Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Europeas 2009

RSS de Europeas 2009
Acto político en Vilagarcía

"A segunda potencia pesqueira da UE ten que ter voz en Europa", reclama Ana Miranda

Doutra banda, o voceiro nacional do BNG, pídelle ao PP que explique as súas propostas no canto de "mentir" e axitar a coalición do Bloque con ERC como "espantallo".

Redacción - 09:30 30/05/2009

"Non se entende que Galiza, que é a segunda potencia pesqueira da UE non teña capacidade de acción directa nos órganos nos que se decide a política pesqueira, como a Comisión Europea ou o Consello", afirmou Ana Miranda durante a súa intervención na noite deste venres en Vilagarcía de Arousa. A cabeza de lista do BNG nesta cita coas urnas, indicou que a pesca e o marisqueo galegos "estiveron indefensos nos últimos anos en Europa", e subliñou que será a presenza do Bloque na Eurocámara o que consiga que se aposte polo sector.

De forma concreta, Miranda debullou que esixirá que os fondos europeos de pesca "non se vinculen ao desguace de barcos, algo que Galiza ten padecido nos últimos anos". Pola contra, propuxo que estes cartos sexan investidos na mellora das condicións de traballo dos mariñeiros". A número un da lista nacionalista laiouse das condicións de vida que teñen os mariñeiros "con salarios por debaixo do mínimo" e da situación na que mariscadoras e mariscadores "non poden nin percibir unha pensión".

Tamén explicou que o Bloque solicitará que a Unión Europea non interfira naqueles aspectos nos que Galiza ten competencias exclusivas, como a talla mínima da ameixa, as épocas de veda ou as os motores das embarcacións. "É inxustificábel que se nos limite a potencia dos motores cando aquí se necesita", dixo, "isto non é o Mediterráneo, e a Unión Europea debería entendelo", concluíu.

Vázquez censura que os rivais "non teñen nada que expoñer"
No mesmo mitin en Vilagarcía, o voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, desafiou o PP a dicir "dunha vez" cales son as propostas que teñen "para solucionar os problemas do país, do agro, da pesca, do medio ambiente, do benestar, etc, porque aínda non puxeron nin unha soa medida enriba da mesa". Vázquez retou o PP a "deixar de escudarse en mentiras" ao tempo que cualificaba a Alberto Núñez Feijoo de "mentiroso compulsivo".

O líder do Bloque retrucaba así as afirmacións do presidente da Xunta nas que Feijoo asegurou que votar BNG é igual que votar Esquerra Republicana de Cataluña, integrantes da coalición Europa dos pobos na que concorre o BNG. "O PP está a demostrar nesta campaña que non ten argumentos e por iso axita o espantallo de ERC", censurou. "Non din nada porque non teñen nada que propoñer", opinou sobre a actitude en campaña do PP. "Están absolutamente de acordo co modelo actual da UE, no que están Berlusconi, Sarkozy ou Merkel, un modelo contestado por milleiros de cidadáns da Unión Europea", subliñou.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: