Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Carles Riera, vicepresidente do CIEMEN

"O recurso ao Estatut constata o fracaso absoluto do autonomismo"

"O noso futuro xa non pode pasar por un proceso estatutario senón por un de autodeterminación e de soberanía en Europa", di este sociólogo do Centro Internacional para as Minorías Étnicas e as Nacións.

Fernando Arrizado - 12:00 26/05/2009

O Centro Internacional Escarré para as Minorías Étnicas e as Nacións (CIEMEN) é unha asociación catalá que comezou as súas actividades en 1974. Ten como principais obxectivos conseguir o coñecemento e o recoñecemento das minorías étnicas e de todas as nacións sen excepción para poder estabelecer accións de solidariedade entre territorios. Falamos co seu vicepresidente, o sociólogo Carles Riera, que ademais preside a fundación Desenvolupament Comunitari e é membro do Consello Internacional do Foro Social Mundial en representación da Conferencia de Nacións sen Estado de Europa (CONSEU).

Vieiros: O leitmotiv do especial Europa, Terra de Pobos é analizar a Europa das nacións sen estado que se agocha trala actual. Vostede como experto na materia pode responder mellor a esta cuestión: por que unha Europa das nacións vai ser mellor que unha dos estados?
Carles Riera: Hai que constatar o fracaso dos estados nacionais na construción do proxecto europeo. Co tempo viuse que aínda que son quen de dar pasos neste senso, ao final demóstrase que son estes os propios limitadores das construción da Europa unida. Isto constátase en dous exemplos: o papel ridículo e precario que xoga na política internacional, e a incapacidade para dar alternativas á crise en defensa da cidadanía.

Logo é tempo da Europa das Nacións ...?

Ante este fracaso aparecen dous novos actores, de sempre mais ignorados. Por unha banda, a cidadanía europea a través dos seus foros, organizacións sociais, sindicais, que deberían ser fundamentais neste proxecto dende o punto de vista da radicalidade democrática e do progreso social. E pola outra, un 'vello-novo' actor que son os pobos e as nacións sen estado. Nacións que levamos anos cuestionando e sufrindo as fronteiras creadas artificialmente na construción dos estados nacionais, case sempre a través de guerras. A soberanía debe partir dos pobos reais, dos suxeitos colectivos reais.

Porén, hai quen pensa que ese suxeito colectivo real soberano do que fala é, no noso caso, o pobo español e non o pobo catalán ou o pobo galego. Non dá pé a ser moi optimistas
na construción dunha Europa dos pobos se non é co beneplácito dos estados ...
Non son optimista en canto ao papel que a corto ou medio prazo poidan xogar os estados. Con todo, sono na medida en que canto máis avance a idea dun proxecto europeo, cada vez ha ser máis evidente que os estados e as súas fronteiras son os principais obstáculos na construción europea. Os pobos e as nacións deben ser recoñecidos como suxeitos políticos de dereito na nova Europa. Territorios con identidades, culturas e linguas de seu, que a constrúan dende o exercicio do seu dereito á autodeterminación. E contando cos movementos sociais, porque para nós é fundamental ligar loita nacional e social.

Nós non defendemos, ante o fracaso de Europa, o repregamento dos estados nacionais sobre si mesmos. Ou o repregamento das nacións sen estado sobre novas fronteiras. Ou o repregamento corporativo dos movementos sociais cada un na súa loita. Cada un tena que dar no seu ámbito, mais á vez hai que transgredir ese escenario e plantexar a alternativa tamén por arriba, xerando marcos superadores do conflito.

Tanto Cataluña como o País Vasco sempre foron referentes para moitos pobos de Europa nestes procesos de construción nacional. Que valoración fai do cambio de Goberno en Euskadi?

É unha situación excepcional, que só se pode producir nun Estado excepcional onde unha idea, un proxecto político moi importante está marxinado. O que demostra é que sen a esquerda abertzale non é posíbel unha maioría soberanista no País Vasco. Esta conxuntura aprovéitaa o españolismo, o PSOE e o PP, para se facer coas institucións e tentar un proceso de inclusión cultural-social-político do País Vasco en España. Unha normalización da presenza do País Vasco en España a través dun pacto de Estado. Eu coido que un proceso de normalización democrática real convertería esta situación en pasaxeira, e aquí cumpriría unha axenda común do soberanismo.

Semella que agora é Escocia a que lidera a carreira en Europa cara a unha hipotética independencia ...

Conflúen diversos factores. Por unha parte, unha madurez e unha capacidade de unidade importante no movemento nacionalista. Por outra, un novo papel de Escocia a nivel xeoestratéxico, que nuns anos se pode converter nun territorio non periférico. Cunha grande importancia como eixo de comunicación, en canto a recursos enerxéticos, que a leva a xestionar con lóxica nacional esas novas estratexias. A tradición política-xurídica británica non é a mesma que a española.

Quizais sexa máis pragmático Londres que Madrid, chegado o momento?

Probabelmente. O Estado español está nunha época de moito nacionalismo español aínda que se negue. Esa autoafirmación nacionalista española coloca o Estado español nunha posición con menos ocos xurídicos que a británica.

Centrándonos xa en Cataluña, como valora estas tres décadas de autonomía para o avance no seus autogoberno?

O ano 2008-2009 é cando se constata o fracaso absoluto do autonomismo, da construción nacional dentro do marco dos Estatutos e da Constitución. E este fracaso chega curiosamente cun Goberno español e cunha corrente do PSOE que podería ser máis sensíbel a esta temática. Mesmo o proxecto de España plurinacional, federal, que propuxo Pasqual Maragall (ex presidente catalán) dende as propias filas do Partido Socialista rexeitouse. E o actual Estatuto catalán, que está pendente de resolución no Constitucional, é un exemplo clarísimo deste fracaso.

Sen dúbida, a autonomía permitiu certo grao de autogoberno, certa normalización da nosa existencia nacional e certo recoñecemento internacional. Mais non globalmente, en canto á construción nacional da nación enteira, é dicir, dos Países Cataláns. O noso futuro xa non pode pasar por un proceso estatutario senón por un de autodeterminación e de soberanía en Europa.

Dentro das sondaxe que habitualmente se realizan sobre o sentimento identitario en Cataluña, que datos manexan actualmente?

Non podo contestar con exactitude porque non teño os datos exactos diante. Mais se sumamos os que se senten só cataláns cos que se senten máis cataláns que españois, achegámonos ao 50%. E se engadimos os que se senten tan cataláns como españois xa pasamos sobradamente ese 50%. Porque os que se senten máis españois que cataláns ou só españois son unha minoría. Isto explicaría porque unha sondaxe feita por unha asociación do campo soberanista apuntaba que había un voto consolidado a prol da independencia de máis do 40%.

Cataluña foi é segue a ser un modelo a seguir para as nacións sen estado ao respecto da normalización lingüística. Como é o estado real do catalán? Fálase máis que hai 30 anos?

Non hai dúbida que mellorou en canto a coñecemento, uso, recoñecemento, grazas ás políticas públicas e aos movementos sociais. A inmersión lingüística foi unha estratexia fundamental e débeo seguir sendo. Porén, hai unha regresión en canto ao uso social do catalán. Na actividade económica segue a haber certa resistencia, xa que se considera o castelán unha lingua de maior uso, máis internacional. Ademais, hai un certo fenómeno social, unha moda, digamos, de normalización do uso do castelán entre a mocidade como lingua de comunicación.

Cales son os obxectivos de futuro?

A loita fundamental é que o catalán sexa a lingua común. Aparte de ser a lingua oficial e a lingua propia, que sexa a lingua de uso social común. Nunha sociedade cada vez máis pluricultural e plurilingüe, con cada vez máis xente que ten ademais do catalán ou do castelán como lingua outra diferente, a clave será a lingua franca, a lingua común. Un castelanfalante e un catalanfalante en que lingua van falar cando se encontren? Un catalanfalante, un castelanfalante e un orixinario do Paquistán, por exemplo, en que lingua van falar en común? A batalla fundamental é para que esa lingua sexa o catalán. Porque agora habitualmente é o castelán.


4.74/5 (19 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: