Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
MANIFESTACIÓN EN COMPOSTELA

17M: A sociedade sae á rúa polo dereito a vivir en galego

A marcha, que apoian ao redor de 600 colectivos de todo o país, partirá ás 12 do mediodía, e chegará á praza da Quintana.

Redacción - 10:30 17/05/2009

Case 20.000 persoas e 574 colectivos apoiaron até o momento o Manifesto a prol da convivencia lingüística e a igualdade de dereitos para o galego, que se lerá ao remate da manifestación convocada pola Mesa pola Normalización Lingüística que este próximo domingo encherá as rúas de Santiago de Compostela baixo o lema "O galego, a nosa columna vertebral. A lingua que nos une!". Será a partir das doce do mediodía, nunha marcha que se prevé masiva, como resposta da cidadanía aos plans do novo goberno galego presidido por Alberto Núñez Feijoo para eliminar as medidas de protección do galego e o propio decreto vixente do ensino, que marca unha porcentaxe do 50% dos contidos lectivos en galego.

Xa o ano pasado asistimos á manifestación polo idioma máis numerosa que se lembraba, por mor dos ataques dirixidos nos meses anteriores contra a lingua galega dende distintas organizacións (encabezadas por Galicia Bilingüe), que parapetándose na defensa dunha suposta 'liberdade lingüística' iniciaran unha campaña contra o uso normalizado do galego.

O venres a manifestación recibiu o apoio de Marilar Aleixandre, Pepe Penabade, Federico Pérez, Tonhito de Poi, Monti Castiñeiras, Carlos Blanco, Mero Iglesias, Vítor Neira, Nando Casal, Marta Dacosta ou Ramón Latas, nun acto ao que non puideron asistir outros dos asinantes do manifesto, como Henrique Monteagudo, Avelino Pousa Antelo, Manuel Rivas, o grupo musical Lamatumbá, Helena Villar Janeiro, Uxía Senlle, Miguel Anxo Fernán Vello, Andrés Torres Queiruga, Miguel Anxo Fernández ou os actores Xosé Antonio Touriñán e Marcos Pereiro (intérpretes de Mucha e Nucha).

Malia a ter algunhas diverxencias co xeito no que A Mesa convocou a manifestación, a Plataforma Galego Sempre Máis (que agrupa unha trintena de colectivos encabezados polos centros sociais e os grupos reintegracionistas), estará na marcha, cunha faixa propia que marchará por detrás da principal. A Plataforma Galego Sempre Máis realizou a convocatoria para as doce e cuarto do mediodía, no Palco da Música do Paseo Central da Alameda

Consulta na web da Mesa os autocarros dispoñíbeis para desprazarse a Compostela dende todas as comarcas do país


4,86/5 (14 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Monti Castiñeira, Marilar Aleixandre, Carlos Blanco e Marta Dacosta dan os seus motivos para acudir á manifestación do vindeiro domingo

A manifestación do pasado ano