Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Irimia

Xestionado pola Asociación Irimia
RSS de Irimia
O TRASNO

Somos queirugas

"Seguramente non chegamos a Torres, nin a Espartacos, pero hoxe queremos e podemos ser queirugas". Un artigo sobre Andrés Torres Queiruga no Canal Irimia.

Daniel López Muñoz - 10:00 13/06/2009
Andrés Torres Queiruga

Andrés Torres Queiruga

Seguramente non chegamos a Torres, nin a Espartacos, pero hoxe queremos e podemos ser queirugas. A queiruga ou queiroga é do xénero erica, coma o breixo, a carroucha, a uz ou urceira; “torga”, que din en portugués, apelido de poeta. É flor ventureira e enxebre, amiga do limpo, humilde no inmenso.

A queiruga viste o monte, faino branco e morado, téceo de color. As queirugas pequeneiras fan do monte, pesado e pétreo cal solemne institución, un contento para a vista e un acubillo para o corazón dos camiñantes. As queirugas, de raíz forte na terra, humanizan a golpe de flor o que é de seu esgrevio e abraiante.

Andrés Torres, o “Queiruga”,  pintou de cores amables o misterio, escribiu de Deus coma quen grafittea unha flor de uz na casula do arcebispo. Non fixo manipulable nin fácil o incomprensible, nin o fixo barato, que o amor incondicionado nunca o é. Fíxoo, iso si, algo máis achegado, sedutor e desafiante, pronunciable sen insultar a humana intelixencia, capaz de ser vivido sen necesidade que pechar os ollos ao sufrimento do inocente, capaz tamén de coexistir coa emancipada sospeita académica, coa diversidade máis diversa, coa vida, nada máis e nada menos.

Andrés –que tamén ten un aquel de Torres, que todo hai que dicilo, e ollo que as torres caen pero as flores montesías teñen raíces de mal arrinque!- leva unha vida enteira de disciplinada reflexión que contempla, de contemplación que aguilloa e alimenta. Por iso as flores do Queiruga no medio do granito son pinceladas de primavera entre os penedos e, no cadro en conxunto, fan un fondo de tapiz verde-violeta, tépedo, rumor de cousas divinas, sorprendentes nestes tempos, como esa “certeza de se sentir amado e acollido por Deus, alegría invencible de saber que a propia existencia está traspasada por un amor meirande ca todo obstáculo e por unha esperanza máis forte có fracaso e a morte” (don Andres dixit, que así sexa).

Disque no monte das queirugas os inquisidores queren facer unha canteira, pero que a reacción foi tan grande e bonita que agora non ousan dar a orde aos artilleiros. Pode que o fagan. Daquela van pillar unha fartura épica de caldeirada de escoura e de cascallos en vinagre, e morrerán dunha indixestión de ortodoxa ausencia de color.

A vida seguirá, por outros montes.


5/5 (26 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: