira. "Hai que previr", indicou Zapatero, quen non se referiu tampouco á posibilidade de que o goberno español lle abra a porta ás chamadas fusións interrexionais e, con todo, prometeu diálogo ao respecto da reforma.


1/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: