Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Lista elaborada polos socialistas europeos

Unha ducia de eurocandidatos "arrepiantes"

Aparecen por exemplo o español Mayor Oreja, entre outros por negarse a condenar o franquismo, ou o británico Nick Griffin, que nega o Holocausto.

Redacción - 11:30 29/05/2009

"Non criticamos os candidatos senón as súas opinións", expoñen desde o Partido Socialista Europeo ao respecto da lista que difunden estes días a través de internet. "Facémolo porque pensamos que os votantes teñen dereito a ver non só os candidatos que eles votan directamente senón tamén quen son os seus aliados en Europa", advirten.

A lista aparece encabezada polo primeiro ministro italiano Silvio Berlusconi, quen paradoxalmente se colocou a si mesmo como cabeza de lista para estas eleccións en até cinco rexións electorais no seu país sen ter intención ningunha de ser eurodeputado. Recordan os socialistas a traxectoria política e xudicial do mandatario italiano, xulgado varias veces por escuros asuntos financeiros, atopado culpábel en tres ocasións, e responsábel indirecto de lexislacións que, tal e como o acusa a oposición, téñeno beneficiado de xeito directo a el e ás súas empresas.

Varios implicados en declaracións racistas
No terceiro lugar atopamos a Jaime Mayor Oreja, cabeza de lista do PP. De xeito especial, recordan os socialistas a súa reticencia a condenar o franquismo, expresada non só nalgunha entrevista xornalística senón tamén a súa negativa nun plenario celebrado en xullo de 2007 a apoiar unha declaración de condena do réxime franquista. Sinalan ademais o seu escaso traballo como parlamentario nos anos que leva de deputado na Eurocámara.

Outros políticos mencionados son por exemplo o francés Brice Hortefeux, da Union por un Mouvemento Populaire (UMP) integrada tamén no grupo do PP europeo, e que, por exemplo, declarou para as cámaras de televisión que os inmigrantes non son nin "honestos" nin "limpos". Tamén mencionados: o polaco Marian Krzaklewski (Platforma Obywatleska – integrado no PPE), quen ten afirmado que é máis doado botar un goberno abaixo que baixarse un litro de vodka, ou o británico Nick Griffin (British National Party), condenado por "incitar ao odio racial e denegación do Holocausto".

"A selección que achegamos era complicada xa que é ben certo que hai outros candidatos con opinións mesmo máis absurdas ou ofensivas", expoñen os socialistas. Recordan que alén dos que aparecen nesta lista, hai outros eurodeputados coñecidos pola súa negación do Holocausto, a súa defensa do fascismo ou a oposición á acción europea contra o cambio climático "que merecen condena e á vez rir deles". Ao respecto, instan os cidadáns a achegaren a súa propia escolma dos eurodeputados que consideren máis censurábeis.


4,6/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: