Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
GREGORIO RAMOS MISIONÉ, SUBCAMPIÓN OLÍMPICO

“Quédome coa sensación de ser pioneiro dos nosos grandes piragüistas”

O primeiro padexeiro galego en gañar unha medalla olímpica analiza para Vieiros a súa traxectoria e os cambios experimentados polo piragüismo dende a súa retirada.

Pablo García Martínez - 10:20 21/06/2009
Ramos Misioné na súa época de competición

Ramos Misioné na súa época de competición

Luís Gregorio Ramos Misioné (Oviedo, 1953) foi o primeiro galego en gañar unha medalla olímpica despois das catro colleitadas por Pedro Cea, Moncho Gil e Luís Otero cos equipos de fútbol, nos anos 20. Misióné participou nunha mítica embarcación de K-4, que estivo a piques de traernos a primeira medalla de ouro do noso piragüismo en Montreal, no ano 1976. Daquela o equipo ruso levou a vitoria cunha vantaxe de 26 milésimas, pero Misioné xa fixera historia. Despois viría outra medalla olímpica, un bronce no K-2, e polo medio quedan sete medallas en campionatos do mundo (entre eles a medalla de ouro en K-4 no ano 75) e outras tantas en europeos, tamén cunha medalla de ouro. Ao ano de nacer Gregorio trasladouse a Lugo, onde comezaría no mundo do piragüismo da man do seu club de toda a vida: o Cidade de Lugo Fluvial. Alí volvería ao rematar a súa carreira, para contribuír coa súa excelsa experiencia ao crecemento dos novos padexeiros.

Como coñeciches o piragüismo?

En Lugo xa había dous piragüistas competindo en mundiais e Xogos Olímpicos, como eran Vilar Chillares e Pedro Cuesta. Ademais, o Club Fluvial, que é un dos máis antigos do estado, xa era moi popular na cidade daquela.

Como pasaches de ser un rapaz ao que lle gustaba o piragüismo a un deportista de élite?
Dende un principio axudoume o feito de ser eu un rapaz con moita ilusión polo deporte, e collino con moitas ganas. Despois influíu tamén que tivera unhas boas condicións para poder practicalo: era alto e forte, para aquel tempo, e moi disciplinado tanto cos adestradores como co propio deporte.

Os mellores resultados acadáchelos co K-4 que conformabas con Celorrio, Díaz Flor e Herminio Menéndez, cos que acadaches un subcampionato olímpico no 76, un campionato do mundo e multitude de medallas en mundiais e europeos. Cal era o factor que determinaba o voso éxito?
Tiñamos uns bos resultados individuais e eramos bos amigos. A nivel individual eramos moi fortes, e de feito houbo veces en que, competindo no K-1 chegabamos os catro á final dunha regata internacional. Iso era algo que ningunha outra selección podía conseguir. Despois tamén estabamos moi compenetrados. Eramos catro homes que funcionaban coma se foran un só.

Que motivou a túa progresiva retirada da elite, cando aínda eras competitivo?
Despois de 15 anos na selección española chegou un momento en que psicoloxicamente estaba esgotado. Tiña facultades para seguir competindo, e de feito seguín gañando un par de anos máis o campionato estatal sen moitos problemas, pero tanto viaxar remátate cansando. Cando o deixas sempre tes algo de morriña, pero eu prefiro quedarme coa sensación de que fomos os pioneiros dos grandes resultados que acadan agora os excelentes deportistas que temos hoxe.

En que aspectos da túa formación como persoa te influíu máis a túa experiencia deportiva?
Eu sempre digo que o deporte de elite inflúe para ben, resulta fundamental para mellorar aspectos como o compañeirismo ou os hábitos alimenticios. Ademais viaxas, e isto permíteche coñecer outros lugares e outras culturas, que é sempre positivo. Outra mudanza que produce é que despois de ser deportista de elite, cando ves aos que veñen agora facendo grandes cousas consegues apreciar todo o sacrificio que hai detrás dos seus éxitos.

Cales consideras os motivos fundamentais dos éxitos que o piragüismo colleita en Galiza?
É moi importante o feito de que teñamos dende hai moitos anos clubs traballando na práctica do piragüismo, como foi en primeiro lugar o Cidade de Lugo Fluvial e despois outros como os de Tui ou Pontevedra. Aquí tamén temos a sorte de que podes practicar piragüismo en toda Galiza, nas rías, nos ríos ou nos encoros. O núcleo deste deporte, igual que acontece con outros, está hoxe no Centro Galego de Tecnificación Deportiva, e de alí saíron algúns dos mellores deportistas que temos hoxe como David Cal, Teresa Portela ou Carlos Pérez. Hai moita xente que está traballando como técnicos e doutores, pero tamén membros da federación ou directivos dos clubs.

Despois de deixar a competición de elite seguiches vencellado ao Club Fluvial de Lugo e mantivécheste en contacto coas novas xeracións do piragüismo. En que pensas que mudou o seu traballo con respecto á túa época?
Os principais cambios no eido dos sistemas de adestramento veñen dados pola especialización dos padexeiros. Agora podes velos correndo dúas distancias diferentes, como moito, pero é moi difícil ver ao mesmo deportista correndo os mil metros e tamén distancias de maratón. Iso agora xa non se fai, entón as tácticas de adestramento son moi específicas, adaptadas á distancia en que compiten. Despois, en todos estes anos, tamén se produciron moitos cambios no material de competición.

Que parte da responsabilidade teñen os adestradores no éxito dos padexeiros?
Está claro que o fundamental é o deportista, pero o adestrador ten moita importancia. Ademais dos conceptos técnicos o adestrador encárgase de preparar todo: planifica as épocas de maior e menor rendemento, os descansos, onde e como se compite, e ademais fai de mánager. É o encargado de facer que o deportista acabe indo ben. Despois cada un ten o seu método, pero teñen un peso moi importante no traballo dos padexeiros. Un bo exemplo témolo no caso de David Cal, que está moi unido a Suso Morlán.


4,33/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: