Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CARMEN FRAGA, CANDIDATA Á EUROCÁMARA

"No Partido Popular somos mellor xestores e temos máis coidado cos cartos públicos"

A número sete do PP para as eleccións asegura en Vieiros que a defensa do galego non é prioritario en Europa, senón que son outros intereses os que deben primar. Vídeo no interior.

Isabel G. Couso (texto e vídeo) - 13:00 05/06/2009

Eurodeputada dende hai 15 anos, Carmen Fraga (León, 1948) ten fama de non calar a boca ante nada. E abofé que o seu carácter é unha das súas calidades. A experimentada política recíbenos na sede do seu partido en Santiago e fala ás claras, sen lixos na lingua, sobre as propostas do seu partido, sobre a pesca, o sector lácteo ou, se cadra o máis polémico, sobre a utilización do galego no Parlamento Europeo.

Cales son as prioridades da súa formación para esta cita electoral? Como encaixa Galiza na idea de Europa do seu partido?
Nós, malia estar nunha lista nacional, eu sempre dixen que temos un programa a nivel nacional e programas a nivel de comunidade autónoma. Galiza pode ser defendida mellor por nós que por ninguén porque estamos nun grupo político que é o maioritario da cámara. Ademais, a cota de deputados galegos é maior con respecto á doutros partidos. E, en terceiro lugar, nós temos un programa detallado de todos os problemas que afectan a Galiza, como pesca, agricultura, infraestruturas, medio ambiente... Por tanto, eu que defendín sempre a pesca galega en Bruxelas quero seguir facéndoo. E máis aínda agora que o Parlamento Europeo vai ter maiores competencias en materia de agricultura e pesca e, ao ser co-lexisladores co Consello de Ministros, poderemos remediar algúns dos abusos e arbitrariedades que o Consello comete nestas materias. Eu garanto que, como somos o único partido que temos un programa de pesca, estamos dispostos a defender mellor que ninguén os intereses de Galiza en Bruxelas.

Nos actos políticos do PP en Galiza, esas prioridades concretas que menciona, aparecen pouco ou fano secundariamente. Falan sobre todo do PSOE... igual que o PSOE fala de vostedes. Non fará iso que aumente o desinterese por estas eleccións?
Eu creo que a campaña se centra en acusacións, porque é o que resaltan os medios. Aquí moitas persoas non facemos máis que falar de Europa, dos seus problemas e de como nos podemos defender mellor alí, e despois sae o que a prensa, radio e televisión quere sacar. Eu creo que a campaña non se centrou niso, sei que todos os meus colegas e candidatos na lista estamos a falar de Europa, pero non controlamos o que sae nos medios de comunicación.

O que pasa que esa é despois a información que chega aos cidadáns, iso é certo. É unha pena, pero cando se nos acusa aos candidatos de non falar suficiente de Europa, creo que diso tamén se deben culpar os medios, que sacan o detalle, a anécdota, a frivolidade, e non se interesan polas cousas serias. En todo caso, as acusacións serán compartidas.

Conseguirá o sector naval de Ferrolterra a solución que lle reclama á UE?
Neste tema as propostas son coincidentes en todo o mundo, que se resolva o problema. Eu creo que o mellor momento será agora, cando comece a presidencia española en xaneiro do ano que vén. Pódese e débese resolver nese momento. Non hai ningún problema esencial que impida a resolución, é só cuestión de vontade política. Non creo que haxa máis nada que dicir.

E no caso do sector lácteo? Que solucións pode achegar Europa?
O PP o que propuxo é que a reforma que se acometeu hai uns meses nunca tivo que terse feito. Dixemos, e sinto ter acertado, que isto ía acusar o caos en España, Galiza e Europa. Proba de que foi un caos é que a propia comisaria de agricultura que tanto defendeu a reforma, ademais da nosa querida ministra Espinosa, tivo que volver a repoñer unha serie de instrumentos de xestión de mercado que eliminaran, como son as intervencións e as restitucións ás importacións. Ao mes de facer a reforma déronse conta da catástrofe que era. Hai que partir da base de que isto nunca se tivo que ter feito e que se a nosa ministra forzase unha minoría de bloqueo, seguramente se tivera conseguido paralizar. Tal é así que esta semana no Consello de Ministros de Agricultura, Alemaña, Francia e Austria volveron cuestionar a reforma.

En segundo lugar, as bases desta reforma só serviron para tratar dun xeito igual a desiguais, o que é a primeira vez que ocorre no sector lácteo. Non se pode tratar igual a países altamente deficitarios, como son España ou Galiza, que a países que son altamente excedentarios, como Alemaña ou Francia. Se para España, que temos un déficit e tres millóns, todo isto supón 300 mil toneladas de incremento, resulta que para os excentarios supón máis dun millón de incremento de toneladas. Claro, logo países que ademais son máis competitivos pola súa estrutura de produción están mandándonos o leite a prezos máis competitivos e conseguen afundir aínda máis o sector aquí. A iso pódese unir a crise económica, o descenso de consumo ou o que se queira, pero a verdade é que o caos creouse a partir desta reforma.

O que hai que facer é o que pediron no Consello estes países, que se volva a cuestionar a finalización das cotas en 2015, que o informe de avaliación do mercado se adiantase a agora. Por suposto, como a nosa ministra vendeu como un éxito e non como un fracaso todo o feito até o de agora non se sumou a ningunha das propostas. Pero as posíbeis análises para buscar as solucións teñen que ir por aí, que é exactamente o contrario do que se ten feito até o de agora.

O aproveitamento dos fondos europeos foi batalla política máis dunha vez en Galiza. Nos últimos tempos entrecruzáronse as acusacións da presunta dilapidación de cartos chegados da UE por uns e outros gobernos. Algunha recomendación para a nova Xunta?
Conseguir os fondos para España e para Galiza costa moito pero, despois, se non se aproveitan é problema das distintas administracións. Habería que ver casos concretos, pero por exemplo eu estiven vendo estes días en Outes as obras da variante que estaba aprobada na época do Partido Popular. Esa obra tiña consignados 20 millóns de inversión e estivo catro anos parada. Como ese moitos outros casos, e toda a infraestrutura de transportes que estaba prevista para Galiza non se fixo e, aínda máis, enganouse á cidadanía.

Na mesma liña, o goberno anterior da Xunta non gastou os cartos de pesca, non aprobou o Plan de Acuicultura, cando o fixo xa era o final dos fondos... O problema é que houbo malos xestores. Aquí en Galiza non se empregaron ben os fondos, o que é moi grave. Porque Galiza é unha comunidade eminentemente periférica, como España, é un país eminentemente montañoso, e para colocar os nosos produtos nos mercados, que principalmente están en Europa, son precisas as infraestruturas. Non se fixeron as conexións con Portugal, tampouco as conexións con Francia que xa estaban aprobadas da época do Partido Popular, non se fixo o AVE para conectarse co resto da península... Agardamos que agora todo este se mobilice, que se poida poñer en marcha as autopistas do mar... Algúns pelexamos por conseguir fondos, pero se despois non se utilizan ben... Eu digo que hai bos e malos xestores, non é só cousa de ter cartos, senón de saber empregalos. En xeral, a xente do PP é mellor xestora que os demais, e as probas me remito, temos máis coidado cos cartos públicos.

Nos últimos días vostede saíu á palestra acusando ao BNG de enganar á xente asegurando que o galego podería ser lingua oficial en Bruxelas, cousa que lle parecía imposíbel e accesoria. Cal é o posicionamento que defende o Partido Popular para a lingua galega en Europa?

É que parece que agora a prioridade é o tema da defensa das linguas cando no Tratado da Unión Europea xa se recoñece o dereito de multilingüismo, así que ninguén pode abandeirarse deste compromiso, cando xa é oficial. Aquí a lingua é de todos e de ninguén.

En segundo lugar, a prioridade da xente debe ser a defensa dos intereses na lingua que sexa. Non nos podemos centrar no accesorio e non no esencial. En terceiro lugar, todos coñecemos a política lingüística da Unión Europea e non se pode dicir que imos loitar para que o galego sexa unha lingua oficial porque á hora da verdade iso é imposíbel. E menos nunha coalición que leva tres linguas minoritarias.

As institucións europeas recoñecen 23 linguas oficiais. Despois hai outras 60 linguas minoritarias, é dicir, que se se oficializase o galego, o catalán ou o vasco, falariamos de 83 idiomas. Alguén pode explicarme que institución pode aguantar iso operativamente e no plano financeiro? Con 23 linguas na actualidade hai un total de 506 combinacións lingüísticas diferentes. Iso exixe que agora mesmo o Parlamento Europeo teña no seu cadro de persoal 700 tradutores, aos que se suman 2.000 freelance. É dicir, en cada sesión plenaria hai un milleiro de intérpretes traballando.

A política lingüística das institucións europeas ascende aproximadamente a 1.000 millóns de euros ao ano, que é máis que a política común pesqueira. Pregúntelle a un mariñeiro se prefire que o diñeiro se empregue en meter 60 linguas minoritarias ou a outros temas.

Ademais, dicir como o fai esa coalición na que se inclúe o BNG, que se poderá introducir o galego é falso. Porque a tendencia é a diminuír o número de linguas para que a operatividade sexa maior e o custe menor. Ademais, hai tres linguas prioritarias, que son alemán, francés e inglés, e o que estamos intentando é que o español sexa a cuarta. Obviamente eu apoio ao galego, pero como xa se recoñece no Tratado; dicir que se vai a facer oficial é enganar á xente.


1,5/5 (8 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: