Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Na 17ª xornada de paro do sector

Os antidisturbios cargan contra os folguistas fronte a Citroën

O convenio colectivo que se está a negociar dende hai máis de tres meses afecta uns 27 mil traballadores. A vindeira semana sindicatos e patronal deberán tomar unha decisión.

Redacción - 14:45 25/06/2009
Imaxes da policía acompañando os operarios do metal polas rúas de Vigo, esta terza feira / CIG

Imaxes da policía acompañando os operarios do metal polas rúas de Vigo, esta terza feira / CIG

Esta quinta feira estaban chamados a secundar unha folga xeral no sector metalúrxico da provincia de Pontevedra uns 40 mil traballadores, xa que o paro se estendía durante esta xornada tamén ás empresas con convenio propio, como é o caso do Grupo PSA Peugeot-Citroën. Esta folga xeral foi convocada só pola CIG, xa que nin UXT nin CCOO a apoiaron.

Por volta das 8h00 da mañá, os operarios comezaron a saír dos seus centros de traballo, tendo previsto percorrer as principais rúas de Vigo, como noutras ocasións, e desenvolver unha asemblea na Praza do Rei. Porén, os incidentes comezaron ben cedo, na contorna do estaleiro Metalships, no barrio de Teis. Segundo fontes sindicais, os antidisturbios increparon os traballadores que permanecían fronte á factoría naval formando piquetes "en grupos separados e sen cortar o tránsito". Estas mesmas fontes explicaron que os axentes comezaron a realizar identificacións e rexistros de automóbiles. Así, a situación foise volvendo máis tensa, e derivou "nun par de cargas" a un grupo de folguistas, que recibiron "porrazos" e algún "empurrón" cos escudos dos antidisturbios.

Con todo, fontes da subdelegación do goberno español en Pontevedra rexeitaron que se producise unha "carga" na que se empregasen "elementos disuasorios", e precisaron que "a intervención" se realizou mediante "empurróns", co obxectivo de "facilitar" a entrada aos operarios que desexaban acudir aos seus postos de traballo. Así mesmo, estas mesmas fontes explicaron que sobre as 04h00 os piquetes tentaron "boicotear" a entrada de traballadores na factoría de PSA Peugeot-Citroën, polo que a policía española tamén interveu, "co fin de evitalo".

Os antidisturbios volven cargar para disolver os folguistas na contorna de Citroën
Despois dos incidentes de primeira hora da mañá, por volta das 14h00, cando se había producir a mudanza de quenda en Citroën, a situación volvía ser tensa na contorna da fábrica automobilística viguesa.

Minutos antes das 14h00, cando os folguistas levaban unha hora concentrados, produciuse a terceira carga policial da xornada, na confluencia da rúa Olímpicos e Manuel de Castro, que se saldou co lanzamento de pelotas de goma por parte dos axentes, unha das cales impactou contra unha transeúnte, que se queixaba de dor nunha coxa e que tivo  que resgardarse nun portal.

Os axentes, que ían a pé, entraron posteriormente nos seus respectivos furgóns para emprender a marcha por diversas rúas da contorna de Citroën, co obxectivo de tentar disolver os grupos de piquetes que permanecían na zona da factoría, entre elas as citadas rúas Olímpicos e Manuel de Castro e tamén a rúa Fragoso, onde se produciron novos enfrontamentos.

Sobre as 14h15, a situación xa volvera á normalidade, aínda que en toda a zona continuaba a haber unha forte presenza policial. Como resultado dos distintos enfrontamentos, podíanse ver colectores envorcados na calzada e pedras que foran guindadas. Posteriormente, os folguistas volvéronse reunir en asemblea, para disolver a concentración fronte a Citroën. Após uns minutos, decidiron emprender a marcha até o estaleiro de Barreras.

A vindeira semana retómanse as negociacións
Mentres, as negociacións están estancadas, e non se prevé que haxa ningunha novidade até a vindeira terza feira 30 de xuño, cando as dúas partes implicadas no conflito, sindicatos e patronal, terán que dar resposta a unha proposta de acordo entregada polos mediadores da Xunta e do goberno español, cunha proposta concreta de suba salarial, que as Administración describen como intermedia entre a dunha parte e a da outra.


5/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: