Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
Play Off Nacional 2009

A Liga Nacional de Billarda prepara a súa “Gran Muiñada”

Este domingo 31 de maio, en Conxo (Compostela), os palanadores e palanadoras fan o seu "ensaio nuclear", no segundo e histórico encontro dos e das mellores da tribo billardeira.

Redacción - 14:00 29/05/2009
Markytos, da Conferencia NorLeste, sostendo o trofeo de campión absoluto de 2008

Markytos, da Conferencia NorLeste, sostendo o trofeo de campión absoluto de 2008

Así o contan dende a Liga Nacional de Billarda (LNB), "A Gran Muiñada fará saltar todos os medidores radioactivos e converterá este domingo 31 de maio a Compostela no Pyongyang galaico, pola espectacular condensación de protóns e neutróns Billardeiros", que se han xuntar no Campo de Fútbol de Conxo.

Será o segundo Play Off Nacional da LNB, que "fará saltar todas as alarmas no mundo occidental". En Conxo xuntaranse os palanadores e palanadoras clasificados nas tres Conferencias (NorLeste, NorOeste e Sur), e, sobre terra batida, enfrontaranse para coroarse como os mellores da competición xeral. O mesmo tentarán as franquicias -equipos- de cada conferencia. O domingo, Markytos (da Conferencia NorLeste) podería revalidar o seu título de campión nacional absoluto, pero para isto terá que pasear con bo pé nun territorio hostil, poboado por billardeiros e billardeiras das conferencias do Sur e do NorOeste.

Un ano máis, a LNB lembra o carácter autoxestionado desta competición, e agradécelle a súa colaboracións aos membros da Asociación de Xogos tradicionais de Compostela.

A idea é, e transmitímola directamente así a dixeron dende O Varal, a asociación promotora da LNB, que "este domingo 31 de maio todo o mundo vaia a Conxo, acender o o tractor estartelado da LNB para encher de zurro, purín e billardas o país enteiro!"

Os horarios do Gran Play Off de LNB

  • 11h30: Final feminina
  • 12h30: Final por equipos (Furabolos do Pino (NorOeste)- Paquete Pinchas (Sur)-Remourelle Bulls (NorLeste. O ano pasado foi outro equipo desta conferencia, os Billardeiros Musicais, o que levou o título)
  • Ao terminar: Xantar aberto (12 euros de prezo)
  • 16h30: Final de Varados
  • 17h30: Final individual absoluta


Ligazóns

3.86/5 (7 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Cartaz do Play Off Nacional 2009 (clique para ampliar)
Cartaz do Play Off Nacional 2009 (clique para ampliar)
Isto é unha billarda, e o pau co que se lle dá, o palán
Isto é unha billarda, e o pau co que se lle dá, o palán
E así é como se xoga, aínda que chova
E así é como se xoga, aínda que chova