Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
EMILIO JOSÉ, MÚSICO

"O disco empeceino pensando na independencia de Ourense e acabei escribindo cancións de amor"

Publica 'Chorando Apréndese', un disco dobre que presenta cun concerto, a medianoite, no tunel da Autovía das Rías Baixas ao seu paso por Quins.

M.S.P. - 17:25 14/06/2009

Cando se fala de Emilio José é inevitábel referirse nalgún momento a Apeiron e o seu 'Todo sigue intacto', un dos mellores discos da primeira metade da década en todo o Estado para boa parte da crítica. Aquel experimento de electrónica contida e intelixente, próximo ao que naquel tempo andaban facendo Múm ou Hood, non tivo continuidade, malia as repetidas promesas dun segundo álbum. Emilio José dálle esa continuidade en Chorando Apréndese, un álbum dobre editado polo selo barcelonés Foehn Records, historias de Ourense e de amor, nacidas e gravadas orixinalmente na casa, co tropicalismo e a música brasileira como base.

Emilio José presentou o seu esperadísimo traballo nun concerto que tivo lugar este venres, no túnel da Autovía Vigo-Ourense ao seu paso por Quins.

No disco, aínda que é variado no estilo, chámame a atención un gusto polos ritmos tropicais, mesturados co pop; recórdame un pouco a algunha música que se está facendo ultimamente en Barcelona (El Guincho, Coconot, Extraperlo...). Gústanche estes grupos, sentes que estás cerca deles?

A min de Barcelona gústame Joe Crepúsculo, incluso a pesar do seu regusto oitenteiro. El Guincho, sinceramente, paréceme un boom creado a partir do último de Panda Bear. De feito, literalmente: sei que é algo malicioso, pero dende marzo-abril que saíu o "Person Pitch" ata creo que setembro que gravou "Alegranza", tivo tempo de sobra para construir esas cancións que, polo demáis, son loops guays ben ordenados. A ver o próximo, que parece que está a punto. É dicir: non me disgusta, pero é un pouco coma o "Bitte Orca" dos Dirty Projectors: a base de exprimir e exprimir o pasado, incluso o sector máis elitista do indie (que realmente xa non sei onde anda, pero nalgún sitio estará) acabará batendo as palmas nun concerto de Yes no escenario principal do Primavera Sound. Coconot non sei antes, pero este último disco é "Alegranza" un pouco máis relaxado, e Extraperlo son como a "Orquestra El Guincho", máis ou menos. vamos: todo moi endogámico. Por outra parte, o seu sonido é como centroamericano (co rollo africano tan de moda de por medio), mentres que eu, cando me poño tropical, é exclusivamente no sentido brasileiro. Uhm, menos en "Antigua", que é unha rumba-reggaeton que intenta recrear o estado mental de D'Angelo cando estaba desintoxicándose alí, en Antigua, na clínica de Eric Clapton. E, en fin, a min vaime máis o rock'n'roll, en xeral.

Que música escoitas? Cal sentes que inflúe nas túas composicións?

Estes días ando a tope con France Gall, Françoise Hardy e, sobre todo, Brigitte Fontaine (e, por proximidade, o Art Ensemble of Chicago). E tamén escoito moito rap, sobre todo estadounidense e de finais dos 80. De agora, gústame bastante o de Telepathe, sobre todo "Chromes on it". E tamén a primeira do último do tipo de Smog. Bueno, e máis que non recordo neste momento, claro. E o que máis me inflúe creo que é a sensación chispeante que produce escoitar certos estribillos, como os de Lesley Gore. E logo, todo o demáis.

Que efecto está tendo sobre a música a facilidade para gravar na casa, e para distribuír estas cancións? Nótase máis frescura?
A frescura é aparente. Por moito que se fale da inmediatez de internet, segue sendo coma toda a vida: quen está apoiado por un medio poderoso (discográfica, promotora ou revista...) sae, tarde ou cedo, sae. E quen non, non. Ademáis, o suposto efecto de frescura débese máis á velocidade coa que pasan cancións e cancións por diante de nós que a que as cancións sexan frescas en si. Creo que o que si é fresco é o audiovisual, que hoxe ten moita máis importancia que a música.

Como compós as letras. Que é o che inspira? Que queres contar?
Este disco empeceino pensando na independencia de Ourense, como Estado, de España e Galiza, e, coma sempre, acabei escribindo cancións de amor. Unha fixación que teño é a de escribir letras que logo non soen rículas en directo, que sinta que cando as canto o público poida conectar. Se non, non me ten sentido.

Ti aprendiches algo chorando?
Cando o penalty de Djukic aprendín chorando que a prepotencia dos culés é infinita, e, aparte diso, tamén aprendín chorando que, dun xeito ou doutro, hai que coidar ben o que queres, sobre todo se é guapa, a máis guapa.

No teu myspace escribes que a verdadeira cultura libre é 'borrar os nomes', a creación anónima. Entendín ben? Ti dis que 'non tes collóns', queres que alguén che amose o camiño...
Eu opóñome radicalmente a cousas coma o creative commons. Eu mesmo pensei en sacar "Chorando Apréndese" cunha licencia así, pero logo vin que se trata do mesmo que a Sgae, só que gratis. Esa é a única diferencia. As chorradas de "isto pódese descargar pero non modificar", ou "esto pódese modificar sempre que se faga constar"... Polo demáis, non deixa de ser unha especie de etiqueta de modernidade, unha cousa trendy, toda esa fanfarronada de "cultura libre". Por un lado, está o que mencionabas antes da gravación na casa, que dende logo posibilita sacar gratis todo o material, e iso está moi ben. Pero por outro, hai unha manifesta proliferación de concertos, o que é fenomenal, pero sempre que todo o mundo que defenda a "cultura libre" dea os concertos de gratis, pola cara, igual que dá os seus discos. Non teño unha estatística, pero é obvio que se cobra. Dáme igual se son 100 euros, 1.000 ou 10.000. Polo tanto, é normal que ninguén teña reparos en regalar as súas gravacións: son simples mostras de cara ao directo. Por iso digo o de borrar os nomes; quen crea na liberdade, que non publicite a súa marca nos blogs, que borre o seu myspace e que se negue a aceptar un euro por tocar. Eu serei o primeiro en seguir eso, pero non vou ser o tonto que o poña en práctica. Cando se supón que iso (a cultura libre) é algo moi de esquerdas, o que realmente fai o Creative Commons é darlle á maquinaria capitalista material, e material, e material, para seguir producindo cartos... E ben sabemos que se fan máis euros tocando que vendendo discos. Porque iso si: non creo que ningún defensor desa "cultura libre" renuncie á súa nómina mensual (traballando nunha oficina, ou nunha fábrica, onde sexa), se é que a ten, ou non espere cobrala.

Como vai ser esa presentación do disco na autovía? Costa imaxinalo; podes describir un pouco como o estades montando?
Pois tocaremos case todo o disco e algunha canción máis, tampouco é que vaia haber bailarinas nin fogos artificiais. Bueno, o dos fogos está por ver. Polo demáis, os da comisión de festas (que son o 13, Santo Antonio) van poñer unha barra no túnel, e os prezos serán como de 2006. Eu estou moi ilusionado, porque xa non é que nunca haxa concertos nese túnel, senón que en Quins apenas pasa nada así nunca. E espero que a xente non se asuste, e, sobre todo, que o pase ben. Está todo o mundo invitado :-)

Vai haber xira? Vas tocar moito en directo o disco?
A intención é esa: dar 30 concertos ao mes. Pero a día de hoxe só está confirmado o do Festipousa, o 1 de agosto. Que, por certo, é gratis.

Como está sendo a túa relación coa xente de Foehn? Por exemplo, que opinaron da túa idea de que o disco fose dobre? Tes algunha esixencia de promoción?
Realmente o cd dobre foi idea deles: eu mandeille o primeiro, e como se quedaban fora cancións coma "Rio Grande do Sul", que me gusta moito pero non cadraba co primeiro cd, comentáronme que podía meter nunha segunda galleta as cancións máis... pegadizas. Entón eu metín esa como referencia musical, e fixen todas as demáis, por eso tardou en saír (o previsto era xaneiro). Esixencias, ningunha. Nin deles, nin miña. Tampouco estamos ao nivel de plantearnos esixencias, supoño.

Antes do disco puxeches na rede varios eps con ducias de cancións? Canto material tes por aí gardado? Nunha semana inspirada cantas cancións podes chegar a gravar?
Iso depende. Cancións chispeantes, non saen así como así. Neses eps hai de todo: unha gústame moito e quéroa tocar sempre en directo, outras son só para piano, hai música electrónica e versións de panxoliñas, e outras, directamente, son infumables. Con respecto á inspiración, a música da maioría das cancións do primeiro cd fíxena en dous días, no verán de 2007. Logo as letras, se quero que sexan un pouco decentes, lévanme máis tempo.

Como é o teu traballo coa música? Como compós, como gravas, con queprogramas e aparellos?
O 90% escríboo co piano, cantando "lalala" no lugar das letras. Logo, un día que me cadra igual escoito algunha gravación e, se aínda me gusta, claro, grávoa máis en serio, e fago a letra. Gravo na casa, eu só, e uso o Reason para o midi e o Cubase para o resto.

Como recibistes o éxito de Apeiron no seu momento? Foi aclamado pola crítica en todo o Estado e non tivo continuidade, que pasou?
Éxito... Non pasou nada: emprezamos a gravar no verán de 2003 o seguinte disco, e aínda estamos. Houbo varios momentos nos que parecía que xa o tiñamos, pero sempre aparecían ideas novas, e correcións, e, tendo en conta que (cando menos eu, persoalmente) estou seguro de que a recepción, de público e crítica, vai ser catastrófica, pois é mellor acabalo ben para asegurarse de que sexa realmente catastrófica.

Haberá novo material de Apeiron?
Podes estar seguro! Aínda que os tres compoñentes morresemos mañá, hai discos duros, dvds e cds suficientes como para facer unha antoloxía inédita.


4,88/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: