Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
XOÁN CARLOS GARRIDO, HISTORIADOR

"O obxectivo de Piñeiro era ser el o ministro no goberno no exilio e non Castelao"

Vén de publicar 'Piñeiro contra Castelao, Castelao contra Piñeiro', con abondosos materiais que documentan as diverxencias entre os dous galeguistas.

Redacción - 17:00 26/05/2009

Piñeiro contra Castelao, Castelao contra Piñeiro (A Nosa Terra, 2009) é un punto de partida. Xoán Carlos Garrido quere, máis que deitar conclusións sobre Piñeiro, poñer unha serie de documentación, principalmente cartas, á disposición dos lectores, para que cada un dispoña de documentación para posicionarse. Di Garrido que nos debates que existen sobre a figura do intelectual galeguista e a súa actuación polúitica "había unha eiva, posto que cada un construía a Piñeiro en función dos seus intereses e non a partir dos feitos. Había documentación que era coñecida e non era usada, e outra que simplemente non interesaba coñecer". A este respecto, valora o que levamos de ano das Letras como unha "oportunidade perdida para un debate moi necesario" sobre Piñeiro. "Ou ten razón un ou a ten o outro, pero o que non se pode é manipular os datos. Ou hai mala conciencia, ou non hai por que ocultar a información. É o que tratamos de evitar con este libro; queremos que a xente teña acceso directo ás fontes e despois que cada un analice quen obrou máis correctamente", conclúe o historiador.

O libro explora a relación persoal e ideolóxica entre Piñeiro e Castelao, principalmente nos anos posteriores ao remate da Segunda Guerra Mundial, momento no que se debatían posíbeis vías para tumbar a ditadura franquista. Para Garrido, Castelao e Piñeiro "teñen unhas convicións estruturais e estratéxicas diferentes. Unha das diferenzas centrais entre eles é que Piñeiro non é nacionalista, e Castelao si, que determina as tomas de posición de un e doutro". Entre elas, a distinta actitude que teñen cara á Alianza Nacional de Forzas Democráticas, dominada polo PSOE e a CNT, e que propoñía unha saída pactista, monárquica (juanista) e na que os nacionalismos deberían renunciar aos dereitos adquiridos por Euskadi, Cataluña e Galiza na Segunda República. "Castelao non quere entrar na alianza polo seu carácter pactista, monárquico e reticente aos nacionalistas, e en cambio Piñeiro está fervendo por entrar", di Garrido.

O volume afonda na coñecida xuntanza de París á que Piñeiro acode, segundo as súa propias memorias, para pelexar por un posto de ministro para Castelao no goberno de Giral no exilio: "García Durán, que era quen realmente ía a París falar co goberno Giral, xa sacou nos anos setenta textos desmentindo a Piñeiro. A postura de Piñeiro sobre o goberno de Giral cambia unha vez que aceptan a Castelao como ministro, de feito Piñeiro marcha decepcionado de París, sen agardar a que chegue Castelao, contra toda lóxica. Non se explica o comportamento de Piñeiro se non é porque o obxectivo de Piñeiro era ser el o ministro do goberno no exilio, como se ve na documentación que presento no libro; unha vez que non o consegue, prodúcese unha desafección por parte de Piñeiro cara ao goberno de Giral e cara aos exiliados. E lévao tamén a distanciarse dos vascos".

Piñeiro era quen informaba a Castelao da situación política do interior do país, pero "Castelao non se fiaba de Piñeiro; si confiaba en persoas que delegaron en Piñeiro, como Otero Pedrayo e Valentín Paz Andrade, que non podían actuar, porque estaban queimados como figuras de preguerra. Así pois, os informes que pasaba Piñeiro eran os datos que manexaba Castelao, e que tamén manexaban os vascos. Hai unhas cartas dos vascos nos que afirman que dalgún modo Piñeiro os enganara".

As diferenzas ideolóxicas que Piñeiro tiña con Castelao continuaron despois da morte do de Rianxo, e nas prédicas políticas que Piñeiro lles imparte as distintas xeracións que pasan pola súa mesa braseiro, "a actuación política de Castelao é descualificada. Para Piñeiro o valor principal de Castelao está relacionado coa creación artística e coa cultura, igual que para o franquismo, nas instrucións que deu para a publicación en Galiza das novas da súa morte", conclúe Garrido.


4.86/5 (28 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xoán Carlos Garrido
Xoán Carlos Garrido
Derradeira fotografía de Castelao, tirada por Eduardo Blanco Amor no Centro Ourensán de Bos Aires
Derradeira fotografía de Castelao, tirada por Eduardo Blanco Amor no Centro Ourensán de Bos Aires