Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Europeas 2009

RSS de Europeas 2009
Acto político en Ribeira

Feijoo agarda "a segunda maioría absoluta en só tres meses" para o PPdeG

"Esforzo, sacrificio e ideas", resume o líder do PPdeG os principios do seu partido.

Redacción - 09:30 30/05/2009

De "transcendentais" para conseguir que "Galiza e España sexan parte da solución de Europa" cualificou o líder do PPdeG e presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, os comicios europeos do mes vindeiro. "En Europa decídense o 80% das leis que rexen a convivencia e a economía galegas", advertiu durante a súa intervención nun mitin en Ribeira.

Na súa opinión, o electorado elixirá o próximo 7 de xuño entre "a experiencia que representan os dous candidatos do PPdeG –Carmen Fraga e Francisco Millán Mon-- e os experimentos da oposición bipartita". Segundo a reflexión de Núñez Feijoo, o PSOE, por un lado, "só inclúe a un galego nas súas listas" e o BNG "apoia unha candidatura encabezada polo independentista Oriol Junquera (ERC)".

Por este motivo, segundo Feijoo, votar PP "é a única maneira de colocar os verdadeiros problemas dos galegos na axenda política". Ao respecto, dixo estar convencido de que os populares galegos vanse impor nas urnas o vindeiro 7 de xuño protagonizando "a xesta histórica de lograr dúas maiorías absolutas en só tres meses".

Iniciativas fronte á crise
"Os países europeos ven España como o exemplo do que non hai que facer para superar as dificultades económicas", advertiu Feijoo, comparando o Executivo español, liderado polo PSOE, co bipartito, que, di o líder do PP, "negaba e se illaba da realidade".

"Negaron que houbera crise e xa estamos en plena recesión; negaron que se fose incrementar o paro, e xa temos máis de catro millóns de parados", relatou, lamentando que o PSOE "rexeitou tomar medidas excepcionais ao comezo da crise". Fronte a iso, insistiu en que o seu partido, desde a Xunta, ten como prioridade "xestionar de forma responsábel o diñeiro público", e insistiu en que o seu Goberno reduciu "até nun 30% o gasto en asesores".


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: