ostresdoeixo

Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
Polémica na Deputación

Baltar admite o uso privado do coche oficial pero acusa os rivais de facer igual

O presidente provincial do PP en Ourense, Xosé Luis Baltar, xustificou que o seu coche oficial transportase aos seus netos.

Redacción / Europa Press - 08:00 03/06/2009

"Se é un delito levar un neto cando sae pola mañá e o deixa no colexio, por que non é delito que a ex vicepresidente do Parlamento de Galicia apareza no coche oficial en Xinzo levando toda a familia", retrucou este martes o presidente provincial do PP e presidente da Deputación de Ourense, Xosé Luís Baltar. Respondía así, con referencias á deputada nacionalista Tereixa Paz, ás acusacións do senador do BNG, Xosé Manuel Pérez Bouza, quen censurara o seu uso do coche oficial da Deputación para ir a mitins electorais na campaña das eleccións europeas do 7 de xuño. Engadiu Baltar que en coches oficiais de dirixentes nacionalistas "circularon persoas de moi dubidosa personalidade".

De paso, o dirixente popular sinalou que a súa escolta recolle os seus netos no colexio "pero faino voluntariamente" e argumentou que "outra cousa sería que o obrigase a facer ese servizo". Di Baltar que estanse a "utilizar as cousas como mandan os canons e como hai que facer" e puntualiza que "non é ningún coche oficial do presidente da Deputación", senón que se trata dun turismo que "está asignado á escolta do presidente da Deputación". Ao respecto, asegurou que "na maioría dos casos", vai aos mitins no seu "coche particular". "Vai tamén cando o considera oportuno a miña escolta", xa que "ten que velar pola miña seguridade cando vou ao mitin, cando son presidente da Deputación e cando vou á miña casa", subliñou.

Doutra banda, Baltar aproveitou para pedirlle a Pérez Bouza --voceiro do grupo do BNG na Deputación de Ourense entre 2004 e 2008-- que explique "por que reside todo o ano en Barbadás e figura empadroado no Concello da Porqueira", xa que, recordou, "hai unha lei que che obriga a estar empadroado no sitio onde vives". Baltar insinuou que é para cobrar máis diñeiro polos desprazamentos. "Será porque cando vai á Deputación pode cobrar o desprazamento dende a Porqueira e non dende Barbadás, que está aí ao lado?".

Bouza di que Baltar "mente descaradamente"
En resposta, o senador do BNG, Xosé Manuel Pérez Bouza, acusou a Baltar de "mentir descaradamente" sobre o uso de vehículos da deputación para fins partidarios do PPdeG e asegurou que o barón popular "en calidade de líder provincial asistiu o pasado sábado a un mitin na Porqueira e así o corroboraron testemuñas de varios asistentes ao acto electoral".



Desta forma, cualificou de "mentira descarada" as declaracións do presidente provincial do PP ao asegurar que el "non utilizaba" o coche da deputación para a asistencia a actos de partido e esixiulle que "deixe de utilizar recursos públicos" para actos de partido". Por outro lado, preguntado na Xunta de Portavoces por esta cuestión, o voceiro de Grupo Parlamentario de PPdeG, Manuel Ruiz Rivas, asegurou descoñecer "ese uso ou se Baltar ten netos --aínda que matizou que sabía que ten unha neta--". "A opinión de quen descoñece non é importante", sentenciou.

Posicións "patéticas", avalía o PSOE
A voceiro do Grupo Socialista no Senado, Carmela Silva, denunciou a "hipocrisía" do PP por reprocharlle ao presidente do goberno español, José Luis Rodríguez Zapatero, o uso do Falcon para asistir a un mitin mentres outros membros do PP --en referencia ao presidente da Deputación de Ourense, Xosé Luis Baltar-- "non dubidan" en utilizar "medios financiados polo erario público" para fins "non só do partido senón persoais".



Neste contexto, Silva acusou ao PP de "ter dúas varas de medir" e agregou que os populares non poden criticar o xefe do Executivo por usar un avión oficial para trasladarse aos mitins, xa que "eles facían o mesmo durante a súa etapa de goberno, utilizando os coches oficiais para asistir aos mitins". "As posicións que mantén o PP son patéticas", sentenciou a voceiro socialista, moi crítica coa "dobre moral" dos populares e a súa "carencia absoluta de congruencia". A continuación, indicou que o presidente do PP, Mariano Rajoy "está obrigado" a dar explicacións nos próximos mitins sobre este asunto.


3,67/5 (3 votos)


Comentarios (9)

amoscaesquerdosa #1 3/Xuño/2009 amoscaesquerdosa
[Valora este comentario Positivo +2 Negativo]

A conversión deste Estado da "terceira idade" nun "Estado hampón", onde os ben públicos, a "res publica", púxose ao servizo dos intereses privados, dos empresarios, dos políticos que os serven, do "chiringuito" transformado en pauta de enriquecemento persoal... está a posibilitar unha clara diferenza entre esa "esquerda" que a penas se diferenza da dereita e a esquerda anticapitalista, alternativa, coerente, que plantexa que xa é hora de rematar cos políticos profesionais, de poñer tempos para exercer cargós políticos, que hai que impoñer que cobren o salario medio social, que deben ser revogables en todo momento...
Porque se un señor como Baltar fai as cousas que fai e por encima se regodea porque esa "esquerda" institucional fai o mesmo tapándolle así a boca, é que o cambio nin pode nin debe tardar...
Ver máis en amoscaesquerdosa.blogspot.com

Benchoseiv #2 3/Xuño/2009 Benchoseiv
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Chamarlhe "senhor" a esse teixúgo, é uma aldraxe pra os homes,e mesmo pra os bons dos teixugos.
É um "caciquillo fascistoide"sem nelhuma caste de formaçâo cultural, moral ou ética.Nâo ha mais que lembrar a reaçâo do dito "tourâo"no intre da votaçâo das derradeiras eleiçôes.
Um "caporal" com moitas ovelhinhas bem "pastadas".

malenacasal #3 3/Xuño/2009 malenacasal
[Valora este comentario Positivo +2 Negativo]

O PSOE que cale que vemos como fan, e os do PP xa por descontado.

Xistral #4 3/Xuño/2009 Xistral
[Valora este comentario Positivo +4 Negativo]

Baltar: o argumento do "e ti máis" non che dá a ti a razón ni fai que a túa acción sexa mellor.
Este argumento é unha variante do argumento "ad hominem" (ataque ás persoas) que se chama "tu quoque" (ti tamén). Ademais de ser un sofisma (argumento falso intencionadamente) non implica que a túa acción sexa mellor.
Non sei para que lle explico isto a Baltar que é un analfabeto.

papuxa70 #5 3/Xuño/2009 papuxa70
[Valora este comentario Positivo +2 Negativo]

Excusas de mal pagador¡¡¡

jujolor #6 3/Xuño/2009 jujolor
[Valora este comentario Positivo +2 Negativo]

cando te colleron dis que si, pero tes diculpa o demais tamen o fan
istos son os que nom iban gobernar con limpeza, si a limpeza e ista deus nos colla confesados.

sempre en galiza
nom poderan cos galegos e o galego

alpabarda #7 4/Xuño/2009 alpabarda
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

Baltar é o paradigma dun xeito de ver a vida e a función pública que entenden e apoian unha porcentaxe alta da poboación galega. O que ocorre e que os que critican a Baltar por esa forma de ver a vida, á hora da verdade, fan o mesmo. Hai centos de exemplos...

chegaliza #8 4/Xuño/2009 chegaliza
[Valora este comentario Positivo +2 Negativo]

PPCACIQUESFRANQUISTAS

Gaias #9 4/Xuño/2009 Gaias
[Valora este comentario Positivo +2 Negativo]

Os ourensans emigrando e este cacique no poder durante decadas vivindo de puta madre dos impostos dos cidadans. E ainda se seguiran votando!.

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: