Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
NEGOCIACIÓN DO CONVENIO

Os traballadores do metal volverán á rúa

A Xunta suspendeu a mediación no conflito e os sindicatos convocaron unha nova folga para a vindeira semana.

Redacción - 18:15 28/05/2009

"Suspensión temporal da mediación". Así definiu o xefe da Inspección de Traballo na provincia de Pontevedra, Xosé María Casas de Ron, o momento actual das negociacións entre sindicatos e patronal. A Xunta deixará de mediar porque, segundo explicou, así "o aconsellan as condicións obxectivas". Con todo, asegurou que "as conversas non están rotas" e que a Administración volverá a convocar ás partes nos vindeiros días.

Volta á rúa

Ao tempo, os sindicatos xa convocaron unha nova folga para os vindeiros mércores 3 e xoves 4 de xuño. "As posturas de patronal e traballadores están aínda moi distanciadas", di Miguel Anxo Malvido, responsábel da CIG-Metal para explicar esta decisión da administración. "Cada unha das partes transmitiu aos mediadores cales serían os seus puntos irrenunciábeis e comprobaron que a diferencia é tan grande, que viron necesaria unha nova paréntese", explica.

Na mesma liña se manifestou o voceiro dos empresarios, Xabier Martínez, quen explicou que a decisión dos mediadores obedece a que "neste momento non ven oportunidade de chegar a acordo ningún". Así, asegurou estar desanimado ante as que considera "diferencias insalvábeis até o de agora". Ao tempo, asegurou que a patronal xa está "no límite do que pode ofrecer".

Non pensan igual os representantes dos traballadores. Miguel Anxo Malvido insiste en que "hai mecanismos que recoñece o propio convenio para acordar o incremento salarial que solicitamos; non é certo que os empresarios estean ao límite das súas posibilidades; non podemos aceptar que sexamos os traballadores quen teñamos que pagar a crise", explica.

Conflito longo
Sexa como for, tanto patronal como sindicatos están de acordo en que este será un conflito que se prolongará no tempo. Así o aseguraba Ramón Sarmiento, voceiro de Comisións Obreiras (CCOO), quen adiantou que o seu sindicato celebrará asembleas para "planificar un escenario longo sen respostas". Tamén Diego Atanes, responsábel de UXT, prognosticou máis e máis mobilizacións en resposta á conxelación das negociacións, se ben insistiu na disposición dos traballadores a seguir negociando.

Pola súa parte, Miguel Anxo Malvido adiantou que o desánimo non callou nos traballadores: "estamos moi acostumados a defender os nosos dereitos na rúa e iso será o que teñamos que facer", dixo. "As razóns para loitar polo convenio e polos nosos dereitos témolas, polo que non abandonaremos".


Ligazóns

5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



O mércores 3 e o xoves 4 de xuño os traballadores do metal volverán á rúa
O mércores 3 e o xoves 4 de xuño os traballadores do metal volverán á rúa
Os sindicatos entenden que a administración suspendeu a súa mediación ante o distanciamento das partes
Os sindicatos entenden que a administración suspendeu a súa mediación ante o distanciamento das partes