Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
Dramático partido contra o Alavés

O Celta sálvase grazas a un xogador do segundo equipo

Os vigueses estaban nerviosos, porque xogaban a permanencia. Finalmente, un gol de Iago Aspas deixou o marcador a 2-1. O Alavés quedou na corda frouxa.

Redacción - 10:30 07/06/2009

O debutante Iago Aspas salvou o seu equipo do descenso, conseguindo anotar os dous tantos que empurrarían o Alavés á zona perigosa, cara Segunda B. Tras unha tempada marcada polo sufrimento e nun dramático partido, o xogador do filial conseguiu os dous goles que farían prevalecer o Celta. Finalmente o marcador quedou a 2-1, unha cifra que lle dá a permanencia matemática aos celestes.

Aínda que os xogadores do Alavés gozaron de oportunidades moi claras cando ían empatados a cero, os celestes agardaron pola chegada de Iago Aspas, irmán do ex xogador do Celta Jonathan Aspas, que revolucionou o partido coas súas xogadas. O adestrador celeste, Eusebio, que estivo moi nervioso durante todo o encontro, deulle no minuto 59 a oportunidade a Aspas, quen saíu para converterse no salvador do seu equipo. Daquela viráronse as tornas, e as bancadas de Balaídos deixaron de sufrir.

Era a tarde de Iago Aspas
Logo de varias intentonas, que deixaron pegada na defensa vasca, o moañés conseguiu, no minuto 80 e dun testarazo, marcar o primeiro tanto, e facer estourar Balaídos nun berro común. Aínda que os afeccionados celestes habían enmudecer minutos despois, cando chegou o gol do empate do Alavés, que marcaba Juanjo, a falta de dous minutos para a final.

Pero esta era a tarde de Aspas, quen se encargou de soterrar o medo e os nervios do seu equipo, e das bancadas enteiras en Balaídos, marcando o segundo gol no último momento.

Os datos:
Celta de Vigo: Falcón; Edu Moya, Noguerol, Jordi, Roberto Lago; Rosada, Trashorras (Jonathan Vila, min. 87), Michu; Óscar Díaz (Iago Aspas, min. 59), Dani Abalo (Danilo, min. 83) e David Rodríguez.
Alavés: Bernardo; Calderón, César, Almirón, Llorente; Garitano, Garro (Moreno, min. 78); Cuevas (De Marcos, min. 50), Emilio, Igor; e Javi Guerra (Juanjo, min. 67).
Goles: 1-0, min. 80: Iago Aspas. 1-1, min. 88: Juanjo. 2-1, min. 90: Iago Aspas.
Incidencias
: Encontro correspondente á xornada 40 da Liga de Segunda División, disputado no estadio municipal de Balaídos, en Vigo, ante uns 25 mil espectadores.


5/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: