Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Após coñecerse a realización dun novo ensaio

A ONU condena as probas nucleares de Corea do Norte

Os 15 países que compoñen o Consello de Seguridade do ente transnacional expresaron a súa preocupación polas accións desenvolvidas dende Pyongyang.

Redacción - 09:00 26/05/2009
Protestas contra o réxime norcoreano

Protestas contra o réxime norcoreano

O Consello de Seguridade da ONU condenou esta segunda feira o ensaio nuclear norcoreano e o lanzamento de tres mísiles de longo alcance, describindo ámbalas dúas accións como unha "clara violación" das súas resolucións, ao tempo que sinalou que ha avaliar de inmediato se impón novas sancións como castigo ao goberno de Pyongyang.

"Os membros do Consello de Seguridade subliñaron a súa firme oposición e condena ao ensaio nuclear feito por Corea do Norte, o que constitúe unha clara violación da nosa resolución", indicou o presidente de quenda e embaixador de Rusia, Vitaly Churkin, ao terminar a xuntanza do máximo órgano de decisións da ONU.

O Consello reuniuse de urxencia, a petición do Xapón, durante pouco máis de 40 minutos, e ao rematar a xuntanza, Churkin subliñou que todos os seu membros sentiron "a necesidade de darlle unha resposta inmediata" ao desafío lanzado por Corea do Norte.

Corea cumpriu as súas ameazas
O mes pasado, a delegación de Corea do Norte abandonou as conversas sobre o seu programa nuclear, como protesta á condena internacional ás súas probas. O Consello de Seguridade da ONU viña de condenar o lanzamento, o pasado 5 de abril, dun foguete que, segundo Pyongyang, estaba destinado a pór en órbita un satélite de comunicacións, mais que, segundo os EUA, Xapón e Corea do Sur, foi a proba encuberta dun mísil balístico de longo alcance, capaz de chegar a Alaska.

Naquela altura, un voceiro do Ministerio de Relacións Exteriores do goberno norcoreano sinalaba que se a ONU non se retractaba na súa condena, Corea do Norte había tomar "medidas en defensa propia, incluíndo a proba de mísiles nucleares de alcance intercontinental".

Porén, esta segunda feira o réxime norcoreano informou de que efectuou un segundo test nuclear, que ocasionou unha explosión de 20 kilotóns de potencia, e de que lanzou tres mísiles de curto alcance. Esta proba foi de maior potencia que a realizada en 2006. Daquela, Corea da Norte xa foi sancionada pola ONU, conxelándolle os bens dos seus dirixentes no exterior, e prohibíndolles viaxar aos seus representantes internacionais.


5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: