Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
AVOGADO DOS TRABALLADORES DE PASCUAL

"Somos optimistas e agardamos que nos anuncien a retirada do ERE"

Os empregados da planta de Outeiro de Rei manterán unha xuntanza coa empresa este mércores, da que agardan unha solución.

Redacción - 13:10 03/06/2009

Os propios traballadores da planta de Pascual en Outeiro de Rei teñen a solución para evitar a extinción dos 155 contratos, tal e como formula o Expediente de Regulación de Emprego (ERE). A receita é sinxela, segundo nos explica o avogado laboralista que os asesora, Alberte Xullo Rodríguez Feixoo, "é evidente que o interese da empresa é vender a planta e cónstanos que o prezo estimado para o que xa teñen un principio de acordo ascende a 150 millóns de euros". Hai que ter en conta que, a maiores dese ingreso, Pascual terá que facer fronte ao pago das indemnizacións que lle correspondan aos traballadores polo despido e tempo de relación laboral coa empresa. "Pois ben, un método que contentaría a todos sería o de vender a planta cos empregados incluídos: gañaría Pascual, porque o líquido que deixaría de percibir por unha transacción menos favorábel aforraríao evitando o pago de ningunha compensación; gañaría a empresa compradora, porque acadaría unha planta a pleno rendemento e cun cadro de persoal formado e familiarizado co proceso de produción; e gañarían os traballadores, que manterían o seu emprego".

Menos dunha semana para chegar a acordos
Os representantes dos traballadores manterán unha xuntanza este mércores coa empresa e as súas expectativas son boas: "somos optimistas", di Rodríguez Feixoo, "porque contamos con todo o apoio institucional (do concello de Lugo, da Deputación provincial e da Xunta de Galiza) e sabemos que a razón está da nosa parte". Os 30 días que deben transcorrer, como mínimo, para a resolución do ERE expiran o vindeiro martes 9 de xuño, para cando os operarios agardan unha solución. "É certo que se pode prolongar aínda máis pero, de non haber acordo, a empresa tería que presentar un informe final perante a Dirección Xeral de Traballo e como se demostra que o expediente non está xustificado, o lóxico sería que se declarase non procedente".

Unha empresa que dá cartos
Varios son os motivos nos que se apoian os traballadores para fundamentar a ilegalidade de todo o procedemento. Para que o ERE prospere, a empresa debe alegar causas económicas, organizativas, tecnolóxicas ou de produción, pero segundo asegura Rodríguez Feixoo "neste caso ningunha está suficientemente fundamentada".

Entre as causas organizativas nas que se escuda a empresa está a pretensión de pechar a planta para centrarse nas outras tres do grupo, que están máis preto dos centros de consumo. Ao tempo, alegan como causa tecnolóxica a intención de apostar pola botella como envase fronte ao brik, no que está especializado o centro de Outeiro de Rei. Tamén falan de causas de produción, por mor da baixada do consumo de leite de marca fronte á de distribución ou marcas brancas, que gañaron moito mercado nos últimos meses.

Ademais da falta de argumentos e datos que confirmen estes motivos, a cuestión económica é aínda máis sangrante. Un informe encargado polos representantes dos traballadores revela que Leite Pascual obtivo beneficios durante os dous últimos anos, un documento que presentarán ante as administracións de ser necesarias as alegacións ao expediente. "Dende o primeiro momento nós denunciamos que esta non era máis que unha operación mercantil", di o avogado, "existe un fraude de lei porque non se cumpre ningún requisito, senón que a intención dende o principio era vender ao mellor prezo, e ese acadábase sen traballadores". Segundo informa este extremo mesmo chegou a ser confirmado pola propia empresa nas últimas xuntanzas: "primeiro dicían que isto non valía para nada, que o ían pechar e demoler, pero despois xa recoñeceron que este era un activo importante, que ademais lles podía servir de aval noutras operacións".

Os traballadores intúen que Pascual xa ten un comprador, polo que o futuro pasa ben porque este asuma a compra con empregados incluídos, ben porque xorda outro interesado. De momento, tanto a Xunta de Galiza como a propia empresa recoñeceron que houbo interese por parte de diferentes firmas, mais até o de agora non houbo ningunha definición dun proxecto de viabilidade. Con todo, o cadro de persoal confía en que sexa quen sexa o que merque a planta, verase animado polas axudas económicas que previsibelmente ofreza a administración galega, tal e como se comprometeu e tal e como fixo anteriormente con Pascual. Agora, din, só queda agardar a que chegue ese comprador.


Ligazóns

1/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Os traballadores protagonizaron diferentes manifestacións en Lugo e Santiago
Os traballadores protagonizaron diferentes manifestacións en Lugo e Santiago
Un informe encargado polos representantes dos traballadores revela que Leite Pascual obtivo beneficios durante os dous últimos anos
Un informe encargado polos representantes dos traballadores revela que Leite Pascual obtivo beneficios durante os dous últimos anos