Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
En Bulgaria

Capturan o Agim Çeku, ex primeiro ministro kosovar, acusado de crimes de guerra

O antigo comandante do Exército de Liberación de Kosovo, colaborador da OTAN no ataque a Serbia, foi detido en tres ocasións anteriores.

Redacción - 12:15 24/06/2009
Agim Çeku

Agim Çeku

As autoridades de Bulgaria están á espera de que chegue a documentación da Interpol para decidir se entregan a Serbia o ex primeiro ministro kosovar Agim Çeku (2006-2008), detido este martes á noite pola Policía de Bulgaria.

Belgrado emitira unha orde de arresto internacional contra el por crimes de guerra contra a comunidade serbia de Kosovo.

Fontes da fiscalía explicaron que Çeku permanecerá 72 horas baixo custodia en Bulgaria á espera da decisión. A Policía detívoo na fronteira entre Bulgaria e Macedonia, en cumprimento da orde de emitida por Serbia a través de Interpol.

Sofía está á espera de recibir os documentos da Interpol e decidirá o venres como proceder, segundo declarou o fiscal xefe de Bulgaria, Boris Velchev.

Serbia acusou o Çeku, antigo comandante do Exército de Liberación de Kosovo (ELK) durante a guerra de 1998-1999, e outros líderes albanokosovares, incluído o actual primeiro ministro, Hashim Thaçi.

O Goberno kosovar pediulle á Interpol e a outros países que ignoren as reclamacións de Serbia. O Tribunal Penal Internacional para a antiga Iugoslavia (ICTY) non imputou a Çeku.

Colaborador da OTAN
Çeku fora invitado a Bulgaria polo ex primeiro ministro Solomon Passy, que explicou aos medios de comunicación locais que o ex dirixente kosovar participara nunha iniciativa para axudar na adhesión de Kosovo á OTAN.

Con esta xa son catro as veces que foi detido. Nas ocasións anteriores (entre 2003 e 2004), as autoridades de Eslovenia e Hungría negáronse a o entregar a Serbia debido ás presións da ONU.

O pasado mes de maio, abandonou Colombia logo de que as autoridades deste país emitisen unha orde de expulsión en resposta á petición das autoridades serbias para que o detivesen.

Çeku desertou en 1991 do Exército iugoslavo. Serviu no croata durante a guerra contra a poboación serbocroata da autoproclamada república da Krajina.

Dende 1999 foi comandante militar do ELK, e serviu de enlace coa OTAN durante os bombardeos dese ano. Posteriormente foi o comandante en xefe do Corpo de Protección de Kosovo, dependente da misión da ONU (Minuk).


3.67/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: